Un novo paso para a lectura dos soños

Esta noite estiven no Parque da Natureza de Cabárceno. A través da ventá da cabana podíanse ver os cervos ou os linces que agora habitan a antiga mina de extracción de ferro da localidade cántabra. O caso é que no medio dos animais había un tigre cunha cabeza moi grande. Pero esaxeradamente grande. Coma un mundo.

O mellor dos soños é que nolos cremos mentres durmimos. Ningunha incongruencia nos parece ilóxica e todas as personaxes son benvidas neles. Un bo soño é unha mestura de ideas, verbas, imaxes e bechos arrolándose nun caixón de xastre. Nós estamos dentro, indemnes, sempre a punto de ser golpeados polo seguinte elemento que o noso cerebro se empeña en empregar, pero finalmente a salvo de todo o que nos persegue. Incluso dunha vella tola que suxeita un fouciño nun portal do que resulta imposible escapar.

IMG_3338

© Sara Yáñez

Os neurólogos do campus de Prescott Valley da Northcentral University, en Arizona, seguen investigando como se compoñen as escenas que vivimos cada noite (si, aínda estamos así). O porqué de que case nunca nos atropele un camión ou nos precipitemos ó baleiro responde ó nivel de activación das diferentes áreas cerebrais. As sensacións, por exemplo, non teñen tanta forza durante o soño. Son os lóbulos temporais e parietais, encargados de procesar as imaxes, os que están máis activos. Non obstante, que o cerebro comprenda o que ve non quere dicir que teña un sentido crítico; non aporta unha explicación lóxica para as imaxes estrañas que nos asaltan durante a noite. Isto sucede porque a parte do cerebro que contrasta o que é realmente posible está desconectada durante o sono.

Quizabes este sexa un tema moi recorrente, pero o mundo dos soños é fantástico polo simple feito de que nos permite entregarnos á loucura tombados e tan a gusto. Dicía o filósofo alemán Immanuel Kant que “o soño é unha arte poética involuntaria”, así que imaxinemos que polas noites nos convertemos en cineastas. Os investigadores buscan saber de onde sae o atrezzo de obxectos, o reparto de personaxes e o catálogo de localizacións que aparecen no noso filme nocturno. Xunto co absurdo argumento que o guía todo.

A neurociencia ten agora indicios firmes de que soñar é un mecanismo necesario para a memorización. A orde en que solemos memorizar as situacións respondería en primeiro lugar ás localizacións ou espazos, despois ás persoas e por último ós obxectos que interviñeron na acción. Varios experimentos realizados na Universidade británica de Swansea axudan a comprender a composición das escenas e a súa relación cos recordos. As experiencias do día quedan pululando no hipocampo (estrutura do cerebro humano onde se sitúa a memoria máis inmediata) para despois, nun proceso que dura unha semana, asentarse como recordos duradeiros. Finalmente pasan á memoria a longo prazo. Cando as experiencias vividas solidifican, transitan de novo por un nivel máis consciente cara a súa morada definitiva. Neste camiño mestúranse cos recordos do día para dar lugar a unha comedia desenfadada, chea de situacións equívocas que provocan a hilaridade na mente de quen soña.

IMG_0331

Viveiro, popularmente coñecido como Mordor | © Sara Yáñez

Ao tratar de facer útil a información que o cerebro está almacenando, esperta outros recordos ou datos similares escondidos nos buracos da nosa autobiografía mental máis antiga. Estes recordos concaténanse cos que estamos a procesar por se fora útil relacionalos. A pesar de que ás veces non poidamos explicar o que soñamos, o cerebro si trata de confeccionar un relato. Desta maneira resultan situacións tan tolas como brincar por un campo irlandés ou correr de Coruña a Viveiro baixo unha choiva torrencial para conseguir chegar á capela dos ósos de Mordor, onde se regalan libros. Esta mestura sen orde é a que fai que incluso os lugares, as persoas e os obxectos muten sobre a marcha, e o que comezou sendo un paseo coas amigas culmine nunha viaxe por Torremolinos nunha furgoneta conducida por Marilyn Manson. Pero os sweet dreams están feitos disto, quen son eu para discrepar?

Pódese cumprir ese vello desexo de gravar a sesión nocturna da nosa mente se os xaponeses abundan nun experimento cargado de suplicio. O equipo do neurocientífico Yukiyasu Kamitani, do Instituto Internacional de Investigación de Telecomunicacións Avanzadas de Kioto, dedicouse nos últimos anos á tortura de espertar ó seus pacientes no mellor momento e preguntarlles con que estaban soñando. Algo así como que che pregunten si estás durmindo cando comezabas a caer nun profundo sono e a baba xa empezaba a humedecer a almofada.

Pero este equipo logrou monitorizar minimamente o que está pasando pola cabeza dos suxeitos. A tecnoloxía, un escáner de imaxe por resonancia magnética funcional (IRMf) é complexa pero o sistema de interpretación enténdese facilmente. Imaxinemos que a liña que describe un voluntario é plana e, de súpeto, sufre un bucle con forma cadrada. Nese momento espértase ó infeliz e pregúntaselle con que obxecto ou concepto soñaba; por exemplo, un tsunami. E así, ate 200 veces. Deste xeito, a próxima vez xa saberán que a forma do gráfico corresponde a ese concepto. Pero realmente, o sistema é máis rudimentario e non chega a definir obxectos tan concretos. A fiabilidade é baixa pois o experimento realízase cando a persoa se está quedando durmida, nese momento no que a túa avoa che di que está esperta despois de ter roncado no sofá mentres Jorge Javier berraba de fondo. O estado latente do cerebro non é o mesmo que cando estamos noutras fases do sono máis profundas e soñadoras, como a REM, onde a actividade cerebral é máis alta. Non obstante, o éxito dos experimentos foi máis que notable pois o sistema foi capaz de predicir a imaxinería onírica cun sesenta por cento de acerto.

Quen sabe se dentro duns anos lograremos controlar estas vagabundaxes nocturnas como se dun videoxogo se tratase. Ese momento de certa consciencia de estar inmersos nunha irrealidade, coma se lle ordenases ó teu triste e imaxinario cabalo que esa mañá non che apetece que te leve á universidade, que mellor quedades a durmir na casa. Fas feliz a un animal e participas alegremente dese imaxinario onírico.

Este futuro de elixir o que vamos a soñar arrancou xa no século XIX. O pioneiro do estudo dos soños lúcidos, Léon d’Hervey de Saint- Denys, pediulle ó seu mordomo que lle puxese gotas de diferentes perfumes na almofada, en distintos días da semana e cando xa estivese durmido, para non condicionarse. Desta maneira descubriu que hai unha vía pouco explorada de influír, canto menos, no tenor positivo e negativo dos soños. Unha maneira de condicionar o ánimo co que nos levantaremos ó día seguinte.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez