Reflexión política: encol do nacionalismo
A territorialidade está moito máis presente nas nosas vidas do que adoitamos pensar. Dende os servizos -públicos e privados- dos que facemos uso a diario ata a nosa representación política está fortemente marcada polo aspecto territorial. As nosas institucións xiran arredor dun espazo, dunha comunidade de persoas que se encadran no seo dun suxeito político propio ou dun actor dependente doutras institucións. Noutras palabras, non é o mesmo unha autonomía, que unha federación, que un Estado; por exemplo.
A Europa dos pobos é un soño, hoxe utopía, daqueles que agardaron un Vello Continente unido. Os Estados, unidade política hexemónica, foron deseñados fai séculos nunha dobre perspectiva: os que crearon a nación dende o Estado, e os que crearon o Estado dacordo a unha nación existente anteriormente. Nace entón un debate paralelo sobre a metodoloxía da Ciencia Política -conductismo, análise baseada fundamentalmente no empirismo e na observación da realidade social; e un enfoque maís xurídico, que consiste no estudo das unidades políticas, actuación e nacemento do Estado-.
Hoxe podemos afirmar que o Estado-nación na Europa, evolucionado dende as postrimerías do Antigo Réxime, enfróntase a procesos moi complexos. Por un lado, temos a vertebración dos mesmos dentro da globalización, coxuntura que está a espallar indiscutiblemente a súa preminencia e que leva consigo o risco de cuestionamento das fronteiras políticas. Por outro, a cesión de soberanía por parte dos Estados cara institucións supranacionais que buscan achar un status mundialmáis competitivo aglutinando países con obxectivos comúns; exemplos disto é a propia UE ou o MERCOSUR (este último no canto da economía). E por último, a non desaparición dos movementos nacionalistas que reclaman, con medios e fins diversos, o recoñecento dun territorio.
Imos quedar con este último. Dito recoñecemento pode derivarse na autonomía política respecto doutra unidade xerarquicamente superior –un Estado que recoñece as nacións que abrangue, ou o que é o mesmo, un Estado plurinacional- , na asunción das particularidades culturais e socieconómicas diferenciadoras dun territorio ou ben na vontade na constitución en Estado propio. A primeira e a terceira formarían parte do que se dá en chamar nación política, que outorga ao concepto de Estado máis importancia que o eido cultural. A segunda estaría integrada na nación cultural, fortemente enraizada no ideario das forzas políticas independentistas e que concede primacía sobre as características étnicas, culturais ou lingüísticas dun territorio.
Polo tanto, eu pregunto, que é ser un nacionalista? Se analizamos strictu sensu o termo, podemos afirmar que se trata dun cidadán que cre que un territorio merece ser recoñecido como nación. Pero se non facemos esta interpretación, existen outras, moi asimiladas na actualidade. Un político galego nacionalista díxome unha vez que a finalidade última do nacionalismo era que o seu pobo fose recoñecido como Estado propio. Daquela, non sería etimolóxicamente máis adecuado o termo independentista?. Hainos cuxas aspiracións, máis que o recoñecemento como nación, baséanse en zafarse do xugo dun Estado que lles cercena a súa liberdade, é dicir, a súa finalidade é separarse do Estado do que pertencen, pode que porque xa teñen interiorizado que o seu pobo é nación. Entón, non sería nominalmente máis acertado –sen connotacións pexorativas- chamalos separatistas?. Pode que as tres conflúan na práctica pero existe certa incertidume neste senso.
E como se constrúe esa nación diferenciada? É suficiente unha estrita vontade cidadá maioritaria para recoñocer o dereito de autodeterminación ou é preciso que o territorio que o solicita signifique algo máis como tal?
Como poden ver, a nación e o nacionalismo é un debate sempiterno –e moi complexo- que está continuamente presente no tempo. A miña finalidade con esta análise é sentar os alicerces da reflexión e trasladar unha circunstancia que non é nin tan retórica, nin tan teórica como poida parecer. Ademais, alimentar dende este recuncho de Compostimes un debate público e aberto arredor dun tema que pode ser chave na nosa cotidianeidade. É un exercicio moi positivo que entre todos conxuguemos as nosas inquedanzas e reflexións en forma de laboratorio de ideas -de think tank, que é máis moderno- como forma alternativa de participación na vida pública.