O perfil: Danny Green

O reloxo da miña habitación marcaba as seis da mañá. Mentres tanto, ao outro lado do charco, San Antonio Spurs estaba a piques de sumar o seu quinto anel de campión da NBA. Algúns incautos, como un servidor, deixamos de lado o encontro para comezar a sacar conclusións e buscar cal sería o MVP das finais. Ademais de Parker e Duncan, aparecía un terceiro nome en tódalas quinielas: Danny Green. Un home descoñecido para o público xeral e que pasara do anonimato á fama en poucos días. A súa marca de triplas, combinada con actuacións decisivas no terceiro e quinto encontro, parecían méritos suficientes para ser o mellor xogador das finais por sorpresa. Moitos coincidiamos na cantidade de artigos que se ían a escribir sobre a figura dese xogador, pero de súpeto chegou Ray Allen para sacarnos das nosas cavilacións e forzar a prórroga cunha tripla máxica. E ese, foi o principio da fin dos San Antonio Spurs, que se quedaron progresivamente sen forzas e sen anel. O Big Three repetía título e Lebron James o MVP das finais.

Danny Green celebra unha tripla durante a final da NBA | ©NBA.com

Danny Green celebra unha tripla durante a final da NBA | ©NBA.com

Daniel Richard Green (22/05/1987) non tivo unha carreira de baloncesto precisamente sinxela. Como calquera rapaz de New York, soñaba con chegar a xogar na mellor liga do mundo e máis cando se decataron das súas condicións e da súa estatura (1’98 m.). Os seus inicios foron na Universidade de Carolina do Norte, pero a pesar dos seus números non tivo un paso á NBA tan sinxelo como moitos outros rapaces. Na high school xogaría catro anos nos Tar Heels, promediando 9’5 puntos e 4’1 rebotes por partido. Unha vez en North Carolina, xunto con Tyler Hansbrough e Wayne Ellington, formaron o segundo mellor trío de anotadores da historia da universidade con 1976 puntos conxuntos. Ao ano seguinte, proclamáronse campións da NCAA derrotando a Michigan State.

Foi elixido no draft polos Cavaliers na posición 46, firmando o seu contrato en agosto de 2009. Green nunca chamou demasiado a atención na época universitaria, xa que non foi un home de grandes alardes. Por iso, non acadou unha mellor posición no draft e tampouco tivo ningún protagonismo en Cleveland. Debutou ante os Heat o 12 de novembro, pero un ano despois ficharía como axente libre polos Spurs. En 20 partidos anotou 40 puntos, mentres o seu compañeiro de vestiario Lebron James rozaba cifras similares todas as noites. Finalizada a campaña foi despedido e quedou sen equipo, ata que chegou a chamada dos Spurs. Os de Texas o cortaron seis días despois.

Danny Green na súa estancia en Europa | ©Zopeo.com

Danny Green na súa estancia en Europa | ©Zopeo.com

Sen equipo e sen posibilidades de xogar na NBA, Green uniuse aos Reno Bighorns da D-League (liga de desenvolvemento). O aleiro volvería aos Spurs, sen un contrato garantido polo perigo do lockout, e acabaría xogando oito partidos. Os rumores sobre o seu futuro disparáronse durante o peche patronal. Nesas, o xogador decidiu buscarse o pan no Union Olimpija de Eslovenia. Mentres Danny tentaba facer méritos en Europa, os seus números e as opinións dos expertos o situaban fóra da NBA. Porén, Gregg Popovich observou algo nel e regresou a San Antonio onde logrou sacar todo o seu potencial. Green xogaría 38 partidos como titular dos 66 posibles e logrou convencer aos propietarios da franquicia de Texas para quedarse. Cun contrato de 3 anos e con estabilidade, Green afrontaba a que sería ata o día de hoxe a mellor tempada da súa carreira.

Green pasou pola D-League e por Europa antes de conseguir un posto definitivo na NBA

En tempada regular foi titular sempre, sendo o complemento perfecto para o “Big Three” de San Antonio xunto con Kawhi Leonard, Gary Neal, Boris Diaw ou Tiago Splitter. Popovich confiou neles xa que necesitaba xogadores de equipo válidos para a súa rotación. Green promediou 10’5 puntos en 27’5 minutos durante toda a tempada e foi partícipe da exhibición dos Spurs durante os playoffs ata chegar á final. Alí, pasou de ser un auténtico descoñecido a ser o heroe do equipo de Texas ata o quinto partido. Despois, a presión e o físico acabaron con Green, os Spurs e ese MVP ficticio cos que algúns románticos que aman o equipo por enriba das individualidades soñábamos.

©LaSexta

©LaSexta

A carreira de Green foi unha carreira á sombra ata estas finais da NBA, onde se converteu no auténtico protagonista. Tras un primeiro partido onde Parker acaparou todos os focos, Green sostivo a San Antonio durante boa parte do segundo encontro en Miami sumando unha actuación perfecta dende a liña de tres (5/5). O seu gran momento chegaría en San Antonio, onde sería o protagonista do terceiro e do quinto encontro das finais da NBA. Nesas dúas vitorias do seu equipo foi un dos líderes e conseguiu bater a marca de triplas na historia das finais de Ray Allen. Green sumou 25 triplas, pero o xogador dos Heat vingouse coa tripla máis importante da final durante o sexto partido. Alí, Green xa non logrou ser un factor.

“Nin nun millón de anos imaxinaba esta situación” – Danny Green

Green sorprendeu a propios, a estraños e incluso a el mesmo, xa que afirmou “que nin nun millón de anos imaxinaba esa situación”. A súa dura carreira fixo que “tivera moitas dúbidas, pero que o apoio da familia fora fundamental para ter unha oportunidade e chegar á situación actual”. Todo isto, durante a súa primeira rolda de prensa na historia, que se produxo tralo terceiro partido das finais da NBA. Ese foi o día onde Danny Green pasou á ser un actor á sombra nos Spurs á ocupar o papel principal. Popovich demostrou confianza nos novos valores dos Spurs, unha organización que parece decidida a apostar por eles. Con Leonard ou Green pode existir unha boa base para reconstruír o histórico equipo da cidade do álamo unha vez se retiren Duncan, Ginobili ou Parker.

A vida da moitas voltas, e Green nunca puido imaxinar os momentos que lle quedaban por desfrutar cando malvivía en Europa. A aparición na final foi estelar, e só o tempo dirá se o xogador dos Spurs pode manter este nivel ou simplemente conformarse cun papel máis secundario. Pero polo de pronto ninguén lle poderá borrar da súa cabeza os primeiros cinco partidos da serie final. Alí Green foi portada de periódicos, recibiu piropos de todas as cores, bateu unha marca histórica e sentiu a confianza do seu míster durante tempos mortos memorables. O “quero que te xogues tiros aínda que falles porque confío en ti” de Popovych quedará para a memoria. E tamén eses días onde un traballador da cancha nos fixo soñar cunha final decidida por un MVP máis humano ca nunca.