O deporte galego, tamén nos libros
Os meses de verán son esas datas de sol e praia, de río, de descanso, de festas, de vacacións para a maioría, de folgar dos estudos por uns meses. Para moitos tamén de época de aproveitar a ler todo o que o curso académico non permite, de devorar libros en dúas tardes, e tamén para moitos de poder escoller libros sen a obligación de ter que usalos despois para completar un traballo.
Somos moitos os que gustamos dunha literatura deportiva, que fala de historias reais, de biografías de mitos do deporte ou tamén a ficción na que hai un evento deportivo de fondo. E eses moitos que somos temos moito onde escoller, incluso en galego, con historias ou deportistas galegos coma protagonistas. Aí vai unha pequena listaxe dalgúns libros:
Título: Todo sobre o fútbol galego
Autor: Carlos Freire Cordeiro
Editorial: Xerais
Ano: 2012
Libro que recolle xogadores, partidos históricos e as historias dos grandes clubes galegos, sempre desde unha perspectiva panorámica e histórica, para coñecer todo acerca do deporte rei en Galicia.

Todo sobre o fútbol galego | © Xerais
Título: Relatos sobre el derbi Celta-Dépor
Autor: Varios
Editorial: Galinova
Ano: 2012
Este libro está escrito por xornalistas galegos con historias reais ou de ficción arredor do histórico derbi galego e tamén fotografías artísticas cos mesmos motivos. Foi impulsado polo xornalista de El País Juan Luís Cudeiro e polo xefe de deportes do Faro de Vigo Juan Carlos Álvarez copiando o modelo que xa se fixo en Cataluña co obxectivo de recadar cartos para a fundación Andrea.
Título: 50 anos de baloncesto en Galicia
Autor: Federación Galega de Baloncesto
Editorial: FEGABA
Ano: 2010
Nel recóllense máis de 800 fotografías históricas a través das cales se trata de dar a coñecer a historia do deporte da canastra na nosa comunidade desde a creación da Federación Galega de Baloncesto ata os nosos días.

50 anos de baloncesto en Galicia | © FEGABA
Título: Visten de verde y blanco
Autor: Lois Novo
Editorial: Mandala
Ano: 2013
O Liceo de A Coruña de Hóquei é sen dúbida o equipo máis laureado de Galicia con varios campionatos de Europa, títulos de liga, copas e incluso un campionato do mundo nas súas costas. Sobre a súa breve –pero intensa- historia decidiu escribir o xornalista do DXT Campeón Lois Novo onde se entrevista a protagonistas e se recordan os momentos clave.
Título: Luís Suárez, fútbol de seda
Autor: Xan Fraga Fernández
Editorial: Baía
Ano: 2010
Galicia ten a sorte de contar co único balón de ouro do fútbol español ata o momento. E neste libro, con prólogo de Arsenio Iglesias recóllese a vida do xogador coruñés, desde os seus inicios no Perseverancia de Monte Alto, ata o seu paso polo Deportivo, Barcelona, Inter de Milán, o seu paso polos banquiños e a súa vida despois da retirada.

Luís Suárez, fútbol de seda | ©Baía
Título: Fútbol es fútbol
Autor: Jacobo Buceta
Editorial: Xerais
Ano: 2012
Jacobo Buceta, o recoñecido xornalista deportivo e narrador do Celta de Vigo na Cadena Ser atreveuse a explicar con humor e ironía o que significa o fútbol neste ensaio máis aló do gran deporte de masas, contando anécdotas entretidas do fútbol español e comparando o fútbol de aquí co das outras grandes ligas.
Título: Todo ben
Autor: Manuel Rivas
Editorial: Xerais
Ano: 2010
Todo ben é unha das primeiras obras narrativas do afamado Manuel Rivas, e nela cóntase a historia dun rapaz que saía do instituto Monelos (coma o autor) e ao non ter sorte no xornalismo galego emigraba ao Brasil, onde é acusado de asasinar a un dos máis firmes candidatos a ser presidente do Flamengo. No 2010 o libro foi revisado polo autor e publicada a súa segunda versión. A primeira fora publicada no 1985.

Todo Ben | ©Xerais
Título: Fran, o neno 10
Autores: Alexandre Centeno e Rubén Ventureira
Editorial: Biblioteca gallega
Ano: 2005
Outro dos futbolistas galegos máis afamados da historia foi Francisco González Pérez, extremo zurdo e capitán do Deportivo durante a mellor época. Este libro, escrito polos xornalistas de La Voz de Galicia é a biografía autorizada e onde se recollen as súas fazañas.
Foto de portada: Jorge Lens, publicada no libro “Relatos sobre el derbi Celta-Dépor”.