O cambio de rumbo do Deportivo

O Deportivo atópase ante o máis claro fin de ciclo da súa época recente. Non hai lugar a dúbidas. O cambio que se debeu producir co primeiro descenso prorrogouse dous anos grazas á axuda do “afilhado” Jorge Mendes e tamén a seguir endebedándose un chisco máis.

Hai xa dez anos da inauguración da cidade deportiva de Abegondo, nomeada “o mundo do fútbol”. A súa apertura quería propiciar, ademais dun lugar de adestramento para o primeiro equipo, un sitio onde as categorías inferiores, ata daquela pouco importantes no organigrama do club, tivesen máis protagonismo. Nos últimos anos saíron de alí unha serie de xogadores que pasaron con maior ou menor sorte polo primeiro equipo. Álex Bergantiños, Juan Domínguez, Laure, Lassad, Iago Iglesias, Xisco, Rochela, Ínsua, Raul, Seoane, etc. xa debutaron co primeiro equipo, tendo distinta fortuna cada un deles.

Xisco, que xogou nas categorías inferiores, celebra o ascenso na 2011-12 | © Forocoches

Xisco, que xogou nas categorías inferiores, celebra o ascenso na 2011-12 | © Forocoches

O Celta, tamén hai uns anos coa entrada na lei concursal tivo que tornar cara a outro modelo lonxe do das estrelas que o levou a ser un dos conxuntos máis competitivos da liga española. O cambio foi radical, pasando a confiar máis na canteira da Madroa, o cal, tras pasar varias temporadas camiñando polo deserto da segunda, vese que lle está a dar resultados, ademais de coa permanencia en primeira, tamén coa venda de xogadores, o cal segue axudando a sanear a débeda.

Agora é a quenda do Deportivo. O club debe comezar a darlle máis oportunidades á canteira, era algo que se viña demandando desde hai tempo, pero este troco de parecer debe de levarse pouco a pouco, sen présas, xa que non se lle pode dar aos canteiráns tódalas responsabilidades cando até agora poucas veces se contou con eles.

O club debe comezar a darlle máis oportunidades á canteira

Fernando Vázquez é un home que chegou a A Coruña coa ilusión de adestrar na terra, ademais das ganas que lle deron pasar cinco anos no dique seco. A súa ilusión contaxiouse desde o primeiro día e case logra o milagre de salvar a un equipo que xa se vía en segunda división. Lendoiro acerta ao renovalo e darlle os galóns. Sen dúbida, el, como coñecedor do fútbol galego, é a persoa máis acertada do que supón dar este paso.

 É o momento de que Lendoiro tome algunha responsabilidade

Pero por outra parte, é o momento de que Lendoiro tome algunha responsabilidade: dous descensos en tres anos é motivo dabondo para dar un paso a un lado. Ademais, por outra banda está a ter unha loita encarnizada cos administradores concursais, o que pouco axuda ao devir do club. É necesaria máis autocrítica e menos crítica a factores externos. Os exemplos do Xerez e do Salamanca aínda están moi recentes e debemos aprender deles, xa que este club, patrimonio de toda Galicia, non pode deixarse morrer pola loita de egos.

Imaxe de portada: ABC