Motoman: a historia máis rocambolesca de Armstrong
O mes de xullo é sinónimo cada ano de Tour de Francia, a carreira que cumpre ó longo de 23 días para o espectador o principio das 3 S: suor, sofá e sesta. Tamén poderíamos incluír a sangue (en transfusións, pero mellor iso deixámosllo ós profesionais). Pero se de algo vén acompañado o Tour e o diferenza do resto de carreiras é das batallitas, contadas na súa maioría polo gran Perico Delgado, pero que tamén ocupan cada día as páxinas dos principais xornais de tirada nacional (si, incluso o Marca recorda que hai outro deporte que non se basea en darlle patadas a un balón). Ex ciclistas como Pereiro ou González-Linares escriben columnas sobre etapas míticas. Incluso Jabois se atreve. A historia que contarei aquí non chegará a eses niveis de heroicidade. Será unha historia sobre o ciclismo dos últimos tempos, pero para iso, fai falla contextualizar uns cantos datos.
Desde o Tour do 2012 ata hoxe, ecuador da edición do 2013, pasou un ano (lóxico). Pero en realidade, no ciclismo, sucederon moitas cousas. Bradley Wiggins esqueceuse de baixar no pasado Giro. Chris Froome converteuse no novo Ferrari (je, chistaco) grazas á bilharzia que tivo de pequeno. Ademais, comprobamos como o Contador post-solombo (a.k.a Contador v.3) non se parece en nada ó Contador v.2 que arrasaba en todo o que corría (a v.1, por se volo preguntades, fai referencia a ese papel coas letras AC que polo 2005 a Guardia Siví atopou no piso de Eufemiano Fuentes, e que logo desapareceu). Pero se algo cambiou desde o Tour do 2012 ata hoxe foi, sen dúbida, a situación de Lance Armstrong. A investigación e posterior sanción da USADA rematou coa mentira máis grande da historia do ciclismo. E, se de algo valeu o proceso, foi para saber con detalle a verdade do ciclismo de finais dos 90 e principios dos 2000. A etapa da EPO e o comezo das transfusións sanguíneas.

Armstrong celebra un triunfo no Tour de Francia de 1999 / Fonte: lavozdegalicia.es
A historia que vou relatar sitúase en 1999 en Niza, Francia. Alí, tralo cuarto posto na Volta a España o ano anterior, Lance Armstrong preparaba o asalto ó que se sería o seu primeiro Tour de Francia. Para isto, o americano adestraba diariamente cos seus compañeiros no US Postal Tyler Hamilton e Kevin Livingston seguindo as indicacións do médico italiano Michele Ferrari. O doutor, un especialista obseso dos números, controlaba a potencia, peso e rendemento máximo de cada un dos ciclistas, obrigándoos a esforzarse ó límite e a rozar a delgadeza extrema coa fin de que Armstrong puidese vencer no Tour. Todo iso, combinado coas doses de EPO, testosterona e hormona de crecemento habituais, eran a fórmula da preparación perfecta no ciclismo de hai quince anos. Co control suficiente, ademais, os corredores sabían que non darían positivo xa que a UCI (Unión Ciclista Internacional) carecía por aquelas dalgún método antidopaxe fiable. Mais un problema apareceu na preparación do US Postal para o Tour: o equipo non podía levar as substancias dopantes habituais á carreira francesa debido ó Caso Festina do ano anterior, o cal provocou que os axentes franceses decidisen revisar desde entón todos os coches de equipo, autobuses e caravanas coa fin de impedir o transporte de substancias dopantes. Era o momento de pensar nunha solución, pois sen dopaxe o Tour sería imposible para Armstrong.
Ante o problema de non poder levar EPO ó Tour de 1999, Armstrong tivo a idea de chamar a un vello amigo: Motoman

Exemplo da moto coa que Motoman”desputaba” o Tour do 1999 / Fonte: marcadecoche.com
Ese foi o momento no que apareceu a figura de Philippe Maire. Xardineiro e mecánico de Armstrong en Niza, este polifacético traballador pasaba por ser un dos seus principais homes de confianza. O americano, sabedor da afección polas motos de Philippe, propúxolle un trato: se seguía a carreira francesa coa súa moto por estradas secundarias e lle daba o “material necesario”, sería recompensado. O francés accedeu. Para non levantar sospeitas, Armstrong trazou o plan perfecto: só se doparían os escaladores, pois era nas etapas de montaña onde a dopaxe era máis necesaria. Así, serían el, Tyler Hamilton e Kevin Livingston os que formarían parte do chamado equipo A. O equipo B iría totalmente limpo e sería o encargado de traballar no terreo chan. Phillipe reuniuse en varias ocasións con Armstrong para rematar de trazar o plan: só o saberían os tres ciclistas estadounidenses e o director Johann Bruyneel, tería un móbil prepago sempre a man, estaría preto dos ciclistas para cando fose avisado e gardaría a EPO en termos para evitar que se quentase. O francés pronto sería coñecido polos ciclistas baixo o sobrenome de Motoman.
O Tour achegábase e novas noticias saltaban á luz: Bjarne Riis, Jan Ullrich, Marco Pantani e Frank Vandenbroucke, algúns dos principais rivais de Lance polo triunfo, eran baixa. O chamado “Tour da Renovación” era a edición da carreira francesa cun abano de posibles vencedores máis grande en moitos anos. Para o comezo, Armstrong aparecía no segundo chanzo de favoritos ó triunfo final. Pero el e os membros do equipo A sabían que as opcións de triunfo eran maiores. El, Hamilton e Livingston descansarían nunha das caravanas do equipo para ter acceso dun xeito máis sinxelo a Motoman, mentres que os outros seis corredores do US Postal no Tour faríano na outra.
A estratexia de Motoman funcionou á perfección. Armstrong gañou o seu primeiro Tour grazas a el e a mentira durou trece anos, ata que Landis e Hamilton decidiron falar

Armstrong posa inocentemente con Motoman antes de que se soubese a súa historia / Fonte: nicematin.com
O Tour comezaba para Armstrong da mellor maneira posible, xa que vencía no prólogo inaugural da carreira. Coa axuda de Motoman cada dous ou tres días Armstrong aguantou o maillot amarelo sen problemas durante a primeira semana. A fórmula para acceder á EPO era sinxela: Motoman quedaba con Bruyneel e entregáballe a EPO. Cando os ciclistas entraban na caravana trala etapa, simplemente tiñan que mirar nos seus calcetíns ou as súas mochilas, sacar a EPO, pinchala e desfacerse rapidamente das xiringas en botes de refrescos de cola que eran habilmente camuflados entre o lixo. Despois duns oito primeiros días perfectos para o US Postal, a novena etapa sería a que marcaría o futuro do estadounidense: unha etapa alpina con paso polo Télégraphe, Galibier e final na cima italiana de Sestrière. Armstrong chamou a Motoman un par de días antes e inxectou a EPO como de costume. A dopaxe fixo a súa función e Armstrong logrou atacar e gañar con solvencia. Nos seguintes días o estadounidense conseguiu aumentar a vantaxe e chegou á fin da segunda semana co Tour practicamente no bolsiño. Nese momento dous momentos xurdíronlle ó americano, mais resolveunos sen moitos contratempos. O primeiro ocorreu con Frankie Andreu, quen lle fixo saber a Armstrong que estaba rebentado (era un dos principais gregarios e estaba correndo limpo) e non daba máis. Armstrong deulle EPO para que aguantara sabendo que Andreu gardaría o segredo. O segundo problema ocorría con Motoman. Tras dezaseis días de carreira, Philippe non daba máis. Tivera que pasar a meirande parte das noites durmindo ó raso debido ós controis policiais que había nas cidades polas que pasaba a carreira. Ademais, realizar o recorrido de cada unha das etapas polas estradas secundarias traíao rebentado. Armstrong díxolle que aguantara un par de días. Cando tivo o Tour practicamente asegurado, o estadounidense enviou a Motoman para casa.
Armstrong gañaba así o seu primeiro Tour de Francia. O ciclismo de Estados Unidos volvía ó primeiro nivel mundial e era grazas ó home que dous anos atrás superara un cancro testicular. A historia de superación perfecta sobre a cal crear un novo ídolo. Armstrong foi felicitado polo presidente Clinton e realizou unha festa multitudinaria a noite que recibira o maillot amarelo en París. Alí, Armstrong agasallou a cada un dos compañeiros que lle axudaran a lograr o Tour de Francia cun rolex: Tyler Hamilton, Kevin Livingston, George Hincapie, Christian Vande Velde, Frankie Andreu, Jonathan Vaughters, Peter Meinert-Nielsen, Pascal Deramé e Motoman. Si, si, Motoman estaba na festa de Armstrong en París e tamén acabou a noite cun Rolex. Non aparecía na clasificación xeral nin practicamente ninguén o coñecía, pero á fin, na sombra, a súa labor fora tan dura e aínda máis importante que a dos ciclistas. Hoxe en día Philippe Maire ten unha tenda de bicicletas en Niza e di non saber nada de Armstrong nin de Motoman. A memoria é moi mala, polo tanto, non está de máis escribir isto, non sexa que un día esta historia se esqueza.
Foto de portada: marcadecoche.com