Matar a cultura e outros impostos

Coma quen non quere a cousa, levamos xa máis de dez días sen un emblema da cultura compostelá con máis de trinta anos de historia, os cines Valle Inclán. Esta mesma semana coñeciamos tamén que, tralo seu peche, só unha empresa se presenta ao concurso para explotar os cines de Pontevedra. Sen dúbida, son dúas noticias que dan testemuño dunha situación crítica para o sector en Galicia e España.

Desde os Valle Inclán sinalan a subida de impostos como a causa que máis os achegou ao peche

Asumiuse desde que se produciu que a subida do IVE a produtos culturais lle dou un forte golpe a afluencia a teatros, espectáculos musicais, venta de libros, etc. Sen ir máis lonxe, non hai moito tempo que falei co encargado dos cines composteláns e apuntaba a esta causa como a principal do peche, mentres desde os cines Norte de Vigo se aludía a que desde esta subida impositiva caeron fortemente as ventas. Que aumente un euro o prezo da entrada sen que iso implique ningunha mellora no servizo é unha peaxe que cada vez menos están dispostos a pagar.

Se se acepta que a voracidade fiscal pode chegar a ferir de morte á cultura e iso nos parece un feito totalmente indesexable, a ninguén se lle ocorreu que aos outros sectores lles poida suceder exactamente o mesmo? Se o dono do bar da esquina ten que vender a cervexa a 2 euros para obter un mínimo beneficio, venderá menos que se a pode vender a 1.50, de modo que nesta situación saen prexudicados tanto os clientes coma os vendedores, que no peor dos casos se verán abocados a pechar o seu negocio, coa conseguinte destrución de emprego e a redución de ingresos en impostos que lle supón á administración.

Como vemos, neste xogo perdemos todos menos Montoro e a súa tropa.