María Pereira: “Á Cidade da Cultura hai que darlle tempo”

Achegarse ata o Monte Gaiás sempre impón unha clase especial de respecto. A colosal edificación que preside o promontorio érguese impoñente sobre a capital galega, allea ás innumerables polémicas nas que se viu envolta durante os últimos anos. Son case as 4 da tarde, e a sensación que temos ao cruzar os limiares da Cidade é a de estar entrando nunha monumental metrópole fantasma, ao máis puro estilo dos western americanos. A beleza do paraxe contrasta coa soidade da súa atmosfera, e deixa no visitante unha impresión de apatía, unha sorte de sabor agridoce. Camiñamos ata o edificio do Museo, onde un garda de seguridade solicita con indiferenza que nos identifiquemos. Unha vez tomados os datos, ínstanos a agardar pola nosa cita nunha deserta sala de espera. María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, chega con media hora de atraso, pero cun enorme sorriso nos beizos. É atenta, agradable e correcta durante todo o encontro. Exprésase coa naturalidade de quen repetiu o mesmo discurso en innumerables ocasións, e coa tranquilidade de terse enfrontado a indiscretos máis “perigosos” que dous xornalistas novos.

Foto: Jesús Silva

© Jesús Silva

Para comezar, gustaríanos coñecer un pouco o estado de actividade da Cidade da Cultura.

Pois a nivel cultural, que é o ámbito da miña responsabilidade, creo que estamos cumprindo co establecido no plan estratéxico. Trátase dunhas directrices formuladas en xuño do ano pasado, nas que se recollen as liñas de actuación e os usos específicos de cada un dos catro edificios que xa están rematados. En primeiro lugar temos o Centro de Emprendemento co espazo de coworking, creado conxuntamente coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais e Creativas). Noutro edificio atópanse a Biblioteca e o Arquivo, que tamén teñen actividade cultural propia. Neste momento hai unha exposición sobre a celebración do 150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Por outro lado está o Centro de Innovación Cultural, sede da Fundación Cidade da Cultura, con varias salas polivalentes que aproveitamos para organizar actividades como foros de debate ou ciclos vinculados ás letras e o pensamento. E finalmente o edificio do Museo, que abriu a súa primeira exposición aínda non hai un ano con Gallaecia Petrea. Dende xa antes da súa inauguración houbo diversas intervencións e facilitouse o acceso para que toda a xente puidera coñecelo antes da apertura oficial. Dende entón, conta cunha programación continua e un plan de actividade expositiva ata o ano 2015. Podemos dicir que a actividade na Cidade da Cultura xa é permanente e estable.

¿Estades satisfeitos coa programación ou notades algunha carencia?

Pensamos que hai un núcleo fundamental á hora de abordar a programación cultural: o museo, arredor do cal xira toda a nosa actividade. Eu creo que estamos polo bo camiño, pero un proxecto desta magnitude, e que tardou tanto tempo en ser construído, deber verse cunha perspectiva temporal. O que si está claro é que temos unhas liñas concretas de programación dentro de Acción Cultural.

¿Edificios como a Biblioteca non poderían ser utilizados tamén para solucionar iniciativas como o Peche Historia, que reclamaba máis espazos de estudo abertos?

Este é un lugar onde habitualmente ven a xente a estudar. Nótase sobre todo en época de exames. Realmente penso que a esta pregunta podería respostar mellor o director da Biblioteca. O que eu podo dicir é que as funcións deste edificio, a Biblioteca Nacional de Galicia, son fundamentalmente de investigación.

¿Cal é o estado actual dos fondos?

Pois neste momento non o podo precisar. Sei que a capacidade é para un millón de volumes, pero é algo que neste momento descoñezo. O que temos que ver é cales son os obxectivos para os cales foron fundados estas institucións. Esta biblioteca pretende ser un lugar que acubille todo o publicado en Galicia, por galegos, e sobre Galicia. Conseguir uns fondos, consérvalos e divulgalos. Non está concibida como unha biblioteca de espazos para a lectura.

¿Cree que o acceso á Cidade da Cultura é adecuado?

Creo que esta é unha cuestión que non responde á actividade cultural.

Pero, como traballadora que se despraza aquí habitualmente, ¿cal é a súa opinión?

Eu penso que temos moito camiño percorrido. En canto a acceso rodado: temos dúas liñas de autobuses, o tema da frecuencia xa é competencia do concello, e uns aparcamentos magníficos para os coches particulares. O acceso peonil tamén é fantástico, xa que andando dende o centro ata aquí son tres cuartos de hora. De todas formas, eu creo que hai máis distancia psicolóxica que real.

De cara á visibilización e promoción da Cidade da Cultura, ¿hai algunha iniciativa posta en marcha?

Nestes momentos, coa exposición Orinoco, estamos vinculados cunha fundación moi importante a nivel internacional, e iso está a ter reflexo en todos os medios de comunicación de Latinoamérica. Tratamos de resaltar a importantísima vinculación histórica que os galegos tivemos con América Latina, xa que un dos obxectivos da nosa fundación é actuar de ponte entre as dúas comunidades. A esa estratexia buscamos darlle un contido atractivo, que mesture a excelencia coa popularidade. E ben, creo que estamos a dar mostras de que por ese camiño hai que seguir.

¿Cres que a xente de Compostela está ao día das actividades que se desenvolven aquí?

Eu creo que a xente interesada na cultura si, pero nós intentamos chegar a todo o mundo. Presentamos as iniciativas, facemos visitas guiadas, etc. A nivel de comunicación investimos moitísimo en Gallaecia Petrea, creo que era unha imaxe ben coidada. Ademais penso que tanto esta como a exposición dos códices eran mostras que “tiñan que estar”, porque puñan en valor o noso patrimonio artístico e histórico.  Nós apostamos sempre por vincular e espallar a nosa cultura.

¿Pode ser que a imaxe da Cidade da Cultura se vexa lastrada pola inversión desmesurada que se fixo aquí? Ademais do parón nas obras, que tamén repercutiu na opinión negativa que ten o público.

Si, eu creo que é un tema real. A verdade é que a construción durou moito, e que ao longo deste proceso houbo distintos gobernos, de distinto signo político, que non conseguiron imprimirlle unha estabilidade ao proxecto. Tamén é certo que o diñeiro que aquí se investiu, a pesares de ser menos que noutras infraestruturas do Estado, é algo que se nota nestes tempos de crise. O que sucede é que xa é un diñeiro investido, e agora hai que aproveitalo. En primeiro lugar é moi importante coñecer o que hai, e que non teñan que vir os de fóra para gabarse do que temos. Nese sentido fíxose un esforzo importantísimo dende o inicio das obras, dando a coñecer os diferentes proxectos que se ían levar a cabo. Creo que iso é digno de louvanza.

¿Víronse estes esforzos contrarrestados por unha mala imaxe promovida dende os medios?

Eu creo que os medios de comunicación son importantísimos, e a responsabilidade que tedes é enorme á hora de divulgar o proxecto. É certo que a opinión publica moitas veces se forma a partir do que se escribe nos medios, pero tamén a partir das opinións e das propias vivencias.

Segue habendo xente que considera que foi unha inversión innecesaria. ¿Que opinas ti?

Eu creo que hai que sacarlle rendibilidade.

De acordo, agora que xa está feita hai que sacarlle rendibilidade pero, ¿consideras que foi necesario investir nela?

O que teño que dicir acerca disto, dende o meu posto de responsabilidade, é que temos un gran proxecto e un equipo de profesionais para sacalo adiante. Non podo entrar noutro tipo de debates. Estamos a facer moitísimas cousas cos medios dos que neste momento dispoñemos, achegados integramente por unha fundación privada: a Fundación Gaiás. Pero este tipo de proxectos precisan ter unha visión a medio e longo prazo. Cando se construíu a Torre Eiffel, por exemplo, había xente que quería derrubala, e agora é un símbolo da cidade.

Nos comezos de Compostimes elaboramos un vídeo sobre este tema, e gustaríanos saber qué opinión che merece.

Que son opinións e por tanto son respectables, iso o primeiro. En segundo lugar, paréceme que algunhas destas persoas nunca estiveron aquí. Dáme a sensación de que hai un gran descoñecemento.

Pero este tipo de proxectos precisan ter unha visión a medio e longo prazo. Cando se construíu a Torre Eiffel, por exemplo, había xente que quería derrubala, e agora é un símbolo da cidade

¿E a que crees que se debe?

Pois a que é un proxecto que acaba de comezar. Cando hai un proxecto deste tipo, que leva tanto tempo construílo, e que está envolto en contestacións públicas, hai que darlle algo de tempo. A verdade é que nestes momentos todos os edificios teñen uso, ningún está baleiro.

¿Pode ser que a Cidade da Cultura sexa un proxecto ideado nunha época de bonanza económica, que se veu lastrado por un cambio de tornas no seu proceso de construción, e ao que agora se lle esixen resultados que non pode ofrecer?

Exacto. Deches no cravo. E para que isto se supere, o primeiro de todo é coñecer o proxecto. Nos estamos a facer un esforzo importante no tema da comunicación, e o tempo dirá.

¿Consideras entón que o único problema foi o cambio económico? ¿Non pode ser tamén que os diferentes grupos políticos utilizasen a Cidade da Cultura como unha especie de “pataca quente”?

A verdade é que non quero entrar nesa discusión. “¿Que podería ser?”, “¿a que se debe?”…Hai que ser responsable co posto que se ocupa, e dende o meu posto o que eu teño que facer é traballar para sacar isto adiante. Creo que o demais son debates baleiros. Hai que asumir a contestación como parte do propio proxecto, pero creo que agora estamos noutro momento, no de traballar ilusionados. Pero ás veces non é doado porque se están a repetir este tipo de preguntas…

¿A Cidade da Cultura chegará a ser amortizada?

Totalmente. Eu o que creo é que hai que darlle tempo ás cousas.

¿Non pode ser que a oferta cultural da Cidade sexa demasiado elevada respecto a demanda que ten Santiago?

Non. ¿A que te refires?

O edificio da ópera, por exemplo. Cando estea rematado só haberá outro coma el no mundo: o de Nova Iorque. ¿Non será infrautilizado?

É que esta pregunta non compete neste momento. Pensaba que dicías a oferta que estamos dando actualmente.

Refírome a que o proxecto quizais estaba pensado para unha demanda superior á real.

Iso chámanse futuribles, especulacións. Creo que aí non vou entrar.

debemos sentirnos ben orgullosos de que aquí, en Compostela, teñamos un ben tan prezado

Igual a mentalidade que se levou a cabo coa Cidade da Cultura foi a de crear o espazo para atraer a cultura, en lugar de cubrir unha necesidade real.

O proxecto é que… É que iso que dis non ten contestación neste momento. Non te entendo.

¿Estanse cumprindo as expectativas, ou agardábase que o espazo, unha vez construído, tirase mais das actividades?

Eu creo que é unha mestura. Hai moita xente que se achega unicamente por ver o edificio. O que temos que pensar é que estamos a traballar nun entorno arquitectónico único no mundo. Esa é unha das grandes bondades coas que contamos. Podemos remitirnos a moitos exemplos de arquitecturas que hai por todo o planeta, que reciben milleiros de visitas unicamente por admirar a plasticidade da súa construción. Isto vémolo reflectido en moitísima xente que vén de fóra e que se admira de que exista unha edificación tan orixinal en Galicia. Iso é o primeiro que temos que apuntar, e debemos sentirnos ben orgullosos de que aquí, en Compostela, teñamos un ben tan prezado. A iso hai que darlle contido, e nós estamos a facelo, pero é bastante cedo para valoralo na súa xusta medida. A verdade é que temos unha media de visitas diarias de mil persoas, incluso dúas mil na fin de semana. A Cidade ten unha potencia visual importantísima, entón aí hai unha mestura: por unha banda a atracción que exerce o espazo físico en si, e por outra o que lle podemos ofrecer, o contido e a programación.

Foto: Jesús Silva

© Jesús Silva

Unha das maiores preocupacións da sociedade galega é o desemprego. ¿A canta xente ocupa a Cidade da Cultura?

Neste momento traballamos preto de 300 persoas, o que sucede é que moitas delas son servizos da propia Xunta de Galicia. O que está claro é que dende a Fundación organízanse moitas actividades que repercuten no tecido laboral do mundo da cultura: contratación de servizos de iluminación, de son; servizos de atención ao publico, empresas de montaxe de exposicións… O que ocorre e que levamos pouco tempo abertos.

¿E en canto á creación de postos de emprego directos, como os de administración?

Neste momento son postos cubertos. O que si se fai é tratar de que as empresas galegas tamén participen na programación.

¿Qué outros proxectos tendes en mente para a promoción do panorama cultural galego?

A nosa cultura ten que estar sempre presente. Dende a exposición Gallaecia Petrea, que puña en valor o noso patrimonio histórico, ata a mostra actual sobre o Orinoco, que tamén conta cunha parte adicada a Galicia. Intentamos que a mestura da cultura galega con outras alén das nosas fronteiras enriqueza a programación. Darlle á xente a oportunidade de que goce de cousas que é moi difícil atopar nunha programación habitual. Ten que ser unha combinación das dúas ofertas, pero sobre todo un bo escaparate para mostrar o que somos.

A nivel xeral, ¿como valoras o panorama cultura galego?

Creo que hai unha actividade cultural moi boa. Temos unha riqueza museística extraordinaria: Podemos asistir a exposicións no CGAC, na Fundación Novacaixagalicia, no Auditorio de Galicia, no Museo do Pobo Galego. Temos o Museo das peregrinacións, o das Mariñas, Santa Tegra, Museo Etnográfico de Ribadavia… A verdade é que a cultura galega é extraordinaria. É certo que a crise afecta a todos, e hai que ser moi conscientes deste tema, por iso opino que hai que ser “militantes da cultura”, por así dicilo. Temos que disfrutar do que temos, dende a literatura ao cinema. Pero iso non quere dicir que non poidamos gozar tamén do de fóra…

Hai que ser conscientes tamén do momento no que estamos, e os recursos económicos dos que dispoñemos. Sempre ten que haber unha xestión moi responsable e eficaz

¿Existe unha desconexión da xente respecto a cultura de aquí? ¿Crees que se valora máis o de fóra que o noso?

Non, non o creo. Pero como di o refrán, “ninguén é profeta na súa terra”. Creo que é unha cuestión de hábitat e de educación. Se os teus país te levan a exposicións e concertos desde cativo, pasa a entrar dentro do teu ámbito de consumo habitual. Logo hai unha idade, na adolescencia, cando xa empezas a decidir e valorar. Tamén hai cousas que se descobren mais tarde, claro. ¿Quen lle pon cancelas ao mar?

¿Cres que o futuro da Cidade da Cultura, con vistas a atraer a máis visitantes, pasa por seguir aumentando proxectos ou por visibilizar máis os que xa tendes?

Creo que ten que ser unha combinación das dúas cousas. É importante divulgar o que temos, e tratar de facer unha demanda acorde coa nosa infraestrutura. Queremos complementar a programación cultural de Galicia, non competir con ela. Iso é fundamental. Hai que ser conscientes tamén do momento no que estamos, e os recursos económicos dos que dispoñemos. Sempre ten que haber unha xestión moi responsable e eficaz.

Agora que a maior parte dos fondos proveñen dunha entidade privada, ¿de que grao de autonomía goza a Cidade da Cultura respecto da Xunta?

O que temos claro é que a Fundación Cidade da Cultura depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Entón, aínda que teñamos certa autonomía, hai que asumir que estamos dentro da Xunta de Galicia.

Para resumir, e sendo realistas, ¿que futuro lle ves á Cidade da Cultura, tanto arquitectonicamente como no referido á institución?

Arquitectonicamente xa é unha realidade…

Aínda quedan obras por rematar.

Lémbrome da Sagrada Familia de Barcelona, que un ano chegou a desbancar á Alhambra de Granada como o monumento máis visitado de España, e está sen rematar. É certo que son realidades distintas, pero nin mellores nin peores. Eu estou confiada respecto ao futuro. Pero para que isto vaia ben precisamos ter cómplices entre a xente que participa na nosa programación, e tamén entre a que nos visita. O primeiro de todo, creo que o mais importante, é o coñecemento real. Hai que saber que é o que está construído, que os catro edificios están rematados e con contido e programación. Creo que o coñecemento do que aquí se está a desenvolver é primordial. Para iso temos que desvincularnos dos prexuízos, e iso é responsabilidade nosa.

¿Que farías para desbotar eses prexuízos?

Seguir traballando arreo, traballar todos os días ilusionados e comprometidos.  Levantándonos e aceptando todo tipo de opinións. Tendo claro cara onde queremos camiñar para, finalmente, converternos nun proxecto asumido pola cidadanía. Hai unha serie de prexuízos bastante importantes que operan na mentalidade de cada un de nós e que nos fan ver o mundo dun xeito determinado. Temos que aplicar outra actitude na vida: a de “mirar con ollos limpos”. E facelo en todos os aspectos. Ás veces non é doado, pero animo a que así sexa.

Foto: Jesús Silva

© Jesús Silva