Fifa 97: fútbol sala ó poder
Posiblemente o Fifa 98 sexa o videoxogo que cambiou a forma de entender o fútbol baixo o control dun mando dunha Playstation ou Nintendo. Blur, os comentarios en español, a posibilidade de xogar un Mundial e os avances na xogabilidade fan deste xogo algo imprescindible para os nacidos a finais dos 80 e comezos dos 90. Aínda así, todas as obras mestras teñen un bosquexo previo, no que xa se amosan as principais bases do que será o produto final, e esa foi a labor que tivo o Fifa 97 sobre o futuro dos xogos de fútbol. Acostumado ás recreativas, incluso probando o Fifa 96 en 2D, o Fifa 97 trouxo consigo algo que revolucionou os xogos de fútbol. Era en tres dimensións. Pode soar hipster terlle máis cariño ó Fifa 97 que ó 98—máis aínda tras xogar ós dous— pero o primeiro foi o que verdadeiramente marcou a miña infancia (e a de moitos) no mundo dos videoxogos. Foi o que iniciou a miña obsesión cos xogos de fútbol. Xoguei ó Fifa 97, 98 e 99, Virtua Striker, Iss Pro Evolution, Esto Es Fútbol 2001… e así ata o Fifa 13. Pero entendo que pensedes que son un hipster por falar do Fifa 97. Máis aínda tras dicir que o meu Fifa 97 non era para PC, nin Playstation, nin Nintendo, nin Megadrive, senón que era para Sega Saturn, esa menosprezada consola que nada tiña que envexar á Plei nos seus inicios.
Co técnico xogador do Newcastle David Ginola na portada, o Fifa 97 foi o primeiro xogo de fútbol con licencias —o Fifa 96 xa tiña algunhas, pero poucas—. Un total de once ligas estaban presentes, entre elas, a Premier League coa meirande parte dos seus equipos xogables, a liga española, a brasileira, a escocesa (onde o Aberdeen era TOP) ou a máis ca mítica liga malaia (da que os equipos eran moi malos). Mais se por algo destacaba o Fifa 97 eran os dous cambios fundamentais que sufrira respecto á versión anterior: a xogabilidade e os modos. Por fin era posible disputar copas e ligas, torneos varios con posibilidades inmensas de edición. Tamén era posible fichar, sendo daquelas un pouco primitivo se o comparamos co Football Manager actual, pois tras elixir a un xogador este pasaba automaticamente a formar parte do teu equipo. Iso, para un rapaz de sete ou oito anos era o mellor, non como agora que se debe negociar e mover diñeiro. No Fifa 97 podías xuntar a Romario, Bebeto, Del Piero, Raúl, Ronaldo e Guivarc’h no teu equipo e ningún deles se enfadaba. Non había barras de enerxía nin morais. Nin sequera se falaba de traspasos. Pero enganchaba. E isto sucedía en calquera dos seus dous modos: o habitual, once contra once, ou a novidade implantada ese ano e mantida no Fifa 98, os partidos de fútbol indoor, ou como lle chamabamos todos, fútbol sala.
O Fifa 97 foi o precursor do cambio nos xogos de fútbol. Por fin era en tres dimensións, e o modo indoor enganchaba como nunca conseguira un simulador deportivo ata entón
Os partidos en modo normal eran interesantes, xa que a dificultade se axustaba o nivel de quen xogaba máis que agora, habendo desde un nivel moi fácil onde golear facilmente ata un moi difícil onde recibir goleadas seguidamente. As tres dimensións permitían por primeira vez os caneos para esquivar ós defensores, e as barras de carga en pases, centros e tiros facían da habilidade algo vital no xogo. Os comentarios e animacións facían máis veraz o partido. Mais todos sabemos o que de verdade divertía neses xogos: coller a Fernando Hierro, regatear a cinco e tirar desde trinta metros. Ou despexar o balón, que por un bug do xogo rebotara na cabeza dun defensor e lle caese ó noso dianteiro para marcar. Se nos enfadábamos, sachar ó porteiro e esperar que nos ensinase só cartón amarelo. Aínda non existían eses piscinazos que aprenderíamos a facer no Esto Es Fútbol, pero aínda así o xogo daba moito de si. Era unha diversión distinta ós Fifas actuais, é certo, un xogo sen táctica ningunha, de correr co balón para adiante, de patapúm parriba e que non se parecía en nada ó fútbol real. Porque se por algo hai que homenaxear ó Fifa 97 é por ser o primeiro xogo no que os futbolistas parecían reais e a mecánica era tan divertida como a dunha máquina recreativa. Un xogo onde coller a Giggs e irte de todos para marcar era a maior fazaña, fóra de Ultimates Team, Modos Carrera ou Ligas Máster.
E se algo nos permitía revivir todo o arcade dun xogo de fútbol isto era sen dúbida o Modo Indoor. Con seis xogadores por equipo, o mal chamado fútbol sala era o súmmum do desfrute (máis aínda se xogabas contra alguén). Buyo-Sanchís-Hierro-Redondo-Amavisca-Raúl como seis inicial e a correr. Era o fútbol sen normas. No canto de haber fóra de banda ou de fondo, había vallas publicitarias sobre as que rebotaba o balón. As faltas, coido recordar, eran practicamente inexistentes. E os partidos non acababan con menos de oito goles en total nunca con tal de que atacases un pouco. E xogar a liga en modo indoor era a clave de todo rapaz que empezaba a xogar ó Fifa. 8-3, 4-9, 11-7 era de todo menos real, mais ver a Peruzzi, Kahn ou Taffarel marcar desde a súa portería era a ilusión de cada rapaz que xogaba a ese Fifa. Esta idea do fútbol indoor nos primeiros Fifas foi a base do que posteriormente sería o Fifa Street.
Certo é que os xogadores eran robots, o tempo de carga antes de que o xogador disparara era eterno e era imposible dirixir os disparos, pero á fin e ó cabo este foi o primeiro xogo recordado dunha saga que dezaseis anos despois segue comandando o mercado dos xogos de fútbol. Moito cambiou, o arcade pasou a ser unha simulación case perfecta onde os recursos e posibilidades son inmensas cun simple mando de Playstation, mais se algo se mantén no Fifa (a pesar dun pequeno paso polo deserto) na actualidade é que o xogo segue conseguindo o mesmo que conseguía hai xa dezaseis anos: enganchar ós máis novos e non tan novos cun mando, unha pantalla e bonecos correndo tras un balón.
Foto de portada: punicheando.blogspot.com