Co patrocinador baixo o brazo

A semana pasada saltaba a noticia de que Pedro Delgado non comentaría o Tour de Francia este ano en Televisión Española. Por sorte para todos os afeccionados ao ciclismo, acostumados ao tándem De Andrés-Perico, os problemas solucionáronse e o exciclista segoviano conseguiu un patrocinador que lle subvencione os seus comentarios na Grande Boucle. A noticia non sería estraña nunha canle privada, pero que TVE teña que recorrer a patrocinadores persoais para que os seus colaboradores cobren é canto menos sorprendente.

TVE atravesa un dos momentos máis difíciles da súa historia. A retirada da publicidade, a crise actual, a diversificación das audiencias ou os numerosos rumores sobre a súa pouca independencia política son algúns dos factores que provocan isto. De feito, moitos expertos comezan a afirmar que a televisión privada podería facer exactamente a mesma función que a televisión pública. E nesas, TVE anda perdido e adícase a dar tombos que sufrimos todos os espectadores.

O de Perico Delgado é un claro exemplo de que as cousas na televisión pública non se están facendo ben. Se o presuposto é limitado, por que se poxa por dereitos futbolísticos como a Champions League? Igual, se eses cartos se invertesen con máis cabeciña poderíamos disfrutar dunha programación deportiva máis variada e onde non pareza que TVE se adica a facer favores. Calquera operadora privada podería dar a Liga de Campións practicamente a custo cero coa publicidade, pero TVE parece que sigue poñendo a audiencia por enriba da lóxica.

TVE non gardaba ningún recurso para pagar a un comentarista especializado no Tour

Só así se entende a discriminación que sofren moitos dos deportes minoritarios na súa canle Teleporte, como por exemplo o ciclismo. Primeiro, o ente público renunciou ao Giro de Italia nunha premonición do que acontecería no futuro. Despois, o afeccionado ciclista observou como moitas das grandes clásicas eran eliminadas da programación para retransmitir partidos de tenis sen demasiada transcendencia. Por último, chegou o episodio onde TVE non gardaba ningún recurso para pagar a un comentarista especializado na carreira ciclista máis importante do ano: O Tour de Francia. Mentres tanto, o ente público paga cantidades astronómicas por partidos de fútbol que calquera cadea privada estaría encantada de transmitir.

Pódese entender que a crise xere problemas, incluso que a falta dunha estabilidade non permita tomar un rumbo fixo, pero o que non se pode entender é a falta de lóxica á hora de programar e tratar os diversos deportes. Co paso dos anos, suponse que TVE acabará renunciando aos dereitos deportivos millonarios, xa que cada vez o presuposto será máis axustado. Aínda así, non teño tan claro que iso lles leve a apostar decididamente por outros deportes que interesan e moito como o ciclismo, o atletismo, a natación ou o deporte feminino en xeral. Nesas, teremos que conformarnos con seguir as clásicas ciclistas por internet ou pola radio. E por suposto, con disfrutar do Tour de Francia con Carlos de Andrés e Perico Delgado grazas fundamentalmente a Carrefour. Así que se queredes ver ciclismo en TVE, ademais de pagar relixiosamente os vosos impostos, xa sabedes onde tedes que comprar.

Foto de portada: Detele