Uns tantos e outros tan pouco

Volve o verán e volve o tempo dos rumores e as especulacións no mundo do fútbol. Chega o momento de falar de incerteza, de apostas arriscadas e de proxectos de futuro. Outros anos, esta época estaba salpicada de grandes nomes na maioría das cidades españolas. Na actualidade, o marabilloso reparto televisivo, combinado cunha crise que afecta a todos, reduce eses grandes nomes ao FC Barcelona e ao Real Madrid. O resto de equipos teñen que buscar debaixo das pedras, mentres asisten a unha fuga de talentos que fai que a liga española cada día sexa un pouquiño máis mediocre.

Comezará unha nova tempada e volverán a falarnos da “liga das estrelas”, aínda que a maioría delas xogarán no Camp Nou e no Bernabéu, ou teñen unha estancia limitada en calquera dos outros equipos. Hai uns días asistíamos á multitudinaria presentación de Neymar en Barcelona, mentres que Florentino Pérez e o Real Madrid seguro que nos regalan algunha que outra fichaxe onde os números parezan irreais. O equipo blaugrana, segundo as cifras oficiais, pagou 57 millóns de euros pola fichaxe do brasileiro. Estou convencido que con eses cartos, dez entidades da parte baixa da táboa terán que confeccionar o seu equipo. E digo dez como poderían ser doce xa que igual estou sendo demasiado optimista.

O luns Iago Aspas viaxaba a Liverpool para ultimar os detalles da súa fichaxe, nunha operación que roldará os nove millóns de euros. En España, o Valencia foi o equipo que mostrou maior interese polo dianteiro galego, pero non podía chegar a esas cifras. Os do Turia o ano que vén non xogarán a Champions, pero é que o Liverpool nin sequera disputará a Europa League. Os chés demostraron nas últimas campañas (exceptuando a última) ser o mellor equipo da “outra liga”, pero ano tras ano tiñan que asistir á venda dos seus activos máis importantes. Albiol, Villa, Silva, Joaquín, Mata ou Jordi Alba deixaron Mestalla nos últimos tempos. Máis pronto que tarde Soldado tamén deberá facelo, e como case todos os seus compañeiros terá tres opcións: Madrid, Barcelona ou o estranxeiro. O resto de opcións son inviables.

O Valencia é o exemplo máis claro, pero a perda de xogadores franquicias esténdese por todos os equipos españois como se fose unha peste. No Manzanares, onde o Atlético recuperou o título honorífico de mellor equipo da “outra liga”, non volverán a disfrutar dos goles de Radamel Falcao, que marcha a un recén ascendido coma o Mónaco. Antes, xa tiveron que despedirse doutros grandes dianteiros como Agüero, Forlán ou Fernando Torres. Un pouco máis abaixo atopamos un Málaga que apuntaba alto, pero que sufre un progresivo desmantelamento. O ano pasado Cazorla emigrou á Premier League e este ano tocaralle a Isco, tentado en principio polo Manchester City. Nos citizens tamén xogará Jesús Navas, que abandona un Sevilla que igual tamén se ten que desprender de Álvaro Negredo.

Exemplos máis modestos son de Iago Aspas no Celta ou o de Martins no Levante, onde o nixeriano non esperou nin ata que rematara a liga para marchar. O mesmo pode pasar no Espanyol con Verdú, en Osasuna con Andrés Fernández ou no Rayo Vallecano con Piti. A maioría dos equipos afrontarán a vindeira tempada máis debilitados que reforzados, mentres os dous grandes serán aínda máis temibles, polo propio e polo alleo.

O resultado que veremos a partir de agosto será o dos últimos anos: unha competición que só poden gañar dous equipos. Volverán a vendernos aquilo da “mellor liga do mundo”, pero cada vez seremos máis os que a vexamos como a “liga das diferenzas”. Un campionato onde todos aqueles xogadores que destacan e que non son de agrado do Madrid ou do Barcelona acabarán xogando no estranxeiro. Unha liga onde o 50% dos dereitos televisivos repártese entre dous equipos. Unha competición onde todos terán que xogar o luns pola noite excepto dous, onde un equipo fai 76 puntos na mellor tempada da súa historia e só pode quedar terceiro e onde a salvación se consegue con 37 puntos e o campionato con cen. Por desgraza non vos estou falando da liga escocesa, senón da nosa, que cada día perde un pouquiño máis de interese.