Reflexións arredor do proceso de globalización

“Ser internacionalista es saldar nuestra propia deuda con la humanidad. Quien no sea capaz de luchar por otros, no será nunca suficientemente capaz de luchar por sí mismo”
Fidel Castro Bruz

Para atopar a orixe do debate sobra a globalización podemos seguir varias liñas. En primeiro lugar, afírmase que é herdeiro das teorías da modernización, así como do proceso de industrialización. A teoría da modernización xurdiu na década dos sesenta en resposta á batalla ideolóxica que daquela se libraba entre o capitalismo occidental e o comunismo. Ante o fracaso do intento de introdución no sistema global dos países do chamado Terceiro Mundo, o comunismo ofrecía un modelo rápido e convincente de desenvolvemento. Contra esta ameaza, os analistas occidentais desenvolveron o modelo coñecido como Teoría da Modernidade, que tentaba contrarrestar o avance do comunismo. Por outra banda, o economista arxentino Aldo Ferrer sinala que o actual proceso de globalización é parte dun proceso maior, iniciado no 1492 coa conquista e colonización de gran parte do mundo por parte de Europa. O sociólogo americano Wilbert Moore foi o primeiro, en 1966, en propor unha sociedade global; e posteriormente outros como Robert Keohane e Joseph Nye expuñan a noción de “interaccións globais”, coa que facían referencia a movementos de xente, información e outros elementos a través das fronteiras estatais. Houbo autores que, partindo da chamada socioloxía funcionalista estadounidense, tentaron superar as explicacións sociais que se reducían aos ámbitos nacionais. Adóitase enmarcar a esta teoría como conservadora, pois considera que son funcionais os factores que preservan a existencia dun determinado sistema. David Held caracteriza a globalización cunha serie de elementos entre os que destaca unha crecente aceleración dos fluxos de capitais, xente, información e ideas que produce un notable incremento das interaccións e procesos globais. Tamén salienta que a globalización implica a expansión de prácticas sociais, culturais, económicas e políticas transfronteirizas que fan posible a acción a distancia dunhas comunidades sobre outras.

En torno ao debate sobre a globalización, existen visións como as do sociólogo Gilles Lipovetsky, que basea a súa defensa do proceso globalizador en que é o único réxime posible porque non hai outro capaz de substituílo. Ante el atópase o economista Hervé Juvin, que ve na globalización a morte da pluralidade cultural e de todo o que a sustenta. Lipovetsky introduce o concepto de cultura-mundo para denominar a hipercultura transnacional que está a crecer de maneira desmesurada froito do proceso de globalización. A cultura-mundo remite á organización de redes mediáticas transnacionais, así como á ampliación de industrias culturais que canalizan unha crecente cantidade de bens idénticos cara un mercado globalizado. Nas súas propias palabras: “cando o económico se volve cultura e cando o cultural cala na mercancía, chega o momento da cultura-mundo”. Argumenta que a cultura-mundo é xerme de universalidade cosmopolita contra culturas populares fragmentadas e inmutables. Fala de intensificar a conciencia do mundo como fenómeno planetario e global. En toda a visión globalista de Lipovetsky percíbese un intento quer consciente, quer insconsciente, de enfeitar o proceso globalizador obviando as súas desastrosas consecuencias culturais. Este aderezo intensifícase ata o punto de caer na demagoxia, cando se xustifica a cultura-mundo como a consagración de correntes de pensamento cosmopolita como a ecoloxía e os dereitos humanos. Juvin, pola súa banda, argumenta que a cultura-mundo despois de ter acelerado o abandono das fronteiras, das institucións e das autoridades, converteunas en dogmas que crean conflitos incomprensibles e violencias irreprimibles. A reaparición das manifestacións do poder vinculado ao capital farán que retrocedan drasticamente uns dereitos humanos que levabamos tentando asentar durante séculos. Para Juvin, ao ser a cultura-mundo o lugar do baleiro soñado polo liberalismo, ese lugar de onde todo xuízo e singularidade quedou excluído, será tamén o lugar que fará efectivo o peor: a perda de referentes e de estrutura, liberalización que provocará violencia causada pola sede de enriquecemento. Conclúe que a extensión da cultura-mundo co seu desarme das culturas nacionais e locais, lonxe de preparar a paz, inscríbese no proceso de explosión dunha violencia xeneralizada.

Cultura e globalización opóñense de maneira drástica. A cultura representa o particular, o singular, o único; e cultura-mundo designa o uniforme, o híbrido, a confusión. Resulta un paradoxo que globalistas como Lipovetsky queiran ocultarse baixo o disfrace do cosmopolitismo, denostando a aqueles que verdadeiramente conciben o cosmopolitismo como o que debería ser: unha unión internacionalista de colaboración entre as diferentes nacións garantindo o seu autogoberno e o mantemento da súa identidade nacional. Todo isto só sería posible nun sistema económico contrario ao actual, e que mediante a solidariedade comunitaria e intercomunitaria loitase pola xustiza social.

Hervé Juvin conclúe que a extensión da cultura-mundo co seu desarme das culturas nacionais e locais, lonxe de preparar a paz, inscríbese no proceso de explosión dunha violencia xeneralizada

David Held, no seu ensaio A cultura nacional, a globalización das comunicacións e a comunidade política vinculante, baseándose na evidencia de que non hai un conxunto de lembranzas comúns e globais, así como unha historia universal por medio da cal a xente se poida sentir identificada, formula unha alternativa cosmopolita a xeito de interconexión das comunidades políticas en diversos dominios. Así mesmo rexeita que a idea dun cosmopolitismo cultural estea enfrontada coa diversidade das culturas nacionais, afirmando que non nega a diferenza nin a perdurabilidade da tradición nacional.

Por outra banda, podemos afirmar que Karl Marx anticipou a aparición da actual globalización económica case dous séculos antes. Xa daquelas falaba Marx da destrución das industrias nacionais por rivais que importan materias primas e importan produtos rematados polo mundo adiante. Asemade, coma o Alexander Callinicos cita no seu ensaio O marxismo e a gobernanza global, Marx aventuraba o esvaecemento progresivo da cultura nacional: “As diferenzas nacionais e antagonismos entre pobos son cada día máis evanescentes, debido ao desenvolvemento da burguesía, á liberdade de comercio, ao mercado mundial, á uniformidade do modo de produción e das condicións de vida correspondentes”. Isto demostra que o pensamento económico e filosófico marxista é máis actual ca nunca, contradicindo o máis que habitual e demagóxico argumento liberal que nega que a teoría económica marxista poida ser aplicada na actualidade.

Chegados a este punto, cómpre diferenciar e contrastar o concepto de globalización, anteriormente exposto, co de imperialismo. Este último pódese definir como a doutrina política que xustifica a dominación dun pobo ou Estado sobre outros, que reciben o nome de colonias. Pero se temos en conta que por imperialismo tamén se pode entender a penetración dun Estado noutros controlando os seus mercados e fontes de materias primas, podemos afirmar que, como ben dixo Herbert I. Schiller, co propio título dun dos seus ensaios, Aínda non pasou a era imperialista. Aínda que nos anos sesenta se dese por rematada a teoría da dominación cultural, non debemos afirmar que xa non exista. A diferenza é que agora son as autoridades corporativas transnacionais as que posúen o poder de dominación. As condicións políticas e técnicas que se deron ao remate da Segunda Guerra Mundial colocando aos Estados Unidos coma o Estado máis poderoso do Primeiro Mundo e á Unión Soviética nunha posición económica e técnica subordinada, forneceron a paisaxe ideal para o desenvolvemento da era do dominio cultural. Este chamado dominio cultural non é mais ca un subconxunto do sistema xeral imperialista, centrado na submisión das colonias nos aspectos mediáticos e culturais.

Podemos afirmar que Karl Marx anticipou a aparición da actual globalización económica case dous séculos antes

Diversos autores como Monroe E. Prince, Fred Halliday ou o economista Paul Krugman, formularon a posibilidade de que dalgunha maneira o concepto de globalización fora unha coartada por parte de certo poder político hexemónico, e que unha das principais consecuencias da teoría sobre o devandito concepto fose esquecer a validez da teoría do imperialismo. David Harvey xustifica tal proposición afirmando que o termo “globalización” acadou prominencia cando comezou a ser empregado pola prensa económica co obxectivo de lexitimar a liberalización absoluta dos mercados financeiros. Halliday, no seu ensaio A pertinencia do Imperialismo, resalta a ausencia dos termos “capitalismo” e “imperialismo” na análise sociopolítica (incluíndo estudos sobre globalización) e nas relacións internacionais.

joao-faria

­© João P. de Faria (http://500px.com/joaopaulodefaria)

O estudo da globalización e tamén da sociedade política contemporánea non é máis có estudo do propio capitalismo. Halliday parafrasea moi axeitadamente a Horkheimer dicindo “os que non queren falar de capitalismo, non deberían falar de globalización nin de relacións internacionais”. É coma se ao falar das consecuencias do proceso de globalización estivésemos evitando afirmar que todas elas non son máis que efectos da continua expansión do capitalismo. Semella que o termo “imperialismo”, tratado xa no seu senso de dominio cultural, só é aceptado coma obxecto lexítimo na análise histórica, e resulta completamente desdeñado no que atinxe ao estudo das ciencias sociais. Relacionándoo co anterior, precísase unha visión do imperialismo a xeito de explotador contemporáneo que, froito da expansión capitalista (ou o que algúns insisten en chamar proceso de globalización), explota e domina cultural, política e economicamente as comunidades políticas exentas de poder corporativo transnacional. Hai quen chega a definir o imperialismo como o “estado superior do capitalismo”. Schiller tamén afirma que o imperialismo como sistema de control e dominio explotador de recursos, segue a existir, mais matiza que a oposición e resistencia a este é máis intensa que no s. XIX. Argumenta esta última afirmación coa evidencia da existencia dun número moito maior de nacións, mais iso non exime de que o dominio imperial en sentido económico, cultural e político continúe a ser eixo central da situación actual da sociedade, amparado baixo o chamado proceso de globalización. Dito doutra maneira, as comunidades políticas teñen pouco poder de oposición ao proceso globalizador e de dominio cultural, pois é tal o poder dos corporativismos transnacionais amparados e protexidos por institucións supranacionais, cuxo deber non é outro que garantir a libre circulación de fluxos comerciais, que calquera esforzo ou protesta colectiva, fica en inútil. Mais lonxe de que pareza unha formulación excesivamente pesimista, só se pretende acentuar as inmensas dimensións do poder corporativista, asemade encadrado, nun contexto de forte avance do proceso globalizador. Malia isto, destaca Arjun Appadurai no seu ensaio Disxunción e diferenza na economía cultural global, que unha das características máis sorprendentes deste proceso de globalización capitalista, é o robustas que amosaron ser as culturas nacionais e locais mantendo as súas linguas e tradicións culturais, resistindo activamente ao que Theodor W. Adorno e Max Horkheimer chamaron Kulturindustrie no seu libro Dialéctica da Ilustración.

As achegas de Ulf Hannerz no seu ensaio Notas sobre o ecumene global permiten afondar na análise da globalización dende unha comprensión xerárquica. Se o aparello de poder da sociedade está formado pola suma das xerarquías política, social, económica e cultural, a globalización supón a acentuación de relacións de dependencia ou centro-periferia. As nocións de centro e periferia, expostas polo sociólogo Edward Shills no seu ensaio Center and Periphery. Essays in macrosociology, non son nocións xeográficas, senón valores fundamentais na estrutura dunha sociedade. O centro correspondería aos valores centrais, a xeito de estrutura de actividades, roles e persoas dentro da rede dunha sociedade. Estes están constituídos polas elites económicas, políticas e sociais e lexitiman o sistema institucional central. Xa que logo, o centro exerce unha dominación sobre aqueles elementos da sociedade que acepten, rexeiten ou sexan indiferentes á institución central; tratarase da chamada periferia social. Estas nocións, expostas nun contexto macrosociolóxico propio dos anos sesenta, foron obxecto dunha revisión crítica por parte de Hannerz e Arjun Appadurai, nos seus correspondentes ensaios citados anteriormente. Segundo este último, a actual economía cultural global ten que ser concibida a xeito de orde complexa e disxuntiva, polo que a visión dos modelos de centro e periferia existentes resulta excesivamente reducionista. Así mesmo, tamén describe como obsoletas as teorías máis complexas e flexibles sobre o desenvolvemento global do pensamento marxista. A razón é que nos atopamos ante un capitalismo desorganizado e moi complexo, onde existen multitude de disxuncións entre economía, cultura e política que aínda non alcanzaron o seu máximo desenvolvemento teórico.