Periódicosh liberalesh

Nas últimas datas, ante a voracidade fiscal do goberno de Rajoy con Montoro á cabeza da patrulla de esquilmación do peto do personal, o xornal El Mundo entrou nunha etapa de constante arroutada liberal clamando pola baixada de impostos e flexibilización do mercado laboral. Nestes días Pedro J citaba a Hayek nas súas cartas dominicais, Juan Ramón Rallo entraba na súa nómina de columnistas e o redactor xefe de Economía John Müller parecía, como bo chileno, poseído polo espírito de Milton Friedman.

Durante esta tormenta de proclamas a prol da liberdade económica produciuse unha noticia certamente curiosa: Mariano Rajoy bloqueaba unha OPA dunha empresa estranxeira sobre Telefónica. Sobreentendendo que Rajoy ao mellor ten abondo co que ten como para andar meténdose nas relacións entre empresas privadas, agardaba un editorial furibundo contra o presidente por parte de El Mundo, que ademais era o xornal que tiña a presunta exclusiva. Sorpresa a miña ao descubrir que non só me enganaba, senón que os editorialistas de Pedro J. defendían a actuación do goberno e comezaban cunha frase coma esta:

“Aunque no faltará quien piense que los poderes públicos no deben interferir en las reglas del libre mercado, el ejecutivo ha obrado bien en esta ocasión”.

Para esta clase de pensamento económico que di defender principiosh liberalesh (léase con acento castizo) pero que lle ten pánico á libre competencia e fluxo de capitales en certas empresas acuñouse o termo liberalismo cañí. Á hora da verdade, El Mundo prefire ser un xornal liberal ou patriota español? Responder a esta pregunta pode parecer coma aquela que nos facían de pequenos de A quen lle queres máis? A mamá ou a papá?, pero isto chéirame a caso de libro dese nacionalismo que non se ve do que falaba Simón o outro día.

Unha vez máis, e non son poucas en El Mundo, os “intereses de España” colocáronse por riba dos principios económicos. Unha vez máis, e non son poucas no xornalismo español, a Razón de Estado colocouse por riba do estado da razón.