O trotamundos capitán do Obra

Imaxine facer un viaxe que pase por California, Nevada, Cataluña, Xapón, Arxentina, Italia, Francia, Andalucía e Brasil e que esa viaxe remate en Galicia. Imaxine tamén que esa viaxe realízase co nexo común de xogar a ese xogo que consiste en introducir a pelota na canastra.

Mike Higgins (Grand Island, Nebraska; 1967) foi un xogador de baloncesto norteamericano algo fóra do habitual prototipo de baloncestista. A súa carreira no deporte foi do máis atípico xa que non foi un home que podamos recordar por pasar gran parte da súa carreira nun mesmo club. A súa mellor época en canto a xogo foi sen dúbida a súa etapa na universidade. Destacou na universidade de Northern Colorado, onde xogou os catro anos a un gran nivel promediando incluso no último ano máis de 25 puntos e 11 rebotes. Aínda hoxe en día continúa sendo o máximo anotador e reboteador da universidade, a pesar de que era de segunda división. A súa última gran temporada na universidade non lle serviu para acadar un contrato na liga das estrelas, a NBA pero si para logralo na CBA, un dos principais viveiros da principal liga. Foi drafteado daquela co número 25 polos Wichita Falls. Contaba con non vivir do baloncesto, e xa se estaba preparando para ser corredor de seguros. Pero unha chamada cambiouno todo e grazas a unha modalidade de contrato que acordara a CBA coa NBA (contrato de 10 días) xogou varios partidos con Los Angeles Lakers (e con estrelas coma Magic Johnson ou Byron Soctt coma compañeiros) e cos Denver Nuggets para reemprazar a algúns xogadores lesionados. O anterior verán participou na liga de verán co equipo californiano e tan só el e outro xogador daquela descoñecido chamado Vlade Divac lograron pasar o corte. Mais con isto non logrou destacar na gran liga e aquel mesmo ano (1989-90) probou sorte co Valvi Girona.

mikehiggins_lal

Higgins no seu debut cos Lakers. Foto: elcomentamierda

A temporada 90-91 tamén foi para Higgins de coller varios avións e non arrendar piso cun contrato duradeiro. Nese curso baloncestístico pasou polos Yakama Sun Kings do estado de Washington, polos Sacramento Kings e viaxou a Francia a amosar as súas dotes no BCM Gravelines. No ano seguinte formou parte do Oximesa Granada da ACB, equipo que un par de anos máis tarde desaparecería. Aquel foi sen dúbida o seu mellor ano nunha categoría forte coma a ACB pois promediou máis de 11 puntos e 8 rebotes por partido. A pesar diso non logrou rematar o ano. Foi cortado e rematou xogando no Libertas Forlí da serie C1 da LEGA italiana.

A partir de aí comezou unha xira mundial de curioso recorrido. Ao ano seguinte pasou polos Omaha Racers do seu estado natal de Nebraska. Foi o paso previo a regresar a España, esta vez ás Illas Canarias, pois nas filas do CB Gran Canaria rematou quinto a temporada na Primeira División (equivalente hoxe en día á LEB Ouro). Os seguintes destinos foron xa en ultramar, no Estudiantes de Bahía Blanca arxentino. Botou outro ano por alí, no Peñarol de Mar de Plata.

O primeiro equipo onde pasou máis dun ano (fito que só repetiu outra vez no León Caja España no que aguantou tres) foi o Isuzu Gigacats da liga nipona. E desde aí foron bastantes máis os equipos que contaron con el nas súas filas: desde os Grand Rapids Hoops de Michigan ós França, Fluminense e Londrina brasileiros ou o Boca Juniors arxentino. Retornou a España en 2002 onde logrou a nacionalidade española fichando polo Bilbao Basket daquela na LEB Prata que foi campión e logrou o ascenso. Tras a súa volta a España xa nunca deixou profesionalmente o país ibérico e realizou unha longa travesía pola LEB no Cáceres Destino Turístico, o León Caja España, o Alerta Cantabria e o CAI Zaragoza, co que logrou o ascenso á ACB. Así el tamén retornaba á ACB aínda que con cambio de aires. Volvía a Granada pero cun contrato temporal en outubro de 2008. Retornou ao ano seguinte a Gandía á LEB.

s17p32F2

Higgins, xogando un dos seus últimos partidos coma profesional no Obradoiro. Foto: La Voz de Galicia

Ano 2009. O Obradoiro preparábase para retornar á máxima categoría do baloncesto español tras unha longa travesía polo deserto. Pouco a pouco, con xogadores descoñecidos e outros xa veteranos ía formando un conxunto co que intentar non descender. Mike Higgins comezaba adestrando co equipo, primeiro coa intención de acompañar e axudar nos adestramentos. Despois cun contrato temporal de dous meses e finalmente cun contrato para todo o ano. Os seus compañeiros quixeron que el fose o capitán nesa temporada máxica para os composteláns. E cumpriu co seu cometido, a pesar de que finalmente non logrou que o equipo mantivese a categoría. Foi alcumado coma “o avó da ACB” e acollido con benquerenza pola afección. Quedou tamén coma o xogador máis maior en xogar un partido da ACB superando a Joan Creus. Non contaba con ter demasiado protagonismo ese ano, pero o nefasto rendemento de Pasalic, a retirada a metade de temporada de Marc Jackson, a fallida fichaxe de Oriol Junyent que veu a Santiago coxo naquel ano e o enorme erro que supuxo a contratación de Jeremiah Massey fixeron que o norteamericano tivese máis minutos dos inicialmente previstos.

O veterano xogador resistíase a colgar as botas. Estivo esperando por unha nova oferta que o convencese de seguir un ano máis pero este non chegou. Ao rematar contrato co Obradoiro non lle quedou outra que retirarse e púxose a traballar no negocio familiar, un taller nos Estados Unidos. Higgins non foi un xogador brillante, nunca estará en ningunha clasificación de mellores xogadores ou de estatísticas, pero si que se pode dicir del que era un xogador traballador, que se deixaba querer e sobre todo un aventureiro, que intentou emular os viaxes de Willy Fog aínda que non en 80 días xa que desde que comezou a xogar na NCAA, ata o seu último ano na ACB pasaron 25 anos polo medio onde vestiu 28 camisetas diferentes.

Imaxe de portada: El Periódico de Aragón