Arturo Casal: “O PP de Galicia é unha marca diferenciada dentro do PP nacional”
Nun momento de antipatía xeralizada fronte ao Goberno das tesoiras e das listas de Bárcenas, semella que aínda hai persoas comprometidas coas ideas do partido. O tópico da presuntuosidade que caracteriza os mozos que forman as Novas Xeracións desvanécese unha vez que coñecemos a Arturo Casal. Con case rematada a carreira de Ciencias Políticas, Arturo Casal é o máximo responsable das Novas Xeracións do PP (NNXX) en Pontevedra. A continuación, non só coñeceremos outra esfera dentro do panorama das novas xeracións dos partidos, senón que tamén escoitaremos a súa nova voz opinando sobre temas de actualidade coma a educación, o aborto, movementos sociais, e mesmo as recentes declaracións de Aznar…
NOVAS XERACIÓNS NO CONTEXTO ACTUAL
Cando e por que decides afiliarte ás Novas Xeracións do PP (NNXX)?
Atravesei diferentes etapas ideolóxicas, pero a miña andaina no Partido Popular comezou no ano 2006. Aí foi cando coñecín mellor como era o PP por dentro, descubrín que non era como é visto desde fora; “pijismo”, distanciamento dos cidadáns, ranciedume, todo o que a xente asocia a esas siglas. O certo é que vas coñecendo como son as cousas e vas afastándote deses prexuízos, vas vendo mariñeiros, labregos, gandeiros, xente de todo tipo, desde persoas do rural á gran cidade.
Sigo estando en contra da Guerra de Irak
E como foi esa evolución ideolóxica?
Comecei posicionándome en posturas máis afíns ao Partido Socialista, despois evolucionei cara outras próximas ao Bloque Nacionalista Galego, e finalmente acabei no PP. É por iso polo que coñezo as dúas beiras, cheguei á conclusión de que este era o meu camiño a seguir. Non obstante, a xente percibe que nos partidos non hai diverxencias, pero o que pasa é que a propia organización tamén ten foros internos onde discutir e chegar a novas ideas. Eu por exemplo sigo estando en contra da Guerra de Irak a día de hoxe, son partidario de non meter os fuciños na casa dos demais. Non creo que teñamos que estar aínda en Afganistán.
Crees que rematarás traballando en política? Donde estarás en dez anos?
Sabe deus. O futuro é moi incerto, e máis coa situación na que estamos.
Que pode facer un membro das Novas Xeracións dentro do partido? Ten un poder real?
Nós somos un partido presidencialista, respétanse as xerarquías. Eu non hai nin un ano que son presidente das NNXX e gozo dunha liberdade casi absoluta para tomar as medidas e organizar actividades. Dentro da escola de formación debatemos sobre diferentes temas, mesmo criticamos as medidas tomadas polo Goberno. Xeramos opinión e influencia, algunha das nosas propostas son escoitadas polos deputados.
Dentro das NNXX recíbese algún tipo de formación?
Novas Xeracións de Pontevedra foi o precursor da escola de formación. A primeira xornada afondou no debate ideolóxico nas bases do partido. Tratamos temas de economía, que hai que coñecer para non deixarse enganar por gurús. Ademáis tratamos o tema de Venezuela, a crítica ás políticas intervencionistas. No mes de xullo trataremos o galeguismo e as políticas de xuventude. Tamén gústame que se observe a traxectoria política dalgunhas das persoas coas que tratamos, creo que é interesante ver como son as evolucións nos partidos.
Que opinas das ‘’familias’’ ideolóxicas?
En concreto no PP de Galicia é sabido que hai dúas claras sensibilidades. Unha digamos que máis españolista, cunha serie de matices, e outra máis galeguista, que lle deu moita da forza que ten aquí. Eu atópome nun camiño de convivencia entre os dous modos de velo, pero encádrome na sensibilidades máis liberais e galeguistas do partido.
Algunha das nosas propostas
son escoitadas polos deputados
Cres que o PP debería utilizar máis a imaxe dos seus membros máis novos á hora de comunicarse coa cidadanía?
Todo é mellorable, seguramente si.
APREHENSIÓN CARA A PROFESIÓN
Que motivación cres que ten a xente nova que acude ás NNXX e que cres que poden sacar en limpo deste momento de desafeción política?
A xente que se mete en política ten un certo interese de servizo público e de defender unha serie de principios e valores porque quere cambiar a sociedade. Si que é certo que hai un problema de credibilidade, pero a todos os niveis, non só do sistema político, tamén dos sindicatos, que xa podían copiar o sistema do sindicatos alemáns, dos medios de comunicación, da propia institución da coroa… Antes había unha unión tanto por parte do PSOE e o PP ante a institución monárquica, excluindo aos republicanos, e gracias a Urdangarín conseguiuse o que non conseguiron os republicanos en trinta anos. Como conseguir credibilidade? Pois en primeiro lugar, os políticos teñen que servir como modelo, no caso das dimisións, por exemplo. Noutros países dimiten con situacións menos graves, pero aquí parece que nos aferramos ao sillón.
Criticamos ao político
que enchufa e logo imos
ao político a que nos enchufe
Estás de acordo con que as novas xeracións ou xuventudes dos partidos políticos son como unha especia de “axencias de colocación”, de creación de emprego?
Non, como organización de Xuventude en si, non estou de acordo. Non é unha empresa de colocación tal e como dicides, polo menos en Galicia. Que hai casos? Pois claro, saen na prensa. Hai moita hipocresía, criticamos ao político que enchufa e logo imos ao político a que nos enchufe. Neste país hai unha dobre moral. A xente non o quere ver ou non sei. Xa che digo, que non creo que as xuventudes dos partidos, polo menos as Novas Xeracións fagan de empresas de colocación. Eu mesmo estou no paro agora mesmo e son o presidente das NNXX en Pontevedra.
Os que din que os demais chupan
do sistema son os que levan toda
a vida nel, como Beiras
Que opinas das declaracións de Ana Botella sobre os membros das Novas Xeracións dos partidos en canto a que as personas novas deberían estarse formando ou traballando?
A min sorprendeume porque tiña ao lado a dúas persoas que foran membros de Novas Xeracións. Os dous concelleiros que tiña ao lado viñan de Novas Xeracións de Madrid, habría que preguntarlle a eles o que lles pareceu. Se os partidos inclúen nos seus programas electorais propostas que afectan á xente nova ten sentido que existan organizacións xuveniles. Ten sentido para conseguir novos afiliados e para a propia superviviencia e renovación da organización política. Nese sentido Novas Xeracións ten un papel esencial.
Que opinas da postura de Esperanza Aguirre respecto ás Novas Xeracións? Ela dixo que está de acordo con que existan pero que non haxa unha determinada cota para ir nas listas do partido.
E que eu non sei a que se refire porque no partido non hai cotas. Creo que o que ela dixo é que había que ter un traballo previo ou unha profesión previa antes de entrar en política e o di unha persoa que leva trinta anos en política, pois iso xa o di todo. Non teño máis que dicir. Os que din que os demais chupan do sistema son os que levan toda a vida nel, como Beiras. O sistema non o cambiou, é o mismo que cando empezou e leva nel moito tempo. Hai xente que lle compra esa mensaxe, pois moi ben. Ademais, agora ten un circo montado alí no parlamento de Galicia.
A XENTE NOVA E AS VELLAS POLÍTICAS
E que visión tedes sobre as políticas de emprego, que políticas apoiades?
Hai tres patas que ten un banco, sen esas tres non se sosten. En tres o Goberno está indo no bo camiño, e en concreto en Galicia creo que si que se está a facer o que se debe. Unha primeira pata sería ir reducindo o gasto público, o esforzo que se está facendo desde o Goberno Central é enorme, pero tendo en conta que o ano pasado tiñamos un déficit do 7% e este dun 10% se contamos co rescate, non é suficiente. A outra sería o crédito, estamos seguindo un camiño que me asusta, eu sempre digo que non sei se nós, os nosos fillos ou os nosos netos pagarán a nosa débeda. A tercera é a lei de medidas de emprendemento cunha maior liberdade do sector empresarial e cunha reducción fiscal, entrando no IRPF ou no imposto sobre sociedades, co fin de saír desta situación de desemprego. Con estas medidas estou dacordo.
Non só hai que tomar as medidas,
senón tamén saber explicalas
Non crees que aínda así, os recortes están sendo mal distribuidos? Vemos como algunhas partidas de gasto público poderían reducirse para non baixar outras. Está impulsando o PP unha austeridade con sentido?
Aínda queda moito por avanzar, iso é certo. Como xa dixen antes, nos tres puntos nos que traballa o Goberno actualmente, hai ámbitos nos que as reformas han de profundizar máis no problema real. Non obstante, creo que o camiño escollido foi o correcto.
Cres que son ben acollidas estas medidas?
Estas medidas son medidas impopulares, o cal non quere dicir que non funcionen. E ademais son aproveitadas pola oposición para criticar ao PP e xerar descontento. Non obstante, moitas destas medidas son necesarias para regular algúns dos problemas como o exceso de aeroportos galegos, os medios de comunicación públicos deficitarios ou as empresas públicas que a día de hoxe non ten sentido que existan porque hai outra alternativa.
España non ten unha cultura empresarial
En canto a outro tema polémico, non só nesta mesma lexislatura, senón a longo da democracia, é o tema da educación. Non sei que opinión che merece esta última lei de educación, os pros e os contras, a contestación social que está tendo… Por que en España nunca chega unha lei de educación a longo prazo?
Porque é política (risas). Porque a educación neste país utilízase para facer política. A min gustaríame ver un modelo coma o nórdico onde levan trinta anos coa mesma lei de educación e pasaron distintos gobernos, pero aquí houbo conflito no primeiro momento que se dixo que habería reforma na educación, polo mero feito de que esa reforma a facía o Partido Popular. Quero recordar que todas a reformas que se levaron en España as fixo o Partido Socialista.
A reforma ten cousas boas como a flexibilización á hora de poder elixir antes a Formación Profesional. Para min, o modelo austriaco é un modelo a seguir. Os países que adoptaron este modelo, como pode ser Alemania, teñen un 9% de paro xuvenil. Potencian a formación profesional e hai vinculación coas empresas. A LOMCE creo que busca ir nesa dirección, ou iso espero, pero España non ten unha cultura empresarial. Sempre houbo un gran intervencionismo estatal que fixo que os empresarios se arrimasen aos partidos para ter algunha determinada contraprestación. Tamén habería que dicir que hay que buscar un consenso para que dunha vez por todas teñamos unha lei de educación que sexa perdurable no tempo, goberno tras goberno, sexa un goberno de dereitas ou de esquerdas.
En canto o tema do aborto, como ves as palabras de Beatriz Escudero, diputada do PP, que as mulleres que máis abortan son as que non teñen formación?
Son unhas declaracións fóra de lugar. Eu non as diría. O aborto é un drama tanto para a persoa que o sufre, como para a súa familia e a súa parella. Isto dígoo ademáis porque tocoume de preto non hai moito. Eu estou totalmente de acordo coa lei do ano 85. É unha lei que perdurou no tempo e que funcionaba razoablemente ben. A última reforma do ano 2010 tampouco me parece fóra de lugar. Quero dicir con isto que se quedara como está pois non pasaría nada. O que non se me pasa pola cabeza é que se considerase delito ou calquera outro tipo de sanción. Creo que o ministro falou de quitar dos supostos a malformación do feto. Eu creo que non debería quitarse, eu estou de acordo coa lei de supostos do ano 85 que xa establecía isto. O que non pode é tomarse a lei a cachondeo, por iso serían discutibles puntos coma os da adolescencia.
Pero non cres que é un asunto suficientemente grave como para que se tome en serio?
Claro, claro, pero tamén estamos a falar de xente adolescente que aínda non chegou á plena madurez. Creo que non pasaría nada con que a lei do 2010 se mantivera. Coa experiencia que comentaba da miña amiga dinme conta de que foi un verdadeiro calvario tanto para a persona que o sufriu como para a súa familia. Eu tamén entendo que a xente teña unha posición concreta por ideoloxía ou por outras circunstancias. Tamén quero deixar claro o problema dos diagnósticos que non son definitivos. Neste caso en concreto tiveron que facer catro diagnósticos que daban algúns ben e outros mal, nun proceso de xestación xa bastante avanzado. Se a unha determinada altura non hai diagnósticos fehacientes, o debate ábrese máis. É un debate moi complexo.
Non teño nada en contra
dos movementos sociais
Os movementos sociais tenden a ser asociados coas ideoloxías de esquerdas e soen ser duramente criticados desde a dereita. Cal é a túa opinión? Cres que teñen algunha eficacia?
Teñen influencia na creación da opinión pública e de feito o 15 M tivo influencia. A miña perspectiva é a do respeto absoluto. Podo estar a favor dalgunhas das ideas que defenden e en contra de outras, pero non teño nada en contra dos movementos sociais. Para min é algo totalmente respetable dentro do dereito á liberdade de expresión, era o que faltaba. Outra cousa é que esté en contra de que se queimen contenedores e que se aproveite iso para a violencia. Tampouco estou a favor dos escraches. Eu non o faría, hai xente que o fai, cada un é responsable dos seus actos. Un dos problemas que temos neste país é que a xente parece que non se fai responsable da súa vida e isto tamén é culpa dos políticos. Vai sendo hora de que neste país se lle diga á xente que ten que ser responsable. Pero chega o político de turno e quérese facer responsable da túa vida. Eu non quero que ningún político se faga responsable de min nin meta os fuciños na miña casa. Temos demasiados políticos que meten os fuciños na casa dos demais e iso é o que non pode ser. Hai moitas leis que se aproban no Congreso que eu dubido que respeten o dereito á liberdade e á propiedade.
NON E PAÍS PARA POLÍTICOS
E no caso das famosas fotos de Feijóo, ti cres que sería un motivo suficiente para o presidente dimitise como pedían algúns partidos?
Non, neste caso non estou de acordo. Primeiro, estamos falando dunhas fotos de fai máis de vinte anos, Alberto Núñez Feijóo era número dous da conselleira, pero no ámbito do partido non era ninguén, nin tan sequera un militante de base, é dicir non tiña ningún poder. Ao mellor podería ter influencia no conselleiro de turno. Pero no que era o partido, dubido moitísimo que tivera influencia nas propias decisións que tomaran o PP de Galicia. Fixo ben en dar a cara nunha rolda de prensa. Pero ao final, vimos que este caso empregouse para montar un auténtico circo, aproveitado pola oposición sen ningún argumento. Tampouco era comparable ó caso de Quintana. E esas fotos saen como ataque directo á persoa non ao PP. De onde ven? Non sei. Pero está claro que Feijóo que é un estorbo.
Feijóo que é un estorbo para o partido ou para a oposición?
Para a oposición sen dúbida.
E para o propio partido?
A ver, insisto, o que está facendo Feijóo e unha xestión notable. É unha referencia tanto como para políticos do PP como para outros políticos doutros partidos. É unha voz que se escoita en toda España… Pero isto é política, nunca se sabe. Hai que darse de conta que se eres admirado tamén eres temido. Se eres respetado, tamén eres temido.
Que opinión tes do feito de que Rajoy non comparecese en persoa nalgunhas roldas de prensa pasadas, senón que a través dunhas pantallas?
Home, eu non o faría. Feijóo compareceu nunha rolda de prensa repleta de xornalistas, a peito descuberto, ao día seguinte da publicación das fotos. Non sei canto duraría a rolda de prensa pero había uns cantos xornalistas nacionais e internacionais. Que hai que explicar as cousas ben e que hai que explicar as cousas á cara, e non a través dunha pantalla? Claro. Pero, eu tampouco son presidente do Goberno, as súas razóns terá… Si fose eu, Arturo Casal Piñón, non o faría.
Se eu fose Rajoy non comparecería nunha pantalla.
Que opinas das declaracións de Aznar?
Estou dacordo co que dixo da reforma fiscal e de reforzar a clase media pero discrepo totalmente das formas. Ten cauces internos para facer esas críticas. O que decía antes, os trapos sucios lávanse na casa, sobretodo se eres un expresidente. Iso é o bo que ten Zapatero, que é un bo expresidente.
En canto ó funcionamento interno dos partidos, cres que é suficientemente democrático? Que opinas de propostas como a limitación de mandatos?
Non estou de acordo coa limitación de mandatos. Iso o único que fai é crear castas, crear clans familiares como acontece en Estados Unidos que parece que se transmite de pais a fillos e incluso de avós a netos.
Como na Deputación de Ourense, por exemplo.
Tamén. Podemos falar dese caso, pero preguntaches pola limitación de mandatos e o caso de Ourense é distinto. A limitación de mandatos é algo habitual en moito países e resultan ser auténticos nidos de corrupción, de feito en México o penúltimo ano de mandato chámase “el año del hidalgo” porque “chingue su madre quien deje algo”. A auténtica limitación de mandatos é a que deciden os cidadáns. Por que imos deixar de ter a un político en certo cargo se os votos o avalan? Por que o diga unha lei? Por que o diga unha regulación? Entraríamos outra vez no tema do intervencionismo, estaríamos a falar tamén dun tema de liberdade.
En canto ao funcionamento interno dos partidos eu considero que si que é suficientemente democrático. Hai foros internos, hai un comité de direción, hai un comité executivo onde se debaten e se discuten os temas, de forma interna, claro. Si que hai debate, sen dúbida.
Un político que admires do teu partido e un político que admires de outro partido.
Pois do propio partido sen dúbida, Alberto Núñez Feijoo porque grazas á súa xestión no 2009 Galicia é unha comunidade autónoma con autonomía. Outros que van por Esapaña adiante dicindo que son máis están a chorarlle ao goberno de Madrid para que pague as túas deudas. Falo tanto de Cataluña como de Andalucía. Nós si que somos autonomía e podemos presumir de poder exercer libremente o noso autogoberno e iso debémosllo a Alberto Núñez Feijoo. Doutro partido antes caíame ben Duran i Lleida, pero agora xa non, aínda que nunca cheguei a admiralo. Quizáis si admiro o carisma de Felipe González, e digo o carisma. Eu coñezo un caso dunha muller que tiña a foto de Felipe González na súa mesiña de noite e dáballe un bico todas as noites, iso é carisma.
Podemos exercer o noso autogoberno con autonomía gracias a Alberto Núñez Feijóo
Os políticos de antes eran moito máis carismáticos tanto Suárez como Felipe González ou o propio Fraga, iso agora non o hai.
Claro que os hai, outra cousa é que non os coñezamos. Hai moitos políticos que moven xente.
Beiras, por exemplo?
Bueno, pero a base de que? Que Beiras é un animal político? Sen dúbida, como foi Fraga ou no seu día Cuíña. Pero despois hai alcaldes que che podo asegurar que son carismáticos senón non levarían vinte anos gobernando. Tamén Alberto Núñez Feijoo ten un aura de carisma, unha evolución política ata a súa madurez, desde que dirixía a oposición ata a actualidade.
Que nota lle porías a Rajoy no seu mandato?
A nota poríalla ao final da lexislatura. Hai que ter en conta que está gobernando no peor momento da historia da democracia en España sen contar coa Transición. Eu creo que vai polo bo camiño pero quédase corto coas medidas. Aínda hai que esperar dous anos, se despois dese período non cumple, non lle porei eu a nota, vanlla poñer os españoles.
Entrevista realizada por Darío Domínguez, Adrián González, Marta Rodríguez e Irene Picallo