O importante é o proxecto
No mundo do fútbol existen moitas variables, pero ao final todo depende de que o balón remate entrando na portería ou non. Os resultados son o baremo fundamental que marca a evolución deportiva e institucional dos clubs de fútbol en España. Porén, existen algunhas excepcións, como se demostrou nas últimas horas. Xusto unha semana despois de certificar unha permanencia histórica en primeira, o Celta decidiu prescindir de Abel Resino. Os motivos aínda non están claros, pero parece que en Vigo antepuxeron o proxecto aos resultados.
O Celta de Vigo acostuma a realizar cambios estraños nos últimos tempos, xa que poden ter sentido no fondo pero nunca nas formas. A destitución de Paco Herrera ou a contratación de Abel Resino, misturada coa polémica de Salva Ballesta, son un claro exemplo disto. Tras festexar a permanencia, o club deixou entrever a continuidade do seu técnico, que abandonaría o Celta unha semana despois por diferenzas na planificación do futuro. Horas despois o club anunciaba a Luis Enrique como o seu substituto. Igual é que como no caso de Herrera necesitaban unha cara nova para cubrir a saída do anterior.
Abel Resino fixo un bo traballo en Vigo. Chegou como unha solución temporal, como un adestrador con experiencia para levantar a un equipo en horas baixas. Quizais non encaixaba na ideoloxía de xogo que viña practicando o club olívico durante os últimos anos, pero ao final o que contaba era a permanencia e logrouna. Os comezos foron malos, pero o equipo reconduciu o rumbo no momento xusto para quedarse en primeira. Moitos opinaban que Abel merecía continuar en Vigo, pero se nos paramos a pensar con cautela a decisión é a correcta.
O Celta presume de canteira e quere construír un proxecto en torno a ela. Tendo en conta os tempos que corren no fútbol español parece unha decisión acertada, e non parecía lóxico que Resino na primeira reunión pedise nove xogadores contrastados para o proxecto do ano que vén. Dende a directiva considerouse necesario facelo recapacitar, pero a negativa do técnico fixo que o club decidise poñer fin a unha relación tan curta como intensa. A Abel non se lle pode reprochar nada a nivel deportivo, pero demostrou que non era o adestrador de futuro que necesitaba este equipo.
O Celta merece seguir crecendo dende a base, como fixo en Segunda con Eusebio e Paco Herrera. Para elo, debe fixarse en proxectos consolidados e que están dando grandes éxitos como o da Real Sociedad. Poucos equipos poden presumir do saneamento do Celta, que se completará coa venda de Iago Aspas ao Liverpool, polo que a directiva simplemente se ten que centrar en non repetir erros do pasado. Fichar demasiado e sen sentido sería un deles, e continuar cun adestrador que non entende a filosofía da casa, outro. Por iso Luis Enrique adestrará ao Celta a vindeira campaña.
Pódese alegar que o asturiano ten falta de experiencia na Liga BBVA ou que non triunfou na Roma, pero por perfil e características de xogo adáptase máis ao modelo celeste que Abel Resino. Luis Enrique soubo liderar un vestiario novo como o do Barcelona B ata grandes metas e sabe o que é traballar con canteira como descubriu en Can Barça. De feito, grazas aos seus contactos na Masía, o Celta pode saír beneficiado con algunha que outra cesión. Nos últimos días falouse moito de Rafinha e tamén se comeza a falar de Deulofeu, que seguro que estarían encantados de reencontrase con seu antigo adestrador en primeira. Por último, o seu estilo de xogo de toque axudará a crecer a moitas das perlas da Madroa.
Se sumamos a isto unha mellor planificación dos fichaxes por parte de Torrecilla, o Celta pode xerar un proxecto canto menos apaixoante. Ademais, podería estar preto un ascenso do Celta B que consolidaría o equipo filial e as perlas da Madroa máis preto da elite. Neses xogadores debe fixarse o novo técnico vigués e, a partir dos activos propios, reconstruír un equipo no que se deben evitar os erros do pasado. A permanencia deste ano foi un alivio, pero non debe tapar as carencias que tivo o equipo durante toda a campaña. Crer nun proxecto por diante dos resultados é un síntoma de que no Celta se queren facer as cousas ben, polo menos no fondo, xa que as formas hai tempo que non son as máis axeitadas.