O duelo: Djalminha vs. Mostovoi
Os seres humanos temos o estraño desexo de cambiar o curso do tempo. Encántanos recordar tempos pasados e proxectarnos no futuro. Sobre todo, cando o presente non é demasiado alentador. Co fútbol acontece algo semellante, e hoxe imos poñer a funcionar a máquina do tempo para recordar tempos mellores para o fútbol galego. Hai nada, durante o último cambio de século, dous equipos galegos tiñan moito que dicir en España e en Europa. Dende Coruña, Javier Irureta levou ao Deportivo a conquistar unha Liga e unha Copa do Rei. En Vigo, a nave capitaneada por Víctor Fernández deixou noites para o recordo pero ningunha en forma de título, algo que se esfumou nunha final de infausto recordo ante o Zaragoza. Eran dous equipos formados por grandes xogadores, grazas aos cales vivimos uns derbis para o recordo. Porén, a miña memoria selectiva sempre se fixaba en dous xogadores por enriba do resto: Djalminha e Mostovoi. Eran dous homes diferentes, cunha calidade infinita e cun inmenso talento para mover aos seus equipos dende a mediapunta, pero tamén dous homes aos que o temperamento lles podía en ocasións. En certo modo, eran tan parecidos como opostos.

Djalminha celebrando un dos seus goles co Deportivo / Fonte: The Footballramble
“O Mago” que Pelé descubriu con cinco años
Djalma Feitosa Dias (9/12/70) era o fillo dun mito brasileiro como Djalma Dias. De aí o seu nome de “Djalminha” e que vivira pegado a un balón dende o primeiro día en que tiña sentido da razón. Con tan só cinco anos, Pelé vaticinoulle un prometedor futuro e non se equivocou. Anos despois, con dezaseis recén cumpridos, o “Rei” o citou para un partido coa selección brasileira de veteranos. O máis novo foi a sensación do encontro e propiciou o interese de moitos clubs brasileiros. O Flamengo foi a súa primeira experiencia, pero Djalma tivo que pasar aínda polo Guaraní e incluso por unha breve cesión en Xapón para establecerse. Foi no Palmeiras, onde coincidiu con xogadores da talla de Roque Júnior, Cafú, Rivaldo ou Flávio Conçeicao. Os dous últimos acabaron no Dépor en 1996, pero o “Mago” aínda tivo que esperar un ano máis.
Djalminha aterrou na Coruña para acompañar a Rivaldo, ata que o Barcelona o levou no último día do período de fichaxes. Os grandes xa mandaban daquela, aínda que non tanto como na actualidade. Djalminha tería máis protagonismo dende o primeiro día, pero os comezos non foron sinxelos. Unha discreta tempada e unha pobre clasificación en media táboa foi o resultado final. Porén, todo cambiou ao ano seguinte coa chegada de Jabo Irureta. O Dépor volveu a ser o “SuperDépor” e Djalminha foi unha peza clave. Tras unha clasificación para a UEFA, o equipo herculino lograría o seu primeiro título de Liga, a maior fazaña da súa historia. O brasileiro era un luxo para o espectador, aínda que sempre foi capaz do mellor e do peor. Djalminha seguiu sendo o faro deportivista por Europa ata que o equipo volveu a tocar teito en 2002 co famoso “Centenariazo”. Por desgraza, ese foi o ano onde as “lambrettas” e as faltas medidas do brasileiro comezaron a perder protagonismo.
O brasileiro era un luxo para o espectador, aínda que sempre foi capaz do mellor e do peor
Un rapaz novo chamado Juan Carlos Valerón pedía paso, ao mesmo tempo que a relación con Irureta se deterioraba. En maio de 2002, pouco despois da consecución da Copa, Djalminha deulle unha cabezada ao técnico en pleno adestramento. Foi o principio do fin de Djalma, que sufriría unha cesión a Austria (onde en dez partidos axudou a gañar a Liga ao Austria Wian) e un deterioro progresivo no Dépor onde perdera todo o protagonismo. A súa irregularidade foi un lastre, como demostran os escasos partidos que xogou coa “canarinha” na súa carreira. O América de México foi o lugar elixido polo “mago” para colgar as botas aos 33 anos.

Mostovoi xogando a Champions coa camiseta do Celta / Fonte: Moi Celeste
O talento ruso que tardou en explotar
Alexander Vladimirovich Mostovoi (22/08/1968) tivo uns inicios complicados no mundo do fútbol. Probou sorte nas categorías inferiores do CSKA de Moscú, pero a falta de oportunidades o fixo cambiar de bando e acabar no Spartak. Alí, saltou a fama tras un partido ante o Metallist, ao que lle meteu un gol para o recordo regateando seis rivais dentro do área. Catro anos xogaría en Moscú ata que decidiu emigrar a Portugal, ao Benfica. Alí obtivo a nacionalidade portuguesa e pouco máis, xa que os problemas deportivos e extradeportivos lle impediron demostrar a súa valía. Daniel Jeandupeux, técnico do Caen francés, apostou decididamente por el, tanto ese ano como o seguinte onde o levou ao Estrasburgo. Francia si que foi un país propicio para o fútbol do Zar, xa que se convertería nun dos xogadores máis destacados do campionato galo. Despois, chegou a súa fichaxe polo Celta.
Corría o ano 1996 cando Mostovoi chegou a Vigo, onde tivo unha difícil adaptación. O seu carácter xogoulle malas pasadas, chegando a encararse con boa parte da bancada de Balaídos. Por sorte, o “Zar” calmouse e formou parte do que foi probablemente o mellor equipo celeste da historia. O Celta era un equipo modesto que tentaba asentarse en primeira e Mostovoi, rodeado dun grandes xogadores, conseguiu alzalo ata o máis alto, sen chegar a tocar o ceo. Da man de Víctor Fernández e rodeado de homes como Karpin, Mazinho, Makelele ou Salgado, o ruso comandou ao Celta en grandes tardes e noites para o fútbol español e europeo. Os vigueses trataban con mimo o balón e Mostovoi era quen marcaba o tempo e poñía a gota definitiva de calidade.
Os vigueses trataban con mimo o balón e Mostovoi era quen marcaba o tempo e poñía a gota definitiva de calidade
O “Zar” regalou asistencias e goles para o recordo. Goles ao Madrid, ao Barcelona, ao Liverpool, ao Aston Villa e incluso os goles que meteron por primeira vez ao Celta na Champions da man de Lotina. Os vigueses rozaron o ceo en numerosas ocasións pero nunca chegaron a tocalo. A máis clara foi a final de Copa en Sevilla ante o Zaragoza, onde o fútbol foi inxusto co talentoso xogador ruso e co Celta. Foi unha final para esquecer, como a marcha de Mostovoi pola porta de atrás tralo descenso a segunda. Cando se aveciñaba a traxedia, o ruso repetiu enfrontamentos coa grada e acabou borrándose dos últimos encontros. Para rematalo, tras confirmarse o descenso, firmou polo Alavés de Piterman. Alí xogaría un único partido antes de retirarse.

Mostovoi e Djalminha nun dos seus famosos enfrontamentos dialécticos / Fonte: Forocoches
A loita pola hexemonía en varios derbis para o recordo
Djalminha e Mostovoi foron dous xogadores que nunca se esconderon nos partidos importantes, especialmente nos derbis galegos. Eran estranxeiros, pero á hora da verdade entendían a filosofía deses encontros como o faría calquera de nós. Non acostumaban a atoparse no campo, pero cando o facían saltaban chispas, ao mesmo tempo que nos deixaban enormes detalles de calidade futbolística. Os dous tiveron grandes actuacións, pero tamén unha espiña cravada: non lograr vencer un derbi a domicilio. Mostovoi marcaría no ano 97 en Riazor, cando o Celta sumou un empate a dous. Djalminha nunca marcaría no feudo vigués, pero deixounos dous detalles para o recordo en dous derbis consecutivos nos que xogaba como local. Na tempada 99/00 os dous “cracks” tiveron un enfrontamento dialéctico que acabou cun regaliño do brasileiro en forma de “colleja”. O Dépor triunfaría nese derbi cun gol de Turu Flores. A tempada seguinte, o resultado na Coruña foi o mesmo tras un golazo de Djalminha que merece a pena recordar. Na segunda volta, o “Zar” vingaríase cun 2-1 onde conseguiu o gol da vitoria.
Djalminha e Mostovoi foron dous xogadores que nunca se esconderon nos partidos importantes, especialmente nos derbis galegos
Non sumaron máis goles nin tampouco fixo falta. O fútbol componse de numerosos intanxibles e sentimentos que se despertan no espectador, e niso, os dous ían sobrados. A calidade do “Zar” e do “Mago” nunca se esquecerá para aqueles que tivemos a sorte de disfrutalos, nin tampouco estes pequenos piques onde se disputaban a soberanía do fútbol galego en noventa minutos marabillosos.

O enfrontamento diálectico máis famoso entre os dous “cracks” / Fonte: Youtube
Nostalxia dunha rivalidade doutro tempo
Os dous recordan os grandes tempos dende a distancia. Mostovoi vive entre España (Marbella e Vigo) e Rusia (Moscú) adicando o seu tempo aos máis novos. O ruso participa en numerosos campus de fútbol. Pola outra banda, Djalminha deixase ver nos partidos de fútbol indoor do Deportivo e do Flamengo, ademais de estar na selección brasileira da mesma modalidade. Os dous recordan eses tempos con nostalxia e alegría, e pagarían por volver a xogar partidos como aqueles. Os piques quedan no pasado e son recordados cun sorriso. Djalminha chegou a dicir que non se arrepentía da súa “colleja” a Mostovoi, que foi moi bonita. O ruso, pola súa banda, afirma que cando todos queren gañar pode pasar calquera cousa. Os dous loitaban polos seus equipos, pero na distancia tamén loitaban por ser o referente do fútbol galego nuns partidos que quedaran na memoria de todos.
“Cando todos queren gañar pode pasar calquera cousa” – Mostovoi
Por desgraza, este marabilloso exercicio de memoria quedarase simplemente niso. Este ano non teremos derbi galego en primeira e parece que necesitaremos esperar un tempo para vivir partidos como aqueles, con obxectivos importantes en xogo. Non son bos tempos para os soñadores na liga das diferenzas, pero esperemos que máis pronto que tarde volvamos a soñar con noites incribles, con dous equipos que loitan por ser o mellor da súa comunidade, ao mesmo tempo que sitúan a Galicia no mapa do fútbol español e europeo. Polo de pronto, simplemente nos quedará vivir dos recordos e da nostalxia.