De Valerón a Rubén Blanco: da noite pecha na Coruña ó amencer celeste en Vigo

Vinte anos son a diferenza entre os dous homes da pasada fin de semana: Rubén Blanco (17) e Juan Carlos Valerón (37). Eles dous exemplifican as expectativas de futuro de cada un dos sobranceiros equipos galegos. Mentres unha luz comeza a alumear en Vigo outra apágase para sempre na Coruña. Mentres un proxecto nace coa base na canteira e o jogo bonito outro morre afundido nun proceso concursal e sen futuro á vista.

Tras esta fin de semana haberá dous pensamentos enfrontados: na Coruña pensarán que cando as cousas pintan bastos sempre poden ir a peor. En Vigo que cando traballas algo e o mereces, a sorte (ou Deus, ou Natxo Insa) se pon do teu lado. Porque ó final, a pesar de que un equipo traballou dignamente para gañar as fabas e outro argallou no fío do legal a través do seu presidente, todo estivo na sorte. A sorte de enfrontarse na derradeira xornada a unha Real Sociedad xogándose a Champions ou a un Espanyol sen xogarse nada. A sorte de que un tenro rapaz pare o indicible ou a mala sorte de que un remate cara a súa porta de Íñigo Martínez acabe no pau.

Valerón chora o segundo descenso do Deportivo nos últimos tres anos / Fonte: libertaddigital.com

Valerón chora o segundo descenso do Deportivo nos últimos tres anos / Fonte: libertaddigital.com

Din que ás veces a sorte fai a xustiza. Polo menos si que o podemos asegurar nunha liga de 38 xornadas. Que Celta e Deportivo estiveran metidos na lea significaba que ambos o buscaran. A uns non lles resultou pragmático na primeira división o seu intento de fútbol vistoso, ós outros non lles funcionaron as fichaxes a custo 0 e as cesións de xogadores representados por Jorge Mendes. Sexa como for, ambos equipos figuraban nas quinielas para loitar por non descender e así o fixeron ata o último día. Ese día, o Deportivo caeu e o Celta saíu a flote. Algunhas das que veño esgrimindo poden ser as razóns. Outras pode que sexan inexplicables. Aínda outras máis, as menos, poden ser inxustas.

Valerón era un xogador diferente, lento, cun físico
sen cabida na actualidade, sen sacrificio defensivo,
sen gol e lastrado polas lesións. Pero un xogador
que moi poucos non quererían ter no seu equipo.
Porque volvemos á  primeira frase desta breve
descrición: un xogador diferente

Sen dúbida, inxusto é o adeus de Valerón a Riazor. Un adeus que cerra por completo o gran ciclo histórico do Deportivo. O de Arguineguín era, xunto a Manuel Pablo, o último supervivente do gran equipo que asombrara a Europa. Un xogador diferente, lento, cun físico sen cabida na actualidade, sen sacrificio defensivo, sen gol e lastrado polas lesións. Pero un xogador que moi poucos non quererían ter no seu equipo. Porque volvemos á primeira frase desta breve descrición: un xogador diferente. Capaz de cambiar un choque cun fino toque ou  un pase sen control previo. De primeiras, sen mirar, movendo o equipo ó seu ritmo, ó seu antollo. Ese era Valerón, un xogador dos que vale unha entrada. Ós seus 37 anos chegoulle a hora de irse. O temoneiro xa enderezou unha vez o barco e á súa idade, xa non se ve capaz de volvelo lograr. Sen substituto claro, o futuro agora mesmo pende dun fío.

Rubén Blanco sae a ombros de Balaídos trala salvación do Celta / Fonte: elmundo.es

Rubén Blanco sae a ombros de Balaídos trala salvación do Celta / Fonte: elmundo.es

E se na Coruña o equipo está a punto de afundir, a salvación acaba de outorgarlle ó Celta a estabilidade que necesitaba o seu proxecto de canteira. No Celta, xunto a Levy Madinda ou Jonny, apareceu nos últimos dous partidos un rapaz que parecía saído da obra de fin de curso da escola. Un superdotado para a súa idade que non tivo tempo máis que a ensaiar media vez a actuación contra o Valladolid antes de enfrontarse á representación dun acto final, máis propio de película, diante de 30.000 espectadores fronte ó Espanyol. Con todas as miradas pendentes del, o rapaz, pencado e con cara de concentración, aparecía na meta co 26 ás costas disposto a facelo o mellor posible. E vaia se o fixo: parou, despexou e a pesar do seu nerviosismo, fixo gala dos seus reflexos felinos en máis dunha ocasión. Rubén Blanco lograba o sobresaínte. Saía a ombros do escenario soñado e permitía ó Celta manterse en primeira división.

O Celta amosa o exemplo do novo modelo do
fútbol sen gastos desorbitados. O Deportivo
atópase na situación do Celta hai non tanto.
Debe darse conta de que os Evaldo e Assunçao
non son a solución, como tampouco a foron
os Papadopoulos e Petar Zanev

Os dous equipos galegos representan agora mesmo, despois dos noventa minutos do episodio final, as dúas caras da moeda. Un enfróntase á súa peor situación histórica, perdendo ó seu ídolo, con nula capacidade de movemento financeiro e baixando de categoría. O outro, mira cara un futuro esperanzador baseado nunha inesgotable canteira e un futuro en primeira división onde asentarse, agora si, sen erros de novato. O Celta amosa o exemplo do novo modelo do fútbol sen gastos desorbitados. O Deportivo atópase na situación do Celta hai non tanto. Debe darse conta de que os Evaldo, Assunçao e André Santos non son a solución, como tampouco a foron os Verpakovskis, Papadopoulos, Cellerino ou Petar Zanev. A sorte agora está en Vigo, pero tamén pode estar en Coruña. Vigo ten a Rubén Blanco. Coa baixa de Valerón é o momento de que o Deportivo busque ó seu referente sobre o que crecer e no que crer. Vigo, con esta salvación, pode prepararse para un amencer de éxitos se o equipo traballa ben. Coruña, pola súa parte, aínda está na noite pecha. Pero no fútbol, como na vida, todo xira. E despois da noite, sempre que se traballe ben, vén o día.

Foto de portada: tikiytaka.com