Camiñando cara a un novo Sistema de Partidos
Dende os inicios da Democracia, alá polos anos 80, ata hoxe, en España, fóronse sucedendo distintos sistemas de partidos, que seguindo a tónica de outros moitos países Occidentais confluíron ou estabilizáronse, sobre todo a partires do 2004 onde se consolidou un sistema pluralista, pero con tendencia ao bipartidismo. A cidadanía asimilou esta realidade, e con elo decreceu a desproporcionalidade, sen ser preciso cambio algún no sistema electoral, tal e como achegan os datos. Polo tanto, e facendo un pequeno varrido dos distintos sistemas de partidos que se foron dando no territorio español, cabe dicir que hai tres etapas diferenciadas e polo tanto con distintos modelos. Así as primeiras eleccións dos anos 1977 e 1979 deixaron gobernos unipartidistas minoritarios encabezados polas siglas da UCD. Na segunda etapa, tras 1982 e catro lexislaturas consecutivas de predomino do PSOE de González, vimos un claro sistema de partido predominante, cun Partido Socialista sen oposición, e que se erguía como o motor do cambio dunha España rural, anquilosada nun tradicionalismo propio do franquismo e moi lonxe da vangarda que outros países Europeos estaban a marcar. Por último, e pechando esta serie de etapas que dende a Ciencia Política se empregan para encasillar os distintos sistemas de partido que se foron sucedendo ao longo destes escasos anos de Democracia, falar dun terceiro ciclo marcado por un sistema de partidos multipartidista pero con dinámica bipartidista; tal e como diciamos ao comezo do artigo, que é o que se deu en 2004 e 2008. Agora ben, se isto foi unha tónica habitual ata o 2011, será con estas eleccións onde se configure un cuarto ciclo ou modelo marcado pola volta a maioría absoluta que nos recorda as etapas do PSOE de Felipe e do PP de Aznar dos anos 2000. En todo caso, semella que esta cuarta etapa é circunstancial, e é por elo interesante e oportuno centrarnos nas dinámicas que hoxe moven e que mañá configurarán un novo sistema de partidos, pois estas afástanse do predominio de dous partidos, van máis aló tamén do “monopartidismo” e todo fai pensar, ou así o vemos nas diversas enquisas, que a tendencia é pluralista e renovadora.
Polo tanto, vimos de experimentar unhas eleccións chamadas acertadamente “non competitivas” cunha gran diferenza entre a porcentaxe de votos dos Socialistas e dos Populares, e é máis, e motivado pola crise económica, todo apunta a que as pasadas eleccións de 2011 entran no que denominamos eleccións de Realiñamento. Este concepto pode converterse nun concepto principal nos vindeiros comicios, e é por elo oportuno que o definamos someramente. Así, xeralmente asúmese que os partidos políticos teñen relacións de empatía con distintos sectores concretos da sociedade, por exemplo, o votante socialista pode asociarse cun traballador de clase media, fronte ao votante popular vinculado ao empresario. Non obstante, esta dinámica tórcese nas eleccións de 2011, cuxos resultados amosan un deslinde entre a clase social e o partido. En todo caso, para afirmar con rotundidade que as pasadas eleccións son de “Realiñamento”, como si o foron en 1979-1982; débense cumprir catro condicións: a primeira, que o gañador gañe por moito, a segunda, que o perdedor perda por moito, en terceiro lugar que haxa unha alta participación electoral, e por último, que se senten novas bases de competición electoral. No caso, o primeiro e segundo punto cúmprense, o terceiro non, pero o cuarto sí, pasando a competición de centrípeta a centrífuga. Non obstante, e pese ao incumprimento do terceiro punto, debido a apatía e desafección, a parte do previsible resultado; todo apunta a que estamos diante dunhas eleccións de realiñamento, e que as vindeiras, poden, ou ben, seguir esta tónica, sobre todo no tocante ao deslinde da clase social e partido, ou en troques, torcer por un novo modelo que mesmo poida obrigar a un goberno de coalición, feito que sería inédito no noso país. Pese a que os sistemas electorais proporcionais unha das eivas que teñen é a de producir gobernos de coalición, que se soen tachar de pouco estables, no caso español, e debido aos nesgos maioritarios que introduciron os lexisladores na transición, nunca se deu tal feito.
O certo é que, os partidos tradicionais, nos últimos tempos, víronse abocados a unha perda de votantes, en boa medida, por un lado, porque non foron capaces de reconducir a negativa situación, caso do PSOE, e por outro, porque están a adoptar medidas de elevada contención do gasto, marcada asfixia a cidadanía, que se ben, semellan ter efectos nos datos macro, non están a dar resultado na economía real, e non son capaces de atallar un dos principais problemas que padece España, o desemprego, e sobre todo o dos máis mozos; caso do PP. Polo tanto, por un lado, os grandes partidos (PSOE, PP), perden votantes, pola mala xestión e resolución de problemas, e por outro lado –esta é a segunda vertente- por que se están a ver e se viron salpicados de numerosos casos de corrupción, financiación ilegal, especulación, clientelismo que están a saír á luz e a deslexitimar os partidos e por en tea de xuízo a súa labor. Como vemos nos gráficos de abaixo, a confianza nos líderes dos principais partidos van cara abaixo. O caso de Rajoy é xa sobresaínte, un líder pouco valorado, mesmo cando irrompe no poder. Rubalcaba, ata agora dentro do partido desprazado a un segundo plano, onde se encontraba cómodo, ve que sendo a cabeza visible dos socialistas a súa acollida non é tan favorable, e máis cando a confusión se apodera dun, pois, e isto é unha realidade, o PSOE, anda na encrucillada do populismo ou do pragmatismo e a seriedade que necesita a situación actual, e nesta encrucillada, perde votantes, tire por onde tire.
Partidos que ata o de agora, ocupaban un segundo plano, e non eran vistos pola cidadanía como verdadeira opción de goberno, hoxe están a medrar en intención de voto, e mesmo a ser albiscados como alternativa firme para xerar un novo modo de facer política. Son partidos que están lonxe da tradición, que foxen das xerarquías e dos cargos vitalicios, do clientelismo interno, e que están a beber da sociedade civil, que afondan na transversalidade na toma de decisións, nas posibilidades que ofrecen as asembleas … Esquerda Unida, que ata o de agora, ocupou posicións distantes ás de goberno, e que era percibido como un partido de oposición, na liña da esquerda socialista, hoxe gaña adeptos, e mesmo se presentan como alternativa, ao que eles denominan políticas neoliberais. Cayo Lara, secretario xeral de IU, en recentes declaracións afirmaba sentir mesmo medo, ante tal situación que o colocaba na palestra da toma de decisións, estes días mesmo se chegou a falar dun viraxe de IU, unha apertura e alongamento da súa liña ideolóxica, cara o centro, cara un partido de masas. Outros casos son os de UPyD, situado entre PSOE e PP, pola cidadanía, no eixo de ubicación ideolóxica, un partido que se vale de votantes das forzas maioritarias e que está a conseguir moito peso, pese aos seus escasos anos de vida. Na gráfica de abaixo vemos a tendencia das distintas forzas dende 1996 ata 2013, e con elo a caída das principais forzas políticas.
En Galicia a situación é similar a do caso español, cunha peculiaridade á que mesmo os sociólogos e investigadores das principais consultoras políticas, non conseguiron previr nas enquisas pre-electorais; falamos do fenómeno AGE, que con 9 escanos se sitúa como a segunda forza da oposición con tan só meses de vida e que as recentes enquisas sitúan como un partido que crece e que semella se pode asentar e arrebatar posicións propias de outros partidos, de outras siglas máis soadas. A desafección é tal, que estes partidos políticos, cun discurso moi conexo a un sector da cidadanía que sofre de xeito realmente duro os males dunha crise que non ten fin, crecen e o fan de xeito sorprendente, e poñen en perigo aos partidos tradicionais, que se queren perdurar e conter o poder, deben absorber as tendencias renovadoras, moitas veces rupturistas que propoñen estes novos partidos, moitos deles de grande vontade democrática.
A situación é tal que hoxe estamos diante dun cambio do sistema de partidos, estamos diante ou perante a oportunidade de fortalecer os partidos políticos, aparellos precisos para o desenvolver da Democracia. Non a desaproveitemos, a sociedade civil ten enriba unha tarefa custosa, pero que ha de dar os seus froitos.