A outra liga perdida polo Dépor na última xornada
Poucas veces o Dépor tivo sorte nas últimas xornadas de liga. Nestes últimos anos recordamos dous descensos, contra o Valencia e a Real Sociedade, cando todo pintaba de cara para os herculinos. Tan só se recorda unha derradeira xornada que fora exitosa, e foi aquela na que se lle gañou ao Espanyol no 2000 para lograr o campionato de liga.
Todos recordan na Coruña aquel fatídico penalti que Djukic tirou raso, sen forza, ás mans de González, quen o celebrou coma se o gañador da primeira división fose el. O Deportivo perdeu a liga na última xornada e no último minuto. Mais esa, aínda que moitos non o saiban, non foi a única vez que o Dépor perdeu a liga na última xornada. Tan só os máis vellos do lugar recordan cando foi a outra vez na que isto ocorreu.
Corría o ano 1950 e o Deportivo vivía unha das mellores épocas da súa historia. O seu proxecto deportivo íase consolidando, de feito xa permanecera sete das últimas nove temporadas en primeira división, a segunda consecutiva tralo último ascenso. Daquelas a liga estaba composta por tan só catorce equipos, polo que a duración era de 26 xornadas. Deses catorce equipos, doce disputaron a pasada temporada 2012/2013 na Liga BBVA; tan só o Real Oviedo e o Nástic de Tarragona non participaron na liga que acaba de rematar.
Moitos xogadores daquel equipo que logrou o subcampionato na tempada 49-50 son aínda recordados: Juan Acuña, Cheché Martín, Dagoberto Moll ou Rafael Franco

O dianteiro Rafael Franco /Fonte: bdfutbol.com
No ano 50 cabe destacar que o Dépor non era un club que destacara polo uso da canteira como parece que agora quere facer Lendoiro, pero si era un club realmente galego. Máis da metade dos xogadores eran do noso país, e entre eses a gran maioría eran herculinos. O resto dos xogadores eran vascos, madrileños, uruguaios ou arxentinos. Tamén era arxentino o adestrador Alejandro Scopelli, que na súa etapa coma xogador fora subcampión mundial no ano 30. Entre os xogadores moitos son aínda hoxe recordados, entre eles o histórico porteiro e catro veces Zamora Juan Acuña, o defensa José María “Cheché” Martín, que ao ano seguinte marcharía ao Barcelona -co que gañaría dúas ligas e tres copas-, o centrocampista Dagoberto Moll ou o dianteiro Rafael Franco -que marcou catorce goles en cada un dos tres anos que pasou na Coruña-. Foi o ano previo ó do Deportivo cuxa dianteira sería recordada coma a “Orquestra Canaro”, a cal formaron Tino, Corcuera, Osvaldo, Moll e Franco.
Remataba aquela temporada 49-50 e o Deportivo chegaba segundo á última xornada, a un punto do Atlético de Madrid. O Atlético dependía de si mesmo, pois gañando lograría a súa terceira liga. Aínda así o seu rival era o Valencia, quen chegaba terceiro ao último partido aínda con posibilidades de gañar tamén a liga. Por primeira vez o Valencia entrometíase nos plans do Deportivo nunha última xornada, algo que na época máis moderna se tornou en máis habitual. Pola outra banda os coruñeses xogaban en San Mamés contra o Athletic de Zarra. As contas eran sinxelas, se o Atlético non perdía gañaba a liga. Se o facía e o Deportivo gañaba, a liga íase para A Coruña, e se perdían Dépor e Atlético, sería o Valencia o campión. Calquera empate a puntos perxudicaba aos coruñeses xa que eran un dos equipos menos goleadores da liga, e se se mantiñan arriba era debido á gran temporada de Juan Acuña. O porteiro, ese ano, sería seleccionado para o mundial do 50, mais o presidente da FEF, o falanxista Muñoz Calero, impediu que este chegase a xogar algún partido por “motivos de índole persoal”.
O Deportivo na 49-50 estivo a un gol seu e un do Valencia de gañar o título de liga na última xornada
No último partido o Dépor comezaba indo a por todas, Rafael Franco marcaba xa ao minuto e medio tras un erro defensivo dos vascos e un rexeite do porteiro Lezama. No ‘Metro’ era o Valencia quen aos 5 minutos se poñía tamén por diante, cun gol de Igoa de penalti. Con estes resultados o conxunto galego era o campión. En San Mamés o Athletic dominaba o partido pero o Dépor, noutro erro defensivo de Manolín marcaba o segundo da man de Rafael Franco. Pero ao mesmo tempo, o Atlético de Madrid, adestrado por Helenio Herrera –quen tres anos máis tarde sería adestrador deportivista- lograba empatar e antes do final da primeira parte poñerse por diante fronte ao Valencia con dous goles do marroquí Larbi Ben Barek.

Secuencia dun dos goles do Atlético /Fonte: Mundo Deportivo
O Dépor relaxouse na segunda parte e o Athletic empataba con goles de Telmo Zarra -máximo goleador de aquel ano con 22 tantos- e de Iriondo. En Madrid o segundo acto foi de tolos. O Atleti chegou a poñerse 4-1, pero ao pouco o Valencia empataba, quedando con doce minutos para marcar un 4-5 que os facía campións. Os madrileños necesitaron meterse co ‘bus’ atrás e defenserse ante o agobio dos ches. O Deportivo, se o Valencia metía o quinto tamén tiña opcións de gañar o título se marcaba un gol. O Deportivo non logrou marcar pero tivo as súas opcións ata o final. A esta labor axudou o colexiado Fombona Fernández, quen non asubiou dous claros penaltis a favor dos vascos, pero nin o Deportivo nin o Valencia marcaban e a liga íase para Madrid.
O Deportivo conseguía así un subcampionato de mérito, cun conxunto aínda recordado polos socios de ouro de Riazor, nunha das mellores épocas dos coruñeses ata a chegada de Lendoiro e o Superdépor. Se no ano 94 foi un drama perder a liga no último minuto, daquela, ser segundo, con xogadores formados a maioría na cidade de cristal, era toda unha fazaña.
Foto de portada: aupadeportivo.com