A educación anal
Se ben as relacións pederásticas entre varóns na Antiga Grecia xa eran un feito testemuñado por datos arqueolóxicos e fontes literarias no século XIX, foi o homofóbico reprobo do catolicismo cara estas actividades quen impediu ao tema gozar dun tratamento de certo rigor ata ben entrada a centuria seguinte. Unha vez aberta a veda, aínda eran moitos os que buscaban exculpar de tal monstrosidade aos seus queridísimos gregos aludindo a contaxios culturais provocados polas invasións dorias cando tocaba falar da orixe desta práctica, mais grazas á historiografía xurdida na Revolución Sexual dos anos sesenta, podemos afirmar con seguridade que se atopaba arraigada, e incluso institucionalizada, dende as épocas máis arcaicas da Hélade. Hoxe seguen a escribirse liñas ateigadas de dúbidas sobre o tema e as hipóteses que se barallan sobre diversos puntos son múltiples.
Antes de seguir tirando do fío, cómpre sinalar que aquel concepto de pederastia defire moito do actualmente empregado no mundo occidental. Con razón da súa moral misóxina e falocéntrica, as relacións sexuais entre un erasta (adulto) e un erómeno (menor de idade) constitúen un dos piares do sistema educativo grego. Falamos, polo tanto, dunha actividade aceptada e consentida, cuxas causas son confusas: uns sosteñen a idea da transmisión dos valores aristocráticos a través do seme; outros avogan por unha comuñón espiritual erasta – erómeno, imprescindible para a formación do máis novo; pero o que si está claro é que esta pederastia responde a unha cuestión superestrutural, onde a vida pública do varón e o desprezo ás calidades femininas para a educación, explican a necesidade social destes elementos instrutivos.
Con razón da súa moral misóxina e falocéntrica, as relacións sexuais entre un erasta (adulto) e un erómeno (menor de idade) constitúen un dos piares do sistema educativo grego
Para non variar, posiblemente nos atopemos nun principio ante unha actividade elitista, na que o acceso estaba restrinxido ás minorías aristócratas e onde a lexislación encargábase de gardar a súa pureza establecendo unha serie de normas sobre o acceso e a realización de ditas prácticas. En oposición á concepción actual, a pederastia considerábase como un acto hiperviril, para moitos o máis puro entre os sexuais, polo que quedaban excluídos da súa participación aqueles estratos compostos por escravos, borrachos ou deficientes, pois a súa condición marxinal facía deles un sector indigno para estas tarefas. Que podían aportar estes á educación dun futuro cidadáns? Nada.
Tamén había exclusións dentro dos que si podían exercela. No caso dos erómenos, as máis das investigacións dividen a súa conduta en tres períodos: ata os doce anos estas relacións eran consideradas como algo infame e sancionable; dos doce aos quince soamente se permitían con amantes de intencións pedagóxicas e de duración estable; e a partir dos quince o amado tiña potestade sobre a elección do seu amante. Pasada esta última etapa, o rapaz non podía nin dar nin recibir, dado que acababa de converterse nun neaniskoi e atopábase ata os vintecinco anos nunha fase de formación e reflexión, e mesmo tiñan prohibida a entrada aos ximnasios, frecuente lugar de reunión entre os interesados.
Respecto ao rol do erasta, a súa situación resulta bastante distinta. El podía manter relacións dende os vintecinco anos ata a idade que considerase axeitada, aínda que semella ser bastante común abandonar a práctica ao contraer matrimonio. Antes de poder deitarse co adolescente, debía levar a cabo todo un proceso ritual codificado segundo as leis da polis á que pertencese. No exemplo de Atenas, o cortexo comezaba con regalos simbólicos (lebres, perdices) e piropos ao erómeno para amosarlle as boas intencións da empresa. Normalmente estas situacións tiñan lugar nun ximnasio, onde os rapaces espidos recibían unha educación filosófica que de ordinario conlevaba unha relación pederástica. Tras os primeiros roces na palestra, o adulto debía “raptar” ao mozo da súa casa e levalo con el unha tempada nunha especie de lúa de mel. Xa alí comezaba unha unha dobre relación docente – sexual, un quid pro quo no que o erasta debía manter un papel dominador nos dous eidos, pois se había algo sometible escarnio público entre os atenienses era unha actitude pasiva por parte do erasta.
Tras os primeiros roces na palestra, o adulto debía “raptar” ao mozo da súa casa e levalo con el unha tempada nunha especie de lúa de mel.
Toda historia de Atenas que se prece ha de ter o seu contrapunto en Esparta, así que o tema da pederastia non pode ser menos. O seu xermolo tamén parece atoparse nas costumes máis antigas, pero o porqué parece ser bastante distinto. Era comprendida aquí como algo reservado ás clases militares, un acto de camaradería viril coa fin de perpetuar o rango aristócrata nas sucesións dos membros. A penetración anal simbolizaba a transmisión de forza, e canto menos creaba un lazo psicolóxico e afectivo importante, tal e como o amosa o exemplo das continuas vitorias do Batallón sagrado de Pelópidas, formado por trescentas parellas de amantes.
No variopinto conglomerado cultural que era a Grecia clásica, a cal estaba dividida en pequenas cidades – estado, ten bastante lóxica a existencia de posicións diferentes ante a pederastia: os debates sobre o tema eran constantes en Atenas, a poboación de Beocia aceptabao con total naturalidade, mentres que os xonios manifestaron sempre o seu desprezo cara ela. As fontes literarias da época, fan alusión á dexeneración da práctica en prostitución, acusando aos erómenos de ser cada vez máis materialistas e desentenderse do seu compoñente pedagóxico. En consecuencia, a lexislación enduréceuse, sobretodo no caso ateniense, no que o goberno dos Trinta Tiranos levou a cabo unha campaña na súa contra e que tivo a Sócrates como mártir. Ao parecer, o filósofo pretendía romper outras barreiras ademáis cás do intelixible e foi condeado a morte por “corromper” ás xuventudes. Platón, erguido como principal defensor da causa socrática, tamén foi un firme defensor da pederastia como ferramenta educativa, xa que os cargos da Academia trasmitianse en moitos casos do erasta ao erómeno.
[Fotografías: wikipedia.org]