A historia do Xacobeo-Galicia, o equipo ó que non deixaron seguir soñando
A Volta a España volverá na súa edición deste 2013 a Galicia e farao nesta ocasión coa terra galega como punto de saída. En concreto, o lugar escollido para a partida será a vila de Vilanova de Arousa, onde os corredores comezarán cunha contrarreloxo por equipos que arrancará desde unha batea. Este singular comezo marcará a sétima saída da Volta desde territorio galego ó longo da súa historia, despois da primeira xa polo 1965 e a última hai bastante menos, no 2007. A oportunidade de que un evento de tal magnitude volva a Galicia responde sen dúbida ó gran recibimento do público ós corredores nas dúas edicións pasadas da Volta a España, pois as etapas que remataron nos Ancares, Mirador do Ézaro ou Cabeza de Manzaneda poucos discuten que foran as máis espectaculares das Voltas a España 2011 e 2012. Polo tanto, esta saída será unha ocasión aínda maior de amosar Galicia ó mundo, unha oportunidade que coincidirá coa primeira vez en máis de 25 anos en que ningún corredor galego disputará a proba. Xa no 2012 tan só Gustavo César Veloso e no 2011 David Blanco tiveran a oportunidade de representar a Galicia nun dos eventos mundiais no eido da bicicleta, mais o paso ó ciclismo portugués do primeiro e a retirada do segundo deixan ó ciclismo galego orfo de corredores.
Boa culpa disto teno a desaparición do equipo do Xacobeo-Galicia no ano 2010. O conxunto, presente no pelotón desde o ano 2007 –onde nacía baixo o nome de Karpin-Galicia -, era o encargado de amosar e vender a marca Galicia por todo o mundo, sendo ó mesmo tempo unha saída fundamental cara o profesionalismo dos talentos galegos. Cun presuposto irrisorio, o equipo competiu ó longo destes anos nas carreiras onde máis dispares, desde a Volta a Turquía ata o Giro pola Provincia do Grosseto, sendo un equipo que sempre deu a cara e que alcanzou os seus maiores logros na Volta a España, grazas fundamentalmente ó gran traballo de Ezequiel Mosquera nos anos en que o equipo galego foi invitado.
Os primeiros anos
O nacemento do equipo galego tiña lugar no ano 2006. A Xunta de Galicia, a través da Fundación Ciclismo Galego, impulsaba a creación dun equipo ciclista profesional seguindo o exemplo do País Vasco co equipo Euskaltel-Euskadi. Este serviría como plataforma de saída para os xoves valores do ciclismo galego e como unha mostra da fortaleza de Galicia no deporte. Un símbolo do crecemento do ciclismo nunha terra que vía ó mesmo tempo – por aquel verán de 2006 – como Óscar Pereiro loitaba por un Tour de Francia. Para o proxecto ciclista, ademais da achega do Goberno, contouse nun principio coa participación do exxogador do Celta de Vigo Valery Karpin, quen aportaría xunto con Caixanova e algunha entidade privada a maiores o 67% do orzamento. A Xunta sería a encargada de aportar o 33% restante do total do orzamento para a primeira temporada do equipo (ano 2007), chegando así a un montante oficial de 3,7 millóns de euros (aínda que en realidade fora algo menos). Valery Karpin pasaba así a ser o presidente da Fundación Ciclismo Galego ademais de aportar o seu nome ó nome do equipo, que pasaba a chamarse na temporada do seu inicio Karpin-Galicia. O director sería o ex do Phonak Álvaro Pino e o plantel unha mestura de corredores galegos e do resto de España en proporcións similares ademais do ruso Vorganov. Destacaban nese plantel Isidro Nozal, Marcos Serrano, Ezequiel Mosquera ou David Herrero.

O Xacobeo-Galicia tras gañar a a clasificación por equipos da Volta a España no ano 2009
Así, o equipo debutaba oficialmente no pelotón en febreiro do 2007 como un equipo Continental Profesional, por debaixo dos equipos World Tour no que ven a ser a segunda división mundial do ciclismo. Isto permitíalle ó equipo galego ter a posibilidade de correr as carreiras ciclistas máis importantes, sempre dependendo da posible invitación do organizador. Comezaba así a andanza profesional do Karpin-Galicia na Challenge de Mallorca, aínda que non era ata xullo cando chegaba a primeira vitoria na derradeira etapa do Trofeo Joaquim Agostinho por medio do ex do Kelme Eladio Jiménez. Dous triunfos máis na Volta a Portugal e unha boa tempada en liñas xerais para un equipo debutante levaban ó equipo galego á lograr o obxectivo máis ambicioso entre os propostos, participar na Volta a España. Alí, destacaba sobremaneira Ezequiel Mosquera, quen era capaz de acabar na quinta posición na xeral e loitar na alta montaña cos mellores.
Así, acababa o ano 2007 e comezaba o 2008 para o conxunto galego. Librado dos corredores con pasado sospeitoso de dopaxe (Eladio Jiménez, Isidro Nozal, Marcos Serrano), o cal era un requisito indispensable para poder seguir participando na Volta a España, o conxunto do Karpin-Galicia comezaba o que era a súa segunda temporada na segunda división mundial do ciclismo. Xoves valores do ciclismo galego ocupaban o lugar dos veteranos que marchaban e as carreiras comezaban. David Herrero lograba un importante triunfo parcial na prestixiosa Volta ó País Vasco e só unha caída o apartaba da vitoria. Pero cando todo parecía ir vento en popa pasou algo inesperado. Valery Karpin abandonaba o patrocinio do equipo na metade da temporada. A burbulla inmobiliaria que afectara ás súas empresas traía as peores consecuencias para a formación ciclista, e Valery Karpin abandonaba o barco como se di habitualmente dando a espantada, sen facer fronte ós pagos e deixando ó equipo ciclista nunha situación máis que difícil. O xornalista da TVG e experto en ciclismo Terio Carrera explicaba así o que sucedera e os motivos polos que o ruso deixou o equipo: “Valery Karpin non cumprira cos contratos. Non desembolsou o que tiña estipulado. O equipo arrastrou débedas desde o primeiro ano. A Xunta, a través de Xacobeo e Galicia Calidade, tirou para adiante pero atopouse cunha débeda grande que aínda hoxe en dia está sen resolver”.
Os problemas do equipo comezaban
desde o segundo ano coas débedas
que Karpin deixara pendentes
O abandono de Karpin deixaba á escuadra galega nunha situación de incerteza, a cal non remataba ata que o 15 de agosto a Xunta de Galicia decidía ampliar a súa achega económica facéndose cargo do 64% do total orzamentario do equipo galego a través da sociedade Turgalicia (e baixo a lenda de Xacobeo, de aí o nome de Xacobeo-Galicia para o equipo). Ezequiel Mosquera, en declaracións a Compostimes, manifestaba aínda así hai pouco como a situación se facía notar: “os viaxes en coche e deixar de ir en avión, recortes por todos lados, indirectas de que isto non seguía…” Isto, co agravamento da crise económica que se estaba a producir e que tivo o culme dous anos máis tarde, non foi máis que o comezo da morte do equipo.
Pero a temporada 2008 seguiu e o Xacobeo-Galicia volvía ser invitado á Volta a España. Un cuarto posto na xeral para Ezequiel Mosquera e un gran duelo con Alberto Contador en Fuentes de Inverno ademais dunha vitoria parcial de David García nunha etapa con final en Ponferrada xustificaban máis ca sobradamente a invitación. O equipo renovaba o seu compromiso coa Xunta por un ano máis. O orzamento despois do caso Karpin sería algo maior ós tres millóns de euros pero o equipo continuaba un ano máis no pelotón. Así comezaba o 2009, cun orzamento menor que lle impedía acceder á maioría de carreiras de primeiro nivel. Aínda así, o rendemento do ano anterior permitíalle ó equipo galego ser invitado ó Giro de Italia e á Volta a España. No Giro as lesións de Ezequiel Mosquera e David García impedían ver ó equipo ó seu nivel habitual, mais na Volta a España o Xacobeo-Galicia, un equipo de segunda división e sen apenas recursos era capaz de vencer na clasificación por equipos, ademais de gañar unha etapa con Gustavo César Veloso e ser quinto na xeral con Ezequiel Mosquera.
2009 fora o ano do cambio de goberno na Xunta. Alberto Núñez Féijoo era elixido como presidente e José Ramón Lete Lasa era escollido como o novo secretario xeral para o deporte. O gran ano deportivo do equipo no 2009 levaba a José Ramón Lete a renovar un ano máis a continuidade do equipo, se ben anunciaba nunha rolda de prensa recollida polo diario Marca o 30 de decembro do 2009 algúns factores que non invitaban ó optimismo. Para empezar, referíase ó proxecto do Xacobeo-Galicia como “un proxecto herdado que presentaba un déficit importante” (contraído xa desde os seus comezos con Valery Karpin) e “a súa viabilidade pasaba por xestionar a débeda”. Para isto, “o orzamento do equipo era reducido nun 20% situándose nos 2,9 millóns de euros” (dos que ían realmente para o equipo pouco máis de 2).
Os resultados mantían ó equipo Xacobeo-Galicia
como un dos mellores da segunda división ciclista
Deste xeito comezaba o 2010, no deportivo con baixas como a de David Herrero ou Ibán Mayoz e no económico cos problemas que continuaban desde a etapa Karpin. O ano comezaba cunha gran actuación do equipo, cun triunfo parcial de Ezequiel Mosquera na Volta a Castela e León e outra vitoria para Fran Pacheco no Circuíto de Getxo. Seguía a temporada e pouco antes da Volta a España o equipo concentrábase en Pena Trevinca. Sabíamos nese momento que Álvaro Pino non continuaría na dirección do equipo pero esperaba que o equipo saíse adiante. Para o comezo da carreira, o Xacobeo-Galicia non tiña garantida a súa continuidade. A situación de crise económica no país impedíalle ós máis de 50 membros do equipo (entre corredores, mecánicos, masaxistas, directores, etc.) manter unha seguridade no seu traballo antes da cita máis importante da temporada. Aínda así, todos os membros do equipo tiñan nese momento unha cousa clara, que se o equipo andaba ben na Volta o equipo continuaría. Iso fíxolles ós corredores pensar no ben do conxunto antes de no ben persoal, algo que a posteriori resultaría algo negativo para os corredores da formación galega, xa que cando souberon que o equipo non seguía as portas da maioría de equipos xa estaban pechadas.
A incerteza da continuidade
A pesar diso a Volta a España comezaba e o 7 de setembro, no ecuador da proba, desde a Xunta de Galicia garantíase a continuidade do equipo un ano máis. Así o reflectían o Diario Marca ou As nas súas páxinas xunto a declaracións de felicidade dos membros do equipo. Incluso se apuntaba ó sucesor na dirección de Álvaro Pino, que sería Manuel Carrera. No deportivo, as cousas marchaban mellor ca nunca, cun Ezequiel Mosquera que amosaba a impresión de poder loitar por todo. Pero a alegría duraba ben pouco. Segundo declaracións do propio Mosquera, seis días despois de garantir publicamente a continuación do equipo a Xunta de Galicia, o 13 de setembro, invitaba ós corredores a buscarse equipo: “Antes de saír para a Volta, o secretario xeral para o deporte díxonos textualmente que o rendemento e resultados eran capitais para continuar o equipo. Indo xa 3º na clasificación xeral, na etapa de Cotobello, é cando nos din que busquemos equipo. Ía 3º cun equipo coa cuarta ou a quinta parte do orzamento da maioría. Cando o pan de todos dependía do ciclismo acaban así e nese momento co equipo”. O ciclista galego engadía: “A miña obsesión na Volta era que o equipo seguira. Eu tiña firmado desde o 6º día co Vacansoleil e fastidiábame ver como os meus compañeiros traballaban para min. Aínda así o meu pensamento era que se facía unha gran clasificación o equipo era imposible que desaparecera…”

Ezequiel Mosquera vencendo na Bóla do Mundo a Vincenzo Nibali (Volta a España 2010)
Aínda así, cando os ciclistas souberon que a realidade era que a continuidade estaba máis difícil ca nunca, deron todo o que tiñan nas cinco etapas restantes. A labor dos gregarios como Gonzalo Rabuñal, Serafín Martínez ou David García a prol de Ezequiel Mosquera era cada vez maior pois a Volta a España estaba ó alcance da man. Nestes días a loita de Mosquera co italiano Nibali recórdase como a máis bela sen dúbida algunha nos últimos anos. A loita do veterano galego que non tivo unha oportunidade de triunfar ata ben chegados os 30 contra a promesa italiana que apuntaba a romper todos os récords. Esta loita tiña o seu punto álxido na penúltima etapa con final na Bóla do Mundo. Unha etapa de 172 quilómetros coa meta nunha das cotas que pola súa dureza e asfalto roído se volveu xa mítica na rolda española. Mosquera intentouno con todas as forzas apoiado por numeroso público galego ó longo dos 22 quilómetros de ascensión, pero aínda logrando o premio menor da etapa, a Volta a España acababa sendo propiedade de Nibali. O Xacobeo-Galicia dérao todo e convertérase no equipo revelación da Volta a España.
A desaparición
Pero quedaba por saber o que pasaría co futuro do equipo. O experto en ciclismo Terio Carrera analizaba nestes días o caso: “A Xunta moveuse pero se cadra sen forza. O aviso ós corredores chega a dúas semanas de rematar a Volta a España. Si, algo tarde, pero ata ese momento sei con certeza que a xente que estaba a carón de Xosé Ramón Lete traballou sen descanso (na busca doutro patrocinador)”. A situación nese momento era a de que a Xunta de Galicia non podía facer fronte outro ano máis a pagar os pouco máis de 2 millóns de euros que podería custar manter o equipo actual. O 27 de setembro, unha semana despois de rematar a Volta a España, sabíase publicamente a nova de que o equipo ciclista non ía continuar. José Ramón Lete, o Secretario Xeral para o Deporte, anunciaba que a viabilidade era moi complicada e que o obxectivo era pechar canto antes as débedas cos membros do equipo. Comunicaba ademais que o orzamento dedicado ó Xacobeo de 3 millóns de euros era o mesmo que se dedicaba a 1.300 clubs profesionais de Galicia, o cal non podía seguir así dada a situación de crise. Por aí tiraba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Féijoo neste 2013, quen con motivo da saída da Volta a España de Galicia, afirmaba que era “unha mágoa non contar cun equipo profesional galego, pero a situación de crise non permitía pagar os 3 millóns de euros necesarios das arcas públicas”. Dese xeito, a continuidade prometida tres semanas antes e pola que rezaban os corredores facíase auga e atopábanse no último día de setembro sen equipo, sen proxecto e coa maioría dos equipos co número de corredores pechado.
Os casos de Mosquera e David García
acabaron por pecharlle as portas
doutros equipos ós demais corredores
E se aínda había esperanza de atopar equipo para algúns corredores, esta acabábase cando o día 1 de outubro se daba a coñecer o caso de presunta dopaxe de Ezequiel Mosquera e David García. Ocorría o segundo terremoto en poucas horas para o ciclismo galego. O positivo era neste caso por unha substancia enmascarante -segundo o código da Unión Ciclista Internacional, Hydroxethyl- e, se ben David García ratificaba o seu positivo dando positivo por EPO, non era o caso de Ezequiel Mosquera, a quen a pesar de enviar as súas probas a máis dun laboratorio (Madrid e Colonia, algo ilegal), eran incapaces de atoparlle nada. Ezequiel Mosquera explicábanos para Compostimes como era unha persecución: “Descoñecendo absolutamente o que había con David e o que ía pasar con David, cando saíu o seu positivo, o primeiro que fixen foi chamar ós meus, incluídos os xornalistas, e díxenlle que estivesen tranquilos, que non ía pasar nada. Eu era consciente de que iso comezaba así. O que eu penso é que eles primeiro atopáronlle a EPO a David e gardárona, e despois de gardala o que fixeron foi coller hidroxetil, enmascarante de EPO, para os dous, e entón xa por descontado acusáronme de tomar EPO, a pesar de que non ma atoparon. Iso é o que creo, non podo aseguralo, pero é así como funciona esta xente.” Fose como for, o dano xa estaba feito. O equipo a pesar disto non tiña futuro. Isto só serviu como escusa para frear un pouco as críticas á Xunta por non apoiar o ciclismo galego que tan bos resultados estaba a dar. Terio Carrera expresaba así a súa opinión: “Cando estalou o tema Mosquera, xa estaba todo decidido. Non tivo nada que ver. Absolutamente nada que ver”.

O equipo galego nunha das protestas na praza do Obradoiro
A pesar de que a continuidade do equipo era imposible, o tema Mosquera foi o que realmente minou a moral e as expectativas de futuro dos corredores. Así se viu na xuntanza que o día 3 de setembro houbo na Praza do Obradoiro, onde entre 300 e 400 persoas se reuniron cos corredores do Xacobeo-Galicia e onde explicaron e responderon todas as preguntas. Segundo Terio Carrera, a desilusión dos corredores foi aínda maior porque alguén alimentara falsas esperanzas: “O segundo posto de Mosquera alimentou a ilusión e houbo presións para que o equipo continuara. Ademais, algunha mentira de persoas moi vinculadas ó ciclismo galego desconcertou o persoal. Esa mentira anunciaba que a empresa Cortizo se faría cargo da estrutura. Unha mentira que xogou co pan de moita xente.”
A Xunta optou por solucionar o problema
cortando pola vía máis sinxela. Iso fixo que
unhas 50 persoas quedasen no paro
O Xacobeo-Galicia desaparecía e non había xa forma de solucionalo. Por se fora pouco, o positivo de David García e o complexo caso de Ezequiel Mosquera ensombrecían a labor do conxunto galego e os corredores galegos quedaban salpicados. Contratar a un corredor do Xacobeo nese momento supoñía moitos riscos. Gonzalo Rabuñal, Serafín Martínez (segundo clasificado na montaña desa Volta a España), José Antonio de Segovia, Gustavo Domínguez, Aser Estévez, Alberto Fernández, Marcos García, Rodrigo García, Francisco José Pacheco, Gustavo Rodríguez e Pablo Torres eran os ciclistas que se quedaban sen equipo, a maiores de Ezequiel Mosquera e David García. Iso sen contar a masaxistas, directores, médicos, mecánicos e diversos membros do staff técnico. Tan só o galego Delio Fernández en Portugal e o ruso Isaychev e o portugués Nelson Oliveira, en equipos máis importantes, atopaban equipo para o ano 2011. Moitas persoas que por un ou outro motivo tiñan que deixar o seu traballo ou recalificarse no pelotón amateur e compatibilizar a súa afección co seu traballo.
As posibles solucións
E con isto chegamos ó comezo desta reportaxe. O equipo desaparecía a finais do 2010. No 2011 e 2012 a Volta a España pasou por Galicia. No 2013 incluso sairá desde terra galega. O custo do paso no 2011 estivo, segundo diferentes fontes, no medio millón de euros, custando no 2012 700.000 e tendo un custo neste 2013 de máis dun millón e medio de euros. Case o orzamento dun equipo ciclista correndo un ano por todo o planeta proxectando a marca Galicia. Non vou a dicir con isto que o equipo puidese continuar financiado polo ente público, porque ben se viu que non daba. A débeda acumulada por Valery Karpin desde o primeiro momento sepultou ó equipo galego. A busca dunha entidade privada que se fixese cargo non funcionou e optouse pola vía máis práctica. Liquidar o equipo e intentar pouco a pouco pagarlle ós corredores. A miña solución tería sido outra, pois visto que o gasto en ter ciclismo en Galicia foi duns tres millóns de euros nestes tres anos, buscaría ter un equipo máis barato. Con menos corredores, correndo por menos sitios. O orzamento mínimo para os equipos Continentais Profesionais é de cerca do millón de euros. Ese foi estes últimos anos o orzamento do equipo austríaco do Vorarlberg, un equipo que corría probas menores por Europa e que era invitado ás probas importantes austríacas, polacas e alemás. Este podía ser o futuro do Xacobeo-Galicia, sen Mosquera e sen David García, con Rabuñal e Serafín Martínez como líderes. Un equipo combativo que loitara na Volta a Castela e León ou na Volta a Asturias, con posibilidade de optar a algo maior. Senón, aínda máis práctico sería ser Continental, ou sexa, participar na terceira división do ciclismo. Converterse nun equipo “semiprofesional”, xa que nesa división pódese competir cun orzamento de 600.000 euros en España (por exemplo en Portugal pódese con pouco máis de 300.000). Se ó final se buscase, vemos que había fórmulas de viabilidade aínda que non puidese continuar o Xacobeo-Galicia cun proxecto tan ambicioso.
O equipo podía seguir competindo. Co que se gastou
nestes últimos tres anos co paso da Volta a España
por Galicia chegaba o orzamento para continuar
Non sabemos a realidade de por que tomar esa decisión. Quizais era o máis fácil para todos cando o barco xa vén tocado desde que arrancou, pero eses corredores non merecían ese final. E saídas había. Mais cando se ve como se van os cartos. 123.000 euros vanse na promoción da mascota da Volta a España, un mexilón ciclista, e na impresión de 15.000 libriños sobre que a Volta vén a Galicia. A miña resposta a que a Volta vén a Galicia é que non hai tanto, co mesmo custo, os galegos eramos quen iamos á Volta (etapa da Bóla do Mundo, Madrid, 2010).