Unha tempada en noventa minutos
Onte, deportivistas e celtistas viviron un novo domingo de sufrimento. A xornada unificada regalaba dez partidos simultáneos e cinco campos onde a permanencia estaba en xogo. Durante hora e media, celebrábanse os goles do Betis e maldicíase a remontada do Osasuna. Mentres, Pucela volvía a ser un lugar propicio para os celestes, ao mesmo tempo que o Málaga superaba ao Deportivo. Pouco a pouco todos asumían a realidade: Deportivo e Celta xogaranse a última praza de permanencia o sábado, con Zaragoza e Mallorca á expectativa de que os dous erren. Por desgraza, como moito só teremos un equipo galego en primeira división dende a semana que vén.
O fútbol é un deporte que entende de excesos, de afeccións, de rivalidades, pero tamén por momentos de irmandade. Galicia nunca fora tan do Betis coma onte e nunca desexara tanto un empate ou unha derrota de Osasuna. Quitando extremismos, a maioría dos galegos soñaban con que Deportivo e Celta puidesen salvar a categoría na última xornada, ou polo menos que chegaran con opcións. Porén, as contas da leiteira non saíron, e Osasuna remontou con dous golazos que certifican a súa permanencia en primeira por unha tempada máis. Polo tanto, Riazor e Balaídos ditarán sentencia de hoxe en seis días.
O Deportivo depende de si mesmo na última xornada. Se gaña, conseguirá unha salvación que parecía imposible a mediados da tempada. A chegada de Vázquez, as vitorias sobre rivais directos e un final de tempada espectacular, puxeron ao Dépor na mellor situación dos catro equipos implicados no descenso. O Málaga de Pellegrini foi demasiado para os herculinos, que pecaron do seu problema fundamental: a debilidade defensiva. Os malaguistas saíron enchufados e conseguiron unha clasificación europea sobre a que agora debe decidir o TAS. En Coruña dependen de si mesmos, pero o principal problema chámase Real Sociedad, xa que os donostiarras chegan á última xornada con opcións de meterse na Champions League.
O Celta debe gañar ao Espanyol e esperar un erro dos seus veciños do norte. Os de Resino partían onte como colista, pero os malos resultados de Mallorca e Zaragoza, sumados a súa vitoria en Zorrilla colocárono nunha situación máis favorable. O Espanyol chegará a Balaídos sen xogarse nada, pero aínda así a irregularidade do Celta durante todo este curso é algo que deben superar os celestes de cara a este encontro. En Pucela por fin demostraron corazón, e recuperaron por momentos o bo xogo do comezo da tempada. A mala noticia foi a grave lesión de Javi Varas, que permitiu debutar a Rubén Blanco, un xuvenil que ten que ser clave na última e definitiva xornada.
Cando os deberes non se fan a tempo, ás presas e os nervios son un factor clave para poder aprobar no último momento. O Deportivo e o Celta chegaron a esta situación límite por méritos propios, pero agora mesmo o único que se pode facer é soñar coa salvación. Unha salvación que hai nada parecía imposible en Coruña e Vigo, e que sería incrible nos dous casos. Despois, xa haberá tempo para reflexionar e tentar corrixir os erros de xestión que se cometeron nas dúas entidades. Cunha tempada hipotecada a noventa minutos, a emoción queda aberta para o vindeiro sábado, onde media Galicia pode acabar consolando á outra. Iso sería unha boa sinal, xa que significaría que polo menos un galego mantivo a categoría. E que o que teña que baixar, regrese canto antes.
*Foto de portada: La Vanguardia