Suicidio económico en dous actos: as letras

Para ver a primeira parte deste artigo preme aquí.

En época de crise incluso as letras xiran ó redor dos números. Trocamos escribir por calcular. Todo son datos, porcentaxes, taxas: parados, PIB per cápita, IPC, inflación, prima de risco… ¿E como se mide a viraxe das persoas no medio desta selva? A impotencia, o pesimismo sistemático, o abatemento apocalíptico das conversas diarias: velaquí a subxectividade da crise, a recesión humana, que só se pode calibrar ó carón da xente.

No asunto que aquí nos ocupa, os máis tremendistas dirían que unha pantasma suicida percorre Europa. Afortunadamente, iso sería botar un pouco por fóra. Esta proliferación de suicidios en época de crise non chega á hecatombe. Pero preocupa. Escapando do sometemento á cifrarquía, a cuestión non radica tanto na porcentaxe en que aumentan os suicidios por mor da crise, senón no propio feito de que nun país que presume de desenvolvido haxa persoas tan afogadas economicamente como para chegar a matarse. Ocorre que se unha só se fía das cifras ten que agardar a que o virus se converta en pandemia para alarmarse. Mais, como dixo Bob Dylan no seu momento, ¿cantas mortes fan falta para que el(nós) comprenda(mos) que morreu demasiada xente?

Nesta sociedade materialista, non ter é case coma non ser. O suicidio económico é a morte de fame do Primeiro Mundo. Xente que se mata porque xa está socialmente morta. Persoas que prefiren autodestruírse antes que expoñerse a unha miseria que o suposto Estado de Benestar xa non combate. E mentres os casos se reproducen a dexeneración capitalista fabrica uns desamparados cada vez máis invisibles para a xestión dos gobernantes. Será porque a eles o único que os pode afogar é o nó da garabata.

Una limosna de mi dinero

El Roto

Vénme á cabeza o famoso caso de Sócrates bebendo cicuta. Velaquí os suicidios forzados do clasicismo grecorromano: se non queres unha condena maior, aquí tes a cicuta para matarte. Cando morrer é o camiño máis fácil, algo falla. E coido que se trata deste sistema voraz, onde nin sequera sobreviven os mellores, senón os máis ricos. É que para que uns supervivan tanto outros teñen que subvivir demasiado. ¿Culpables directos? Ningúns. Parece que aquí só delinque quen se mancha de sangue.

O que a min me preocupa é que cando unha barbarie se repite moitas veces, ademais de espallar máis desgraza, tende á normalización. Os suicidios económicos atópanse nesa fase de habituación, xa superada polas mortes masivas en certos países ou os escándalos políticos neste país en concreto. Éche coma as mentiras e as verdades: o anormal,  repetido mil veces, torna normal.

Con isto da crise estase poñendo moi de moda o de “ademais de puta, pagar a cama”. Non é de estrañar que, despois de tanta violencia económica, os haxa que decidan descansar en paz. Mais, ¿deixarán entrar ós pobres no ceo? Quizais alí tamén chegou a privatización (disque Thatcher…). Certo é que os ricos sempre souberon moito de paraísos. De ser así, posiblemente agora estea cheo de criminais que pasean de nube en nube libres de pecado por obra e graza do naipe. E, se a xustiza está coma aquí abaixo, será o propio San Pedro quen presida a comitiva de voitres.