Suicidio económico en dous actos: as cifras

Non cabe dúbida da necesidade de acudir ós datos cando falamos da realidade. Como ben saberá Paco Lodeiro, por moito que a un lle gusten as palabras, sen números non hai paraíso. Mais, cando se analiza unha cuestión tan subxectiva coma a dos suicidios, resulta complicado establecer conclusións empíricas contundentes. E se, ademais, se pretende relacionar cun condicionante como a crise económica, a cousa retórcese. Aínda así, sempre hai algún atrevido que acepte tal desafío. E malia que os datos non son moitos, algunha chicha pódese ir sacando. “Crise económica e suicidios”, unha tese interesante para calquera aspirante a doutor. Máis actual imposible.

¿As dificultades económicas repercuten na saúde mental?

Xa nos anos 30, o sociólogo austríaco Paul Hartzfeld publicou “Los parados de Marienstrasse”, unha profunda investigación sobre os danos que produce o desemprego de longa duración na identidade persoal de quen o sofre. Desprezo por un mesmo, distanciamento social, perda da confianza, debilitación da autoestima, sentimento de desamparo, abandono, inutilidade… Velaquí algúns dos motivos polos que unha persoa pode ir diminuíndo a súa enerxía vital, chegando nalgúns casos ó extremo do suicidio.

No pasado ano o European Journal of Public Health sacou á luz un estudo sobre a evolución das patoloxías de saúde mental en España entre 2006 (antes da crise) e 2010. Os resultados mostran que nese período aumentaron nun 19,4% os casos de depresión, un 8,4% os de ansiedade e un 7,4% de trastornos relacionados col alcol. Os expertos toman como grupos de risco ante estas doenzas a persoas desempregadas, así coma aquelas que non poden facerlle fronte á hipoteca ou que pasan por un proceso de desafiuzamento.

A unha conclusión semellante chegaron en Alemania Arndt Reichert e Harald Tauchmann, colaboradores do instituto de investigación económica Rheinisch-Westfälisches Institut für Wirtschaftsforschung. Os resultados da súa análise proban que o desemprego repercute de xeito importante na saúde mental.

¿Existe relación entre a crise e os suicidios?

Unha das fontes máis completas en canto á relación da recesión económica coa saúde mental e os suicidios é a revista médica británica The Lancet. Non mes de marzo vén de publicar un estudo con título “A crise financeira, a austeridade e a saúde en Europa”, quizais o más actualizado que podemos atopar nesta materia. Os autores aseguran que a xente máis vulnerable ante a posibilidade de suicidio é aquela que vive en países cun maior endebedamento e un aumento continuado do desemprego. Expoñen, ademais, que os recortes en servizos públicos lle dificultan o acceso a un tratamento a aqueles que sofren un deterioro da súa saúde vinculado ás dificultades económicas. Neste senso, poñen como exemplo a Grecia, España e Portugal.

PIIS0140673613601026.gr2.lrg


Evolución dos suicidios na Unión Europea, diferenciando entre países anexionados antes do 2004 (UE15) e dende ese ano (UE12).
Fonte: The Lancet

No XVI Congreso Nacional de Psiquiatría, celebrado en Bilbao o pasado setembro, presentáronse os resultados dunha investigación levada a cabo polo barcelonés Centre de Salut Mental Dreta de l’Eixample (CSMA) relacionados con esta cuestión. A partires da testemuña de 89 persoas que se intentaron quitar a vida no ano 2011 sen conseguilo, concluíron que os problemas económicos foron no 32,5% dos casos os que provocaron a súa decisión.

¿Aumentan os suicidios en época de crise?

Nun estudo evolutivo publicado por The American Journal of Public Healt (2011) demóstrase que existe un aumento de suicidios en épocas de recesión e unha diminución destes en tempos de bonanza económica. Nel analízase a variación das cifras de suicidios nos Estados Unidos dende 1928 ata 2007, comparándoo coas cambiantes circunstancias económicas do país. Tamén se deduce que a suposta incidencia dos transos económicos no aumento destas mortes non é inmediata, senón que se comeza a notar despois duns anos. Pasou coa Gran Depresión, pasou coa crise dos 70 e prevese que pasará coa recesión actual.

Suicidio y crisis económicas EEUU


 Fonte: The American Journal of Public Health

O especialista en suicidios Michel Debout ratificou recentemente que entre 2008 e 2011, período de auxe do paro en Francia, houbo 759 suicidios directamente vinculados con este aumento. Fíxoo a partir dunha investigación realizada polo Institut de Veille Sanitaire, do que é colaborador. Nel evidénciase que, mentres que o número de casos descendía no país galo desde 1987, volveu subir desde comezos da crise.

No ano 2003 diversos expertos en medicina da Universidade de Otago, en Nova Zelanda, fixeron públicos os resultados dunha investigación sobre a relación entre suicidios e desemprego. Logo de analizar os casos de suicidio do país ó longo duns anos, concluíron que, efectivamente, o desemprego e a baixa posición socioeconómica están asociados con este tipo de morte. Porén, tamén recoñeceron que non se pode establecer claramente unha relación causal, senón que se tratan de factores de risco.

O entón Ministro de Saúde grego, Andreas Loverdos, recoñeceu un aumento do 40% no número de suicidios entre febreiro e maio do 2010 e o mesmo período do 2011. No ano 2010, porén, a Organización Mundial da Saúde (OMS) situaba este país entre os que rexistraban niveis máis baixos neste senso a nivel internacional. Ademais, produciuse un incremento de entre o 17% e o 36% dos intentos de suicidio entre 2009 e 2011.

¿Que ocorre en España?

Como xa se expuxo, desde o comezo da crise a saúde mental dos españois deteriorouse notablemente. Nos últimos meses coñecemos diversos casos de persoas que se suicidaron porque sufrían un proceso de desafiuzamento ou se enfrontan a dificultades económicas severas.

Segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE), no ano 2011 houbo 3.180 suicidios en España, constituíndo a primeira causa externa de morte –é dicir, non por enfermidade– e superando ós accidentes de tráfico. Dentro desta cifra, os homes (2.435) triplican ás mulleres (745), sendo a franxa de idade de 30-39 anos a máis afectada.

¿Cantos destes suicidios foron por motivos económicos? Imposible sabelo a ciencia certa, a pesares de que haxa investigacións –coma a xa citada do CSMA– que intenten achegárselle. Nesta materia, as estatísticas do INE só poden coñecer o efecto, mais non a causa. É que o detonante dun suicidio é propiedade exclusiva da vítima, e tan só nalgúns casos o especifica previamente.

Pero velaquí a gran pregunta: ¿aumentaron os suicidios en España desde que comezou a crise? O certo é que non. De feito, se comparamos a última cifra (3.180) coa do ano 2007 (3.263), 2008 (3.457) ou 2009 (3.429); os casos incluso diminuíron. Tan só houbo un leve aumento entre o 2010 (3.145) e o 2011 (3.180), pero hai que ter en conta que xa partimos dunha cifra relativamente baixa en comparación cos  anos previos.

suicidios en españa


Fonte: elaboración propia a partir dos datos do INE

Polo de agora, a crise económica non produciu grandes curvas nos gráficos de evolución dos suicidios. Quizais sexa porque, como din algúns expertos, estas cifras comezarán a incrementarse pasados uns anos, tal coma no crack do 29. Ou quizais sexa porque, afortunadamente, os suicidios económicos non son tantos como para facer variar escandalosamente as estatísticas. É que –tamén quizais– o miolo deste asunto non está en estudar a evolución dos suicidios en xeral, senón a dos relacionados coa crise. Pode que así no gráfico resultante atopásemos unha pendente ascendente fatal.

Quizais, quizais, quizais. Porque esta só é a primeira parte do asunto: a empírica. Agora falta a reflexión, unha saída de emerxencia dentro desta festa da pedantería que son os datos. Se algo bo teñen as cifras é que nos fan pensar. Así pois, se queremos presumir de razón, ademais de percibir, debemos valorar. ¡Verbas van!