Prazas de Compostela: da beleza á aberración

A cidade de Santiago de Compostela está ben feita. Cremos que está ben feita porque non coñecemos o modo de facer cidades. Isto é debido a que as cidades, como os homes que as habitan, teñen amos. E os que mandan fan e desfan ó seu antollo no trozo de terra que lles corresponde.

Cando cheguei a Santiago ocupaba todo o tempo que podía – curiosamente coincidía cos momentos nos que me extraviaba – en pasear polo lugar. Aínda hoxe me gusta perderme. Compostela non está formada por rúas-desaugue inclinadas cara o mar. O camiñar da xente non cae nun porto senón que se sostén ó redor da catedral. Non resulta estrano que os meus paseos teñan como obxectivo chegar o antes posible á chamada zona vella, deixándome levar pola inercia.

praza Obradoiro

© Sara Yáñez Soto

A praza do Obradoiro constitúe o epicentro do remuíño de viandantes; tanto desde o punto de vista urbanístico como cultural. Durante os séculos XI e XII, nesta praza situábanse os canteiros que se dedicaron á construción da catedral. No seu centro atopamos unha placa granítica considerada polos peregrinos como o quilómetro 0, punto de chegada de todos os camiños de Santiago. Un xiro de 360 grados permite recoñecer a presenza de distintos estilos arquitectónicos nos catro edificios que a delimitan.

Non hai un día no que non chegue un novo peregrino a Santiago que, descalzo de forzas, observe a catedral desde a Praza do Obradoiro. ©Sara Yáñez

Non hai un día no que non chegue un novo peregrino a Santiago que, descalzo de forzas, observe a catedral desde a Praza do Obradoiro. ©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

A praza de Praterías debe o seu nome ós numerosos comercios que ofrecían traballos de ourivaría e prata durante a Idade Media. No medio da praza sitúase a famosa Fonte dos Cabalos, formada por catro animais que botan auga pola boca. Por encima dos cabalos reparamos nun pedestal que sostén unha figura feminina co brazo alzado sostendo a estrela de Compostela. Ó fondo da praza, a Casa do Cabildo álzase coma se fose un verdadeiro pano de pedra. Decorada con motivos xeométricos do barroco compostelán, cerra a praza de maneira case teatral.

As escalinatas son culpables das numerosas apostas contra inocentes foráneos que cren que darán subido de dous en dous os chanzos que conducen á Torre do Reloxo. Chamémoslle a isto tradición. ©Sara Yáñez

As escalinatas son culpables das numerosas apostas contra inocentes foráneos que cren que darán subido de dous en dous os chanzos que conducen á Torre do Reloxo. Chamémoslle a isto tradición. ©Sara Yáñez

A praza da Quintana atópase dividida en dous planos por outra serie de monumentais escaleiras: Quintana dos Vivos – a parte superior – e Quintana dos Mortos – a parte inferior, por ser lugar de enterramentos até 1780. Coñécese tamén pola praza dos Literarios en memoria do Batallón Literario, unha milicia formada por alumnos da Universidade que participaron na Guerra da Independencia. Unha placa no Convento de San Paio de Antaltares recorda ós que alí perderon a vida.

O xogo de liñas horizontais e verticais, así como a súa austeridade, fan desta praza un curioso e amplo escondedoiro sen obstáculos. O eco das badaladas ó anoitecer provoca que un peregrino se aforque na parede da catedral que contén a Porta Santa. Mentres, allea ó que pasa, a xente agrupada nas escaleiras mantén o murmurio das conversas.

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

Unha canella chamada Tránsito da Quintana comunica coa praza da Inmaculada ou da Acibechería. Esta debe o seu nome á fama da artesanía do acibeche de Santiago durante o medievo. Hoxe en día, a arte do souvenir colonizou os comercios que vendían complementos ou adornos de acibeche. Na praza sitúase o Mosteiro de San Martiño Pinario. Fundado no século X, este mosteiro beneditino segue funcionando como seminario maior compostelán e sé das facultades de Teoloxía e Traballo Social.

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

A igrexa de San Martiño Pinario data de 1652 e ábrese á praza que leva o mesmo nome. As escaleiras de liñas curvas e varios niveis fan as delicias da imaxinación duns nenos que continúan baixando a xogar ás prazas. ©Sara Yáñez

A igrexa de San Martiño Pinario data de 1652 e ábrese á praza que leva o mesmo nome. As escaleiras de liñas curvas e varios niveis fan as delicias da imaxinación duns nenos que continúan baixando a xogar ás prazas. ©Sara Yáñez

A praza de Cervantes era coñecida no século XII como o “Foro”, por ser punto de reunión popular e o lugar onde o pregoeiro lía os acordos municipais e as ordenanzas do Arcebispo. Sábese que durante os tempos da Inquisición, albergaba unha columna en torno á cal se impartía o que daquela chamaban xustiza. Desde o século XIX, un busto de Miguel de Cervantes Saavedra coroa a fonte e recorda que o Don Quixote que cabalgaba pola Mancha sobre Rocinante saíu da mente dun home de apelidos galegos. De vez en cando tamén serve para recordar por onde queda o Tarasca.

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

Se seguimos o camiño da perdición, atoparémonos coa praza de Salvador Parga, situada nun dos laterais da Igrexa de Ánimas. Esta foi construída en 1784 co diñeiro dos devotos das ánimas do purgatorio, daquela cando o Vaticano aínda cría que existía. A praza debe o seu nome á memoria do senador e catedrático de Dereito Salvador Parga, un dos primeiros en reclamar o sufraxio feminino en España e Europa no 1870. Trátase dunha praza típica do casco histórico compostelán, na que predomina a pedra e as casas de granito con portas de madeira pintadas en verde oscuro.

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

Na praza de Mazarelos, tamén chamada da Universidade, atópase o único arco que queda da muralla que rodeaba Santiago na época en que se edificou a primitiva catedral románica, alá polo século XI. ©Sara Yáñez

Na praza de Mazarelos, tamén chamada da Universidade, atópase o único arco que queda da muralla que rodeaba Santiago na época en que se edificou a primitiva catedral románica, alá polo século XI. ©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

Na praza érguense a Facultade de Filosofía e a chamada Igrexa da Universidade. ©Sara Yáñez

Segundo o Códice Calixtino (non me cansarei de rememorar o seu atraco, que parece sacado dun filme de Daniel Monzón), o Arco de Mazarelos era a porta da muralla por onde entraba o viño procedente da zona do Ribeiro. Este arco dá paso á praza de Mazarelos. Consérvase neste recuncho a estatua do político e xurista Eugenio Montero Ríos, obra na que nos temos sentado máis dunha vez cando o corpo pedía descansar da biblioteca. Non obstante, a maioría das veces o que facíamos era tomarnos unha caña, acompañada de tapa, nalgún dos bares situados fronte á impoñente Facultade de Xeografía e Historia.

A praza do Toural (ou Plaza del Toral, opción da cal me declaro fan) serve como punto neurálxico da vida social e comercial da cidade, que antigamente albergaba a feira do gando vacún. Nesta praza de planta irregular e fonte no medio, destaca o Palacio dos Marqueses de Bendaña, construído no século XVIII e cunha fachada que remata nunha estatua de Atlas sostendo a bola do mundo. Conta a maledicencia compostelá que o titán poderá descansar da súa condena e deixar caer a súa pesada carga cando por debaixo del pase unha rapaza virxe ou un estudante que nunca suspendese ningunha materia. Non lle poñemos moi fácil a liberación ó rapaz.

A fonte foi solicitada polos cidadáns arredor de 1584, pero instalárona con case trescentos anos de retraso. A canalización da auga chegaba até o edificio da Inquisición, polo que tiveron que esperar a que a institución fora abolida, o edificio puxado e a auga reconducida para uso público.

Desde os soportais do Cantón do Toural vese o Froiz, peculiar supermercado de curtos estantes e veteranas caixeiras. ©Sara Yáñez

A praza de Galicia constitúe unha vía de conexión entre a parte histórica da cidade e a zona do ensanche. É nesta última, na Zona Nova, onde xurdiu unha maneira de facer as cousas realmente preocupante. Esta concentración de hoteis, cafés, bancos e caixas de aforros, dispostos sobre un aparcamento subterráneo de grandes dimensións, tivo un antes e un despois que non debemos esquecer.

Fai anos coñecíase como a praza de García Prieto e contiña o edificio Castromil, construído en 1926 para albergar a empresa de autobuses. O axuntamento que presidía Antonio Castro decidiu botalo abaixo, silenciando as protestas dos veciños como auténticos ignorantes.

Edificio de Castromil, situado no centro da praza de Galicia, nos anos 30. [memoriasdecompostela.blogspot.com.es]

O edificio de Castromil, situado no centro da praza de Galicia, durante os anos 30. [memoriasdecompostela.blogspot.com.es]

O inmoble modernista a finais da década dos 50. [memoriasdecompostela.blogspot.com.es]

O inmoble modernista a finais da década dos 50. [memoriasdecompostela.blogspot.com.es]

O arquitecto Rafael González Villar proxectou o edificio Castromil en 1922; na súa memoria o Colexio  Oficial de Arquitectos intentou desde 1974 que o inmoble modernista fora declarado monumento histórico e artístico. Tamén propuxeron unha alternativa ó proxecto na que o aparcamento podería ser construído ó redor do edificio, respectando así os seus cimentos. Non houbo maneira pois atopáronse coa negativa da Comisión Provincial de Bellas Artes. O Axuntamento – facendo gala do seu poder visionario-, expropiou o precioso edificio, icona do Ensanche, para facer un aparcadoiro. E alá foi, a mellor obra arquitectónica de uso público a este lado de Santiago.

A praza de Galicia é unha das entradas máis concorridas ó casco histórico compostelán, pero aínda hoxe busca a súa función na cidade. Trátase dun oasis no medio do deserto de cemento, unha illa aínda por explorar, onde os afeccionados ó parkour poden saltarche por encima nun momento de despiste.

O fachendoso baleiro da praza de Galicia na actualidade. ©Sara Yáñez

O fachendoso baleiro da praza de Galicia na actualidade. ©Sara Yáñez

A praza Roxa, coa súa peculiar pendente e amplas terrazas, considérase popularmente como o centro da zona nova da cidade. A través dela accédese ás principais rúas que constitúen o ensanche compostelá. A praza de grandes dimensións alberga no seu subterráneo, como non podía ser doutro xeito, un aparcadoiro para os coches. Para poder levar a cabo esta obra, eliminaron unha fonte central que dominaba o espazo e, din, impedía o tránsito libre dos peóns nos seus paseos e a contemplación dos edificios veciños. Uns bancos situados baixo tres teitos de cor vermella con formas poligonais e abstractas decoran agora a praza.

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez

Dito espazo atópase conectado a unha pendente que remite, na lingua vulgar, ó aparato reprodutor feminino. Unha costa que costa un **** subir. Fai un tempo, a pendente acompañábase dunha fonte dividida en tres cuxa auga corría até a praza. Hoxe, a modo de selva, a estrutura énchese de macetas e pequenas árbores. A pesar da ocorrencia, este punto da cidade segue a ser un lugar típico de reunión dos estudantes, ansiosos por coñecer a vida nocturna de Santiago. Moi preto atópase a praza de Vigo, tamén situada sobre un aparcadoiro e continente da escultura Pedra a Rosalía de Castro, tan fea como a propia praza. Esta deformidade existe e forma parte dunha Historia, á que pasaremos pola nosa facilidade de cubrir parkings con mal gusto.

Esta zona debe o seu nome ás manifestacións dos roxos durante o fin da ditadura e a transicion. Na actualidade, serve como lugar de celebración de eventos deportivos. Por isto da “roja” e o mundial e bla, bla, bla. ©Sara Yáñez

A praza debe o seu nome ás manifestacións dos roxos durante o fin da ditadura e a transicion. Na actualidade, serve como lugar de celebración de eventos deportivos. Por isto da “roja” e o mundial e bla, bla.
©Sara Yáñez

Na praza de Vigo os únicos seres que queren reunirse son as pombas, ás veces nin iso. ©Sara Yáñez

Na praza de Vigo os únicos seres que queren reunirse son as pombas, ás veces nin iso. ©Sara Yáñez