Os desafíos do consenso

Dicía o cantante e actor italiano Giorgio Gaber que coa conquista da República no país transalpino conseguiuse instalar un sistema coñecido como democracia representativa, consistente en que ti votas un partido, que escolle unha coalición, que escolle un candidato que ti non sabes quen é pero que che vai representar durante cinco anos e, ademais, cando aparece en público di “vostedes non saben quen son eu”. Nisto se reduce o que chamamos “poder do pobo”. Pode parecer una sorte de esaxeración, mais foi talmente iso o que pasou.

A forte irrupción do bufón Beppe Grillo nas institucións italianas, coa que case ningún contabamos, provocou unha situación de bloqueo para nomear un presidente da República e formar goberno cunha maioría o suficientemente sólida para que o partido de Berlusconi, que fora anteriormente botado a patadas del, volvese coller poder.

En Italia o presidente da República escólleo o Parlamento e este logo, en teoría, encárgalle a unha persoa que forme goberno. Digo en teoría porque, evidentemente, tamén a maioría parlamentaria é a que decide quen deberá ser o primeiro ministro. Logo dunhas duras negociacións e moitas votacións, na que non faltaron deputados que votaron ao actor porno Rocco Sifredi ou á actriz Sofía Loren, o candidato escollido foi Giorgio Napolitano, que acababa de saír do e aos seus 88 anos non contaba xa con que ninguén lle pedise seguir dando guerra. Napolitano aceptou ao cargo como un home que estaba cumprindo cunha tarefa que non quería pero que acometería coma quen realiza un compromiso conferido por unha responsabilidade irrenunciable. Dirixiuse á cámara para xurar o seu cargo e fíxoo para turrarlle das orellas á clase política, apoltronada e fóra da realidade italiana, que mentres o país navega á deriva económica profunda discuten puras cuestións de ego e intereses persoais.

Despois de non saber moi ben que pasou, Pier Luigi Bersani, líder do partido máis votado nas eleccións e principal candidato para ser primeiro ministro, dimitiu dos seus cargos ante a imposibilidade para acadar unha maioría razoable. É entón como por unha serie de manobras entre os partidos e, presuntamente, o novo presidente Napolitano, o chamado finalmente para ocupar o cargo foi Enrico Letta, outrora xefe das carteiras de Exteriores e Industria durante o goberno de Massimo D’Alema. É así como se cumpre o postulado de Gaber e os italianos pasan a ser gobernados por un señor que ningún deles escolleu, aínda que sexa do Partido Demócratico, o máis votado nas eleccións.

Letta fai moi ben pedindo axudas "extra"

Letta fai moi ben pedindo axudas “extra”

Deixando á marxe se nos gusta máis ou menos o novo primeiro ministro, hai que ter en conta que se atopa ante o problema de crear un equipo de goberno de consenso, no sentido máis amplo da palabra, pois deberá contentar tanto aos vellos xefes da socialdemocracia coma a Berlusconi e a cúpula do seu partido pasando polos filotecnócratas europeos con Monti á cabeza. Asumindo que Grillo non quere xogar con esta baralla e vai intentar desfacer todo o que veña da “vella política”, Letta nomea un consello de ministros no que todo o mundo debe estar, canto menos, cómodo. Deste xeito podemos atopar nel desde o home forte de Berlusconi, a unha vella libertaria ou á voz máis indignada coa dimisión de Bersani desde dentro do PD.

Os desafíos aos que se debe enfrontar Letta como cabeza do goberno italiano non son substancialmente diferentes aos que se enfronta Rajoy en España: alta taxa de desemprego xeral e especialmente xuvenil, inestabilidade financeira, corrupción política, un sector público desaxustado coas posibilidades reais do país, e un longuísimo etcétera. Se ben é certo que Letta conseguiu un goberno con iso que se chama “perfil técnico” ou “perfil xestor” do que alonxou a moitos dos vellos dinosaurios que levan décadas rexindo os destinos de Italia, tamén sabe perfectamente que unha política baseada no consenso entre partes tan diferentes está cimentada na ausencia de convencemento de ningunha delas. Cando ninguén é capaz de defender con garantías o que está facendo, dificilmente poderá convencer á poboación de que é o mellor tamén para eles, e é por isto polo que un pacto destas características tende a ser un mero mantemento do statu quo mentres pasa o tempo, ou un escenario no que todos intentarán turrar da manta cara o seu lado ata que a acaben rachando.

O goberno de Letta, visiblemente numeroso en ministros

O goberno de Letta, visiblemente numeroso en ministros

A ironía do destino e o implacable paso do tempo quixeron que nestes tempos de necesidade de consenso en Italia morrese o máximo expoñente da conciliación política no país transalpino, Giulio Andreotti, que se mantivo dun ou doutro xeito medio século no poder e sendo democristiano chegou a pactar cos comunistas. Curiosamente, o día que se reuniu Letta con Mariano Rajoy produciuse o pasamento de Andreotti. Do mesmo xeito, o día que o presidente do goberno español mantivo a súa xuntanza co primeiro ministro británico David Cameron tamén morreu Margaret Thatcher. Non tiña abondo o pobre Mariano con ser un incompetente que agora resulta que tamén vai ser gafe.