Obradoiro 2013-14, ogallá máis do mesmo
Por todos é sabido e ben repetido que se algo vai ben, non o toques. O Blusens Monbus Obradoiro acaba de realizar a mellor campaña da súa historia. Tan só erros puntuais o privaron de chegar a xogar a tan ansiada Copa do Rei. Ademais, converteuse no primeiro club na historia da ACB en vencer coma visitante na pista dos catro equipos que participan na Euroliga (Real Madrid, FC Barcelona, Laboral Kutxa e Unicaja Málaga), algo sen dúbida histórico. E como colofón, logrou a clasificación para os playoffs por primeira vez en toda a historia. Todo isto logrouse cun equipo posiblemente non deseñado para estar na metade superior da táboa, senón cun conxunto pensado para loitar pola permanencia, si ben é certo que se fixeron certas incorporacións que levaban consigo gran risco e que se saían ben podían ter gran repercusión, pero se saían mal ademais de seren un fracaso deixarían ao Obradoiro coxo.
O Obradoiro debe apostar sen dúbida pola continuidade da maior parte dos xogadores, pero o maior acerto xa foi levado a cabo en forma de renovación por dous anos de Moncho Fernández e todo o seu equipo técnico. Eles apostaron polo Obradoiro na LEB Ouro, levando ao equipo a ascender nunha campaña cuns números históricos, e ao ano seguinte logrouse a tan necesaria permanencia para a consolidación do club na ACB. A tempada realizada este ano foi un regalo para todos os seareiros obradoiristas, pero sen dúbida o maior logro do “alquimista da Pontepedriña” é a súa conexión co entregado público do Fontes do Sar, conseguida a través da normalidade e a proximidade amosada coa xente. Algo que en ningún momento logrou atopar Curro Segura, no primeiro ano do club santiagués na máxima categoría do básket español tras tanto tempo camiñando polo deserto.
No eido das renovacións o director xeral do club, José Luis Mateo, xa levou a cabo o aumento de contrato de dúas das pezas angulares deste proxecto deportivo. Por unha banda o mallorquín Alberto Corbacho renovou por dúas campañas. O seu acerto desde a liña de 6,75m foi clave nos triunfos obradoiristas, ademais que o levou a converterse no mellor triplista da ACB. O outro ás da baralla que xa garda o Obra de cara ao próximo ano é o checo Pavel Pumprla, ese aleiro que pasou de xogar na liga checa a facelo con gran nivel en Compostela. Era unha das incógnitas no mes de setembro e pouco a pouco consolidouse na posición de tres para chegar a ser unha das pezas clave.
Outro dos xogadores importantes neste Obradoiro foi o portorriqueño Andrés Rodríguez, o máximo asistente da ACB, con máis de asistencia e media de vantaxe sobre o segundo nesta clasificación. Rodríguez chegou ao Obradoiro na temporada en LEB e desde aquela é o líder indiscutible do equipo coa súa batuta de “playmaker”. Xunto a el este ano, Rafa Luz está a dar un bo nivel cando é necesario substituír ao americano. Ambos deberían seguir en Compostela.
Por fóra da zona o Obradoiro confiou as súas posibilidades, ademais dos anteriormente mencionados, a tres estadounidenses de estados fronteirizos (Michigan, Indiana e Ohio) que están rendendo de forma desigual. Robbie Hummel foi outro dos homes clave. Por outra banda, o do norte de Michigan Ben Dewar, fixo uns números máis que aceptables e o de Ohio, William Buford non tivo sorte e as súas estadísticas son bastante frouxas. Quizais a renovación dese bloque norteamericano sexa bastante positiva para o Obradoiro da tempada 2013/14, ou en todo caso un reforzo para substituír a William Buford.
Aínda que sen dúbida a parte da pista que máis quebracabezas traerá a Moncho Fernández será a do poste baixo. Salah Mejri foi unha gran aposta, que tanto podía triunfar coma decepcionar, e está claro que a súa campaña en Santiago foi excepcional. Foi nomeado xogador revelación da ACB e os medios da capital do Estado din que xa asinou para xogar o vindeiro ano no subcampión da Euroliga, o Real Madrid. Dende a súa chegada tivo unha evolución espectacular e o teito dos seus 2,17m non se sabe onde pode estar, mentres mira de esguello á principal liga profesional norteamericana.
Por outra banda os rumores, aínda que menos fortes que os do tunisiano, colocan ao seu compañeiro na zona, o canadiano Levon Kendall noutro dos grandes do básket español, o Regal Barcelona. De confirmarse serían dúas perdas fundamentais para o proxecto obradoirista, o que obrigará a buscar reforzos. Aínda que renove Oriol Junyent por outro ano, este xa non está para ser o líder que foi noutros tempos. Con todo, é unha posición na que o Obra sempre estivo ben cuberto con Marc Jackson, Rafa Hettsheimeir ou Stephan Lasme.
Moitos serán os xeroglíficos que terá que resolver o departamento técnico do Obradoiro, pero o mantemento do bloque con pequenos cambios sería unha gran nova. O que está claro é que sería un equipo máis que competitivo, que pode cada vez aspirar a chegar cada vez máis alto.