O sucio negocio da minería a ceo aberto

“Pois se tanta xente se manifesta, algo malo terá a mina esa…”. Puiden escoitar estas palabras durante a multitudinaria manifestación do pasado 14 de abril, en Carballo, contra o proxecto mineiro de Corcoesto. Saíron da boca dunha muller que tomaba algo nunha cafetería do centro, mentres ao seu lado, unha amiga miraba a manifestación cunha cara que describirei graficamente como de “xa están os hippies da mina”.

Neste contexto de desinformación, os prexuízos a favor da mina aínda abondan, e unha simple reflexión tórnase nalgo complicado de conseguir. Á fin e ó cabo, non dá a minería traballo? E se tan mala é, por que están os mineiros de Asturias pelexando para que sigan abertas as súas minas? Non parece que a eles lles importe ou afecte demasiado a contaminación da que falan “os ecoloxistas”, eses que protestan por todo con tal de non traballar. Ademais, sempre que se cumpra coa lei non debería haber problema, que para iso está. Todo moi lóxico, non?

Por desgraza, e paradoxalmente, non é ouro todo o que brilla, e isto é o que acontece  con todos os proxectos de minería a ceo aberto que están activos arredor do mundo. Por iso cómpre formularse certas preguntas antes de chegar a xuízos erróneos.

A minería a ceo aberto, que é?

A propia denominación non deixa lugar a dúbidas. A minería a ceo aberto diferenciase da subterránea en que se realiza sobre a superficie terrestre, xa que o mineral desexado atópase a profundidades relativamente baixas, mesmo chegando a aflorar na propia superficie do terreo. Esta maneira de explotación, polo tanto, tórnase nunha actividade máis rendible en termos monetarios perante esas circunstancias. Non obstante, o impacto ambiental que produce é moito maior. Para escavar o xacemento é necesario recorrer a medios mecánicos e explosivos, as chamadas voladuras, que poden chegar a alcanzar os 130 decibelios —cabe lembrar que a OMS situou o limiar da dor entre 130 e 140—. Estes procesos, ademais de ser amplamente destrutivos para o chan, poden chegar a levantar toneladas de po cargado de minerais que será esparexido, cando menos, en 30 km á redonda debido á acción do vento.

Tipos de mina a ceo aberto

Os tipos de mina a ceo aberto varían, pero os máis comúns son as canteiras, das que podemos atopar centos de exemplos en Galicia, e as denominadas cortas. Mentres as canteiras dedícanse á extracción de materiais rochosos, sinxelos de obter e cun impacto relativamente baixo, as cortas son explotacións dun tamaño moito maior e un procedemento moito máis agresivo de extracción e separación de materiais, por dedicárense estas aos metais.

Nos últimos anos, a suba do prezo do ouro debido á súa utilización como “valor refuxio” en tempos de crise ten levado a un rexurdimento da minería de ouro. Pero non se trata dunha minería semellante á tradicional, senón un tipo de minería curtopracista e especulativa no peor sentido da palabra. Moitas explotacións xa practicamente esgotadas, ou simplemente pobres en materia prima –estamos falando de concentracións mínimas, de 1g de ouro por tonelada de rocha escavada-, resultan rendibles se son explotadas mediante os métodos máis baratos, aínda que sexan altamente perxudiciais para a vida das persoas e o medio. Aquí é onde entra en xogo o papel do cianuro.

Corta Atalaya, en Huelva, foi a mina de metais preciosos máis grande de Europa

Corta Atalaya, en Huelva, foi a mina de metais preciosos máis grande de Europa

A lixiviación con cianuro

Nas canteiras, un simple procedemento de trituración e clasificación serve para separar unhas rochas das outras, mais non é tan sinxelo no caso dos metais, onde se precisa de procesos químicos posteriores. Entre estes, a lixiviación con cianuro de sodio é un dos máis comúns polo seu baixo custo, a pesar da súa enorme perigosidade, xa que unha cantidade entre 50 e 200 miligramos deste veleno é suficiente para matar a unha persoa. Unha cantidade que se reduce incluso nos demais animais, chegando un simple miligramo para matar un mamífero, e mesmo 0,2 mg para causar a morte dun peixe. Por suposto, cantidades inferiores ás referidas poden chegar a causar danos físicos e cerebrais de todo tipo.

Tanques de lixiviación

Tanques de lixiviación

O cianuro reacciona moi doadamente ao contacto cos metais, de aí o seu uso. O proceso de lixiviación consiste en poñer a rocha que contén o ouro, xa triturada, en contacto cunha solución de cianuro preparada previamente nunhas pilas ou tanques de lixiviación (dependendo de se o proceso se fai ao descuberto ou non). Ao unirse cos átomos de ouro, o cianuro sepárao dos outros minerais presentes, creando o que se coñece coma solución preñada, que haberá que separar dos residuos.

Estes procesos utilizan solucións de cianuro de sodio con concentracións que oscilan entre 100 e 500 miligramos por litro, dependendo do tipo de rocha. Para extraer un quilogramo de ouro, necesítase unha media de 140-160 quilos de cianuro de sodio. Para unha explotación mediana, que produce 25 quilos de ouro ao día, precísanse 4 toneladas de cianuro ao día.

Prohibicións

Tan perigosa é esta técnica que xa foi prohibida en diferentes países. Varios estados dos Estados Unidos, coma Montana ou Colorado; e países coma Turquía,  República Checa, Hungría e Alemaña xa teñen completamente restrinxido o uso de cianuro nas explotacións mineiras. Outros, coma Canadá e Australia (casos paradoxais, como veremos máis adiante), posúen un estrito sistema de medición e información sobre as concentracións de cianuro. Todos estes avances conseguíronse grazas a amplas mobilizacións e presións dende a cidadanía, xa que os lobbies mineiros manteñen un foco de presión constante sobre os gobernos para que o tema pase o máis desapercibido posible.

Iso foi exactamente o que aconteceu na Unión Europea, onde unha resolución do Parlamento Europeo prohibindo o uso do cianuro dentro das fronteiras da Unión foi aprobada no 2010. A pesar dos poderosos argumentos esgrimidos por este órgano, a proposta non foi ratificada pola Comisión Europea, cuxa contestación foi sospeitosamente semellante ás dadas pola propia industria mineira, argumentando que “non existe unha tecnoloxía mellor” e que se causaría un “grande problema de desemprego”. Como veremos, estes argumentos non son máis que falacias para xustificar o inxustificable.

Filtracións e contaminación da auga

Para a consecución deste proceso químico, así como para o posterior mantemento e limpeza dos residuos cianurados, é necesaria unha grande cantidade de auga. Como mercala resultaría excesivamente caro, as empresas recorren aos ríos e os acuíferos, sustento indispensable das poboacións mineiras, que acostuman a ser poboacións rurais que viven da agricultura e a gandería. Estímase que o consumo anual dunha mina deste tipo é de entre 500.000 e 900.000 metros cúbicos de auga, cifras equivalentes ao consumo de rexións enteiras. Isto pódese comprobar en lugares como Cajamarca, en Perú, onde os veciños teñen que recibir a auga racionada mediante cisternas, xa que os seus ríos atópanse cortados pola compañía mineira de Yanacocha.

E á falta de auga hai que sumar outro grandísimo problema: as filtracións. Debido aos escasos controis sobre estes residuos altamente contaminantes, é inevitable que unha parte destes remate filtrada na terra, aparecendo perigosos niveis de elementos como  ferro, cianuro, cobre e manganeso nos ríos e no subministro de auga das vivendas. Así o demostran as imaxes de lugares como a Mina Marlin, en Guatemala, onde se poden atopar animais mortos nas inmediacións do río, así como síntomas de contaminación por metais e cianuro nos habitantes da zona.

Nestas augas adoitánse atopar niveis de contaminación entre 50 e 2000 veces superiores aos permitidos. Por suposto, as empresas sempre negan isto, e presentan só os datos das zonas menos contaminadas. Como é doado de comprender, todos os posibles beneficios económicos que este tipo de minería poida levar ás súas rexións esvaécense ao comparalos coas perdas en produción agrícola, saúde e destrución patrimonial.

Cada ano rompen unha media de dúas balsas mineiras no mundo

Xa vimos as posibles consecuencias das filtracións de residuos cianurados, e a súa frecuencia. Mais cal sería o impacto se unha das balsas de residuos estalase e vertese todo o seu contido? Non fai falla máis que ver as imaxes do desastre de Baia Mare, en Romanía. En xaneiro do ano 2000, unha balsa de lodos chea de cianuro rompeu, vertendo uns 100.000 metros cúbicos de residuos de cianuro e outros metais pesados sobre un afluente do Danubio, chegando ao Mar Negro e levando diante de si máis de 1000 toneladas de peixe morto, ademais de deixar sen auga potable a máis de 2 millóns de persoas.

Peixes mortos tralo desastre de Baia Mare

Peixes mortos tralo desastre de Baia Mare

Pero non fai falla ir ata tan lonxe, xa que en España contamos co noso propio desastre ambiental relacionado cunha mina a ceo aberto, esta vez de zinc. O 25 de abril de 1998, a presa de residuos na mina de Aznalcóllar rompeu e 4,5 millóns de metros cúbicos de residuos foron vertidos ao próximo río Guadiamar, afluente do Guadalquivir, poñendo en perigo o Parque Natural de Doñana e causando danos por valor de 240 millóns de euros. Uns danos que a empresa mineira nunca asumiu.

A trampa das grandes multinacionais canadenses

Cabe mencionar aquí a particularidade de Canadá como país mineiro. Un país que, a pesar de contar cuns excelentes controis sobre a minería, non predica co exemplo de cara ó exterior. De feito, a maioría (preto do 60%) das empresas mineiras que están a causar estragos por todo o mundo están rexistradas na Bolsa de Valores de Toronto. Este país provelles dunha plataforma ultra favorable para desenrolar as súas actividades, en particular nos países do Sur. Ademais dun intenso apoio financeiro, político e diplomático ás súas empresas mineiras; Canadá é un verdadeiro paraíso de opacidade xudicial: permite unha grande impunidade ás empresas acusadas de destrución do medio, crimes económicos e violacións graves a dereitos humanos.

Partindo deste punto, non é complicado de entender o sistema de actuación destas empresas. As súas relacións co poder -o caso máis soado nos últimos tempos foi o do noso querido expresidente Aznar, pero a lista é curiosa– permítenlles obter unha considerable influencia sobre os gobernos, que utilizan para obter licencias ambientais e mesmo dereitos de expropiación de terras. Unha vez que isto está conseguido, o seguinte paso consiste en enfrontar a opinión pública mediante unha campaña mediática de estigmatización das voces contrarias –ignorándoas ou relacionándoas exclusivamente con sectores ecoloxistas ou de esquerda– e maximización das favorables –ou sexa, da propia empresa–.

O máis importante é dar unha boa imaxe de cara ó público, e para isto é necesario crear unha filial cun nome que dea unha sensación de achegamento –véxase Mineira de Corcoesto S.L.–. Xa creada a filial, a empresa en cuestión procede a xerar amplas expectativas ofrecendo unha inxente cantidade de traballo. Un poderoso argumento para atraer ás poboacións, especialmente en rexións pobres, como son as sudamericanas, ou con altas taxas de desemprego, coma o sur de Europa. Recóllense milleiros de peticións, a pesar de que só un cento de traballadores locais poderá ser empregado na extracción. A realidade é que a maior parte deste emprego desaparece tralas primeiras fases do proceso, cando o dano xa está feito.

Por suposto, no caso de que algún problema aconteza, a ausencia de controles e calquera tipo de seguro de responsabilidade civil garante que a empresa poida marchar sen pagar un só céntimo. Isto explica casos coma os mencionados anteriormente neste artigo, nos que os custos en reparacións e mantemento foron totalmente asumidos polos contribuíntes. E como —neste caso— unha imaxe vale máis que mil palabras, recomendo ver o seguinte documental sobre a localidade italiana de Furtei, na que o soño do ouro rematou convertido nun auténtico pesadelo de cianuro cando a empresa mineira —outra filial de filiais— declarou a súa bancarrota para eludir a súa responsabilidade.

Galicia é unha mina

Este é o slogan do apartado de minería da páxina web da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, e así o testemuñan proxectos mineiros coma o de Corcoesto, Fragas do Eume, Xinzo de Limia ou Arnoia. Uns proxectos que se asemellan perigosamente aos referidos neste artigo, debido ao seu desprezo absoluto polo patrimonio natural galego e as vidas das persoas. De aprobárense estes proxectos, estaremos expoñendo a Galicia a un método de explotación colonial que compromete noso futuro, deixándonos unha terra chea de residuos e escombreiras mentres os nosos recursos foxen pola porta de atrás. Un método que está sendo rexeitado alá por onde pasa, e que consegue impoñerse mediante a complicidade duns poderes políticos aos que só preocupa o diñeiro fácil.

Por sorte, aínda está nas nosas mans revertir este proceso. Unha simple reflexión pode significar o comezo.

Todos os datos aportados neste artigo foron tirados das charlas de Serafín González Prieto, investigador titular do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e a Doutora en Química Carme Varela; así como do libro “Cianuro: cara tóxica del oro” do investigador canadense William Sacher (PDF aquí).