O duelo: tornos nas bibliotecas?

EN CONTRA: Alberto Rivera

Como amante de estudar nas bibliotecas e preferiblemente naquelas que teñen horario nocturno ao entrar na Concepción Arenal e ver os tornos o primeiro que me pregunto é: “realmente fan falla?”.

Os estudantes universitarios quéixanse de que cando a biblioteca está chea deberían de ter prioridade eles xa que ao fin e ao cabo é un edificio destinado a eles. Para casos así, onde non queden ocos baleiros, a Universidade da Coruña ten un sistema moito máis sinxelo que é que o bibliotecario vixíe que os usuarios das salas de estudo deixaran a TUI enriba da mesa. Seguindo ese sistema, cando existan lugares baleiros poderían acceder membros doutras universidades ou cidadáns non universitarios.

Ademais de que cos tornos na porta esas habituais ringleiras das fins de semana serán aínda máis eternas xa que teñen que pasar todos os que queiran entrar por eles.

Que pasará cando os chamados “opositores” ou os rapaces de instituto necesiten estudar para as probas de acceso á universidade ou para os seus exames un sábado pola tarde ou un domingo e a única posibilidade é unha Concepción Arenal que está practicamente baleira? Esa xente terá que quedar toda fóra ou estudar na casa, pensando que se vai á biblioteca é probablemente porque a concentración no fogar propio é difícil de lograr. Todos algún día pasamos pola selectividade e pode ser que algún día sexamos opositores, hoxe por ti, mañá por min.

E poñámonos noutro suposto, naquelas fins de semana nas que os estudantes doutras universidades galegas que son residentes composteláns necesiten estudar á vez que visitan á familia para marchar de novo coas tarteiras cheas que farán? Na orde inversa moitos estudantes que coma min non estamos censados en Compostela gustamos de utilizar as bibliotecas universitarias das nosas cidades.

Un dos argumentos esgrimidos pola xente que se postula a favor dos tornos é que as bibliotecas e a USC é pagada polos que estudamos nela. Iso é totalmente falso xa que a USC como universidade pública é pagada con cartos públicos aportados por toda a sociedade, universitaria ou non, e o que ingresa dos alumnos é unha pequena parte do seu presuposto.

Con esta medida a USC esquécese do servizo á sociedade que ten que cumprir se ben en Santiago temos outro problema que é o déficit de bibliotecas municipais xa que a única biblioteca de importancia é a Ánxel Casal e ten un horario pouco útil para o público universitario. Ademais de que se o problema é que as prazas de estudo en horario extraordinario non chegan para todos a solución é abrir máis.

IMG_0010

A FAVOR: Jorge Pan

Ollo ó argumento radical, estremo e filofascista que vou emitir. Pregaría ós nenos, ancianos, mulleres encintas e persoas con problemas cardíacos que deixen de ler neste mesmo momento, porque vou dicir que… as Bibliotecas Universitarias son para universitarios. De tan redundante parece estúpido, pero dista moito de selo, habida conta da cantidade de xente que considera este eslógan algo próximo á convocatoria do anticristo. Os argumentos que se teñen verquido en contra dos xa famosos tornos da compostelá Biblioteca Concepción Arenal concéntranse, basicamente, en dous. O primeiro é unha secuencia lóxica, en aparencia, impecable: as bibliotecas son da universidade, a universidade é pública e o público é de todos; ergo, as bibliotecas son de todos. O segundo é máis filosófico: impedi-lo acceso a unha biblioteca é limita-lo (sic) dereito á cultura.

No primeiro argumento, imaxinemos que cambiamos, na secuencia, a palabra “biblioteca” por outro ben público calquera, por exemplo, por “hospital”. Os hospitais son de todos e, por tanto, non han de ter control de acceso. Chega unha persoa cun catarro e ingrésana. Outra un nocello escordado e ingrésana. E así sucesivamente, ata que… chega unha persoa á que lle deu un ataque cardíaco e, tachán! non hai camas. Os bens que ofrece o Estado, como tódolos outros bens do planeta, son finitos. Hai que establecer un control de acceso. No caso do hospital é a gravidade da doenza, no caso da biblioteca universitaria é ser estudante universitario e ter pagada relixiosamente a túa matrícula á Universidade. Algún lector pensará, “e por que non abren máis bibliotecas?”. Boa pregunta. Pero o reto neste momento é xestiona-los asentos de biblioteca que hai, non os que debería haber. Se sentas nunha cadeira dunha biblioteca-que-debería-existir-pero-que-Casares-(dimisión)-non-financia, probablemente caerás ó chan.

Contra o “dereito á cultura” non teño nada que obxectar. Estou nidiamente a favor. Só espero que as autoridades tomen nota e un escuadrón policial me defenda cando, amparándome neste dereito básico das persoas, entre e arrample, de balde, con tódolos libros que hai na Follas Novas.

Aínda así, sempre me gusta remata-las miñas furibundas argumentacións dun espazo para a esperanza. Cando vos sintades especialmente oprimidos polos tornos da porta da Concepción Arenal, cando vexades que esta universidade se aproxima ó fascismo ó negárvo-lo dereito á cultura, liberádevos: pasade polo torno que sempre está desactivado.