Giro de Italia ’13: un traxe á medida de Wiggins
Este sábado 4 de maio arranca a nonaxésimo sexta edición da primeira das tres grandes voltas por etapas, o Giro de Italia. Durante as tres vindeiras semanas Italia enteira tinguirase de rosa para mostrar o seu apoio a un dos seus grandes orgullos nacionais, a Corsa Rosa. Esta edición conta, de entrada, co aliciente de ter entre os aspirantes á vitoria final a dous corredores que fixeron podio no pasado Tour de Francia, Bradley Wiggins e Vincenzo Nibali, ademais do vixente campión da ronda italiana, Ryder Hesjedal, que tratará de defender o seu triunfo. Pasemos, pois, a analizar punto por punto, as claves deste ano.
O percorrido

O Gavia, un dos portos míticos que se subirán este ano no Giro. Foto: iegestuhl-und-action.de
A primeira sensación que transmite o percorrido do Giro deste ano é de decepción. A volta de tres semanas predilecta dos escaladores puros parece estar feita nesta edición para o disfrute dos rodadores e os contrarreloxistas. A curta lonxitude das etapas de alta montaña, que impide o desgaste extremo dos equipos que controlan a carreira, e as etapas cronometradas, unha por equipos, outra individual de 55 quilómetros e unha cronoescalada na última semana de 20 quilómetros, limitan moito as opcións dos escaladores. Así pois, medran as opcións de corredores coma Wiggins. Sen embargo, o perfil das etapas de media montaña é moi perigoso, pois invita á creación de emboscadas nas que máis dun favorito pode perder as súas opcións á vitoria final. Ahí é onde reside a labor dos equipos, que deberán ter tino na protección dos seus líderes para que non queden eliminados por un simple despiste.
O Giro 2013 parte de Nápoles cunha etapa xa en liña, rompendo coa tradición do prólogo cronometrado dos últimos anos. Esta será unha das poucas opcións para os sprinters, prexudicados tamén polo percorrido deste ano. O día seguinte, disputarase unha contrarreloxo por equipos de vinte quilómetros na isla napolitana de Isquia. As seguintes catro etapas discurrirán pola costa, e semellan de transición, susceptibles de seren disputadas ao sprint, ou resoltas por fugas, dadas as dificultades do terreo para controlar ao pelotón. A sétima etapa, con saída en San Salvo e final en Pescara, resulta máis interesante. Os seus últimos setenta quilómetros, repletos de pequenas cotas, anuncian un final caótico, no que os favoritos teñen pouco que ganar e moito que perder. Pero pode que esta etapa quede condicionada pola do día seguinte, na que se disputará a contrarreloxo que tanto marcará o resto da carreira. Os 55 quilómetros que separan Gabbice Mara de Saltara faránselle eternos a máis dun, sumados ao durísimo final en pendente que exprimirá ata o último grao de forza que lles quede aos ciclistas. Dende esta data, moitos corredores terán que loitar por recuperar o tempo perdido, o cal lle dará un plus de emoción ao resto das xornadas.
Despois dunha etapa de media montaña con final na renacentista Florencia e o día de descanso de rigor, chegará o primeiro final en alto da carreira. Será en Altopiano del Montasio, despois de 169 quilómetros e dous portos de primeira categoría. O propio Altopiano é un porto moi duro, cun comezo tendido, pero cun final de grandes e constantes pendentes, próximas ao 20% de desnivel. A seguinte etapa, tamén con final en alto despois de coronar o Passo di Sant’ Osvaldo, semella menos espectacular ante a falta de dureza, pero pode que se pague o esforzo do día anterior, aínda que o escaso quilometraxe destas etapas limita en exceso á posibilidade das conocidas “pájaras”. As dúas seguintes etapas serán de transición e de moi posible chegada masiva en grupo.
Serán a calma previa á tempestade, pois tras elas chegan dúas etapas de alta montaña. Primeiro, os 254 quilómetros entre Cervere e Bardonecchia, sen altos demasiados duros, pero que deixarán aos corredores maduros de cara a unha das etapas máis importantes deste Giro, a do final no Galibier. Esta ascensión será unha das claves da carreira, encadenada xusto despois do Col du Télégraphe e previo paso polo duro Mont Cenis. Botarase en falta, eso si, unha ascensión máis que sumara quilometraxe e dureza á etapa para outorgarlle maior trascendencia.
Pasado o día de descanso e outras dúas xornadas asequibles en principio para as escapadas, chegará o tríptico final que decidirá a clasificación xeral da carreira. A primeira destas tres etapas decisivas será a cronoescalada a Polsa, de vinte quilómetros, onde os máis fortes poderán facer patente a súa superioridade. Posteriormente, a etapa de Val Martello, na que se suben previamente dous portos colosais, como son o Gavia e o Passo dello Stelvio. O percorrido deste día deixa un mal sabor de boca pola mala colocación destes dous altos monumentais, que xogarán un papel discreto na etapa, e polo curto da súa lonxitude, tan só 138 quilómetros. Unha pena para o que podería ter sido. Por último, a etapa raíña deste Giro. Pode que chegue todo xa decidido, pero este último día de alta montaña ponlle os dentes largos a calquera. Dous portos de primeira categoría e tres de segunda, para finalizar en Tre Cime di Lavaredo, en pleno corazón dos Montes Dolomitas. Finalmente, a derradeira etapa rematará en Brescia cun máis que probable sprint dun pelotón que chegará mermado polo desenvolvemento da carreira.
Así pois, vemos que ante a ausencia de tremendas etapas de montaña, o percorrido préstase para o ciclismo de ataque e de emboscadas. Esa guerra de guerrillas que tanto irrita aos directores partidarios do ciclismo control. Queda por ver a actitude dos ciclistas durante a competición.
Gráficos das etapas: RCS Sport / Giro de Italia
O equipo que máis atención mediática recibe antes deste Giro é o británico Sky Procycling. O seu líder e vixente gañador do Tour de Francia, Bradley Wiggins, é o favorito para alzarse co triunfo final e para iso está rodeado dunha pléiade de grandes corredores. Knees, Siutsou, os colombianos Henao e Urán, ou o prometedor Salvatore Puccio seran algúns dos que gardarán as costas de Wiggins. O equipo inglés acostuma a ser protagonista de todas as grandes voltas que disputa, tomando a responsabilidade no pelotón e exercendo a súa xerarquía. Este Giro será un todos contra Sky,polo que se verán obrigados a controlar todo canto pase na carreira e a facelo con acerto se queren acadar o seu obxectivo final.
O outro gran favorito é Vincenzo Nibali. Terceiro no pasado Tour, aspira este ano a conseguir o seu primeiro Giro. É mellor escalador que Wiggins, pero non o suficiente como para compensar o seu déficit na contrarreloxo de Saltara, onde Wiggins pode meterlle unha minutada. Para apoialo conta co resto do equipo Astana, formado por veteranos como Tiralongo, segundas espadas de moita calidade coma Kessiakoff e xoves promesas como Fabio Aru. O terceiro candidato en discordia á maglia rosa é Ryder Hesjedal. O vencedor do ano pasado presenta unhas condicións inferiores ás dos dous favoritos, pero arroupado polo seu equipo pode aspirar a todo ou, polo menos, ao terceiro caixón do podio. Vandevelde, Stetina, Thomas Dekker e demais compañeiros traballarán para el.
Existen outros posibles candidatos ao primeiro caixón do podio en Brescia, pero xa en condición de outsiders. Comezando polo equipo AG2R La Mondiale. Os franceses reforzáronse moi ben de cara a esta temporada e prometen dar moito espectáculo nas etapas de alta montaña da man de Carlos Betancur e Domenico Pozzovivo, grandísimos escaladores pero que nesta edición semella difícil que poidan facer grandes cousas debido aos seus problemas na loita contra o reloxo. Outro candidato é Robert Gesink. A eterna promesa holandesa debuta no Giro ante os seus pobres resultados no Tour, no que quizais se esperara demasiado del. Rodeado de prometedores corredores do Blanco como Kruijswijk ou Kelderman pode que esta sexa a súa carreira. Cadel Evans tamén podería ser incluido neste listado de corredores. O australiano do BMC atópase no final da súa carreira e este é un dos últimos trens camiño de gañar unha volta grande que pode coller. Pero deberá disputar os galóns de xefe de filas do seu equipo, como xa lle pasara no pasado de Tour de Francia con Tejay Van Garderen. O americano Taylor Phinney vén cunha gran progresión e disposto a obter grandes resultados, senón na clasificación xeral, si en varias etapas. Un dos tapados deste Tour de Francia é o compañeiro de equipo de Contador no Saxo Tinkoff, o polaco Rafal Majka, que xa rindeu a un gran nivel na Volta a España do ano pasado e é un claro candidato ao Top10 e ao mellor xoven.
Falando en concreto das opcións italianas, existen poucas alternativas a Nibali. Michele Scarponi, líder dun moi potente Lampre-Merida, é a máis clara. Acompañado por Serpa, Pietropoli e Niemiec, entre outros, será unha das grandes animacións da carreira e ben seguro que loitará polo podio aínda que a contrarreloxo o deixe un tanto lonxe del. Ademais del, Pozzovivo, do que xa falamos antes, Caruso, xefe de filas dun Katusha un tanto pobre, e os prehistóricos Pelizzotti e Garzelli serán os encargados de defender o orgullo nacional loitando por un bo posto.
No ámbito español, serán Samuel Sánchez e Beñat Intxausti quen loiten polos postos de honor. O asturiano debe cambiar o rumbo da nave do Euskaltel, que vai a pique, aínda que non chegue ao Giro nun bo momento de forma. Declarou conformarse cunha vitoria de etapa que, sendo pouco, caería como auga de maio no seo do conxunto vasco. Pola súa parte, Intxausti debe demostrar que pode ser el quen lle dea o relevo xeneracional a Valverde como líder do Movistar. Contará coa axuda de grandes corredores como Juanjo Cobo, Eros Capecchi ou Vladimir Karpets.
Este ano pode que os sprinters non sexan os maiores candidatos ao maillor vermello de líder da regularidade pola falta de etapas propicias, pero aínda así loitarán por el e polas vitorias de etapa en finales masivos numerosos corredores. A referencia será, sen dúbida, Mark Cavendish, que conta co apoio unánime do Omega Pharma-Quickstep. Os maiores rivais do ciclista da Illa de Man serán: o flamante campión de Francia, Nacer Bouhanni, da FDJ; o corredor do Orica-Greenedge, Mathew Goss; e o referente do equipo especialista nos sprints, o Argos-Shimano, John Degenkolb. Nunha dimensión inferior aparecen nomes coma Davide Appolonio, o líder do modesto equipo Bardiani, Sacha Modolo, Roberto Ferrari ou Fran Ventoso.
Mención aparte merece o equipo Colombia, formado integramente por corredores dese país e que promete ser un dos grandes animadores das etapas. A todos os xa mencionados súmanse os equipos que non se sabe moi ben que veñen a facer o Giro. Cannondale presenta nove corredores de escaso caché despois da baixa de Ivan Basso e probablemente pasarán desapercibidos, de non ser por Viviani nos sprints. Os belgas Vacansoleil e Lotto Belisol inscribiron tamén plantillas de baixo nivel e veremos se son capaces de chegar á súa cita anual coa vitoria nesta carreira. Radioshack Leopard estará ben representado nas fugas de alto nivel con xente como Machado, Popovych ou Kiserlovski, pero acadar unha vitoria non lles será doado.

Foto: peloton.cafe.au
Dende aquí, as apostas para os resultados finais son as seguintes:
1º Clasificado: Bradley Wiggins
2º Clasificado: Vincenzo Nibali
3º Clasificado: Michele Scarponi
Maglia azurra (montaña): Fabio Duarte
Maglia rossa (puntos): Vincenzo Nibali
Maglia bianca (xoven): Rafal Majka
Clasificación equipos: Sky Procycling