Galego e catalán: a (in)diferenza atópase dentro

“O contrario do amor non é o odio, senón a indiferenza”

Elie Wiesel, escritor xudeu que sobreviviu o Holocausto nazi.

 

Hoxe celébrase o Día das Letras Galegas. E digo celébrase en terceira persoa porque, alén dun festivo para facer a primeira incursión na praia da tempada, o 17 de maio non significa demasiado para moitos galegos. Algúns deles odian a nosa lingua, de seguro, pero a maioría fica nunha indiferenza que é o peor dos desprezos. Indiferenza que pode ser substituída por hipocrisía se falamos dos políticos, tan amigos de encher os seus discursos galeguistas con palabras baleiras como o bandullo de Don Celidonio o era de baleirar a despensa a base de enchentas. Xa o suxerira Risco: neste país o porco sempre cae de pé (se é que cae).

Ante esta situación, semella que de pouco teñen servido trinta anos dunha normalización lingüística que apenas pode presumir de tres modestos logros: diminuír o ritmo da perda de falantes, favorecer o acceso do galego a certos ámbitos institucionais e culturais como lingua de prestixio e transformar o autoodio sadomasoquista da maioría nun sexo sen amor chamado indiferenza. O tempo fixo esvaecer os anceios dunha sociedade civil comprometida coa lingua, que fose quen de reverter a perda de falantes e eliminar dunha vez por todas os prexuízos alimentados por varios séculos de castelanización. Hoxe semella imposible unha Galicia na que o idioma propio represente o futuro, se fale de cotío nas grandes cidades e coa debida corrección en todo o país. Mais, realmente o é?

Galego e catalán: dous idiomas, dúas realidades.

Para obtermos a resposta cómpre mirar cara a Cataluña. Alí, e malia contar cos mesmos atrancos xurídicos ca nós -tamén se trata dunha lingua sen Estado-, a fala vernácula tense convertido en vehicular na maioría dos eidos, polo que se pode dicir que está practicamente normalizada, coas excepcións do cinema e a xustiza. O catalán fálase con total normalidade e unha corrección máis que aceptable no conxunto do territorio, das franxas de idade, das clases sociais e dos ámbitos de uso, malia non ter unha distribución totalmente homoxénea. Así, nunha gran cidade coma Barcelona non resulta nada estraño ver dous rapaces bien falando catalán entre eles, ou un executivo dirixirse ó director dunha oficina bancaria na lingua de Ramón Lull. Pódese dicir o mesmo da Coruña?

A resposta, evidente, deberíanos producir un forte sentimento de vergoña, pois amosa ás claras a inexistencia dun bilingüismo real en Galicia.  Mais tamén deixa lugar para a esperanza. O exemplo catalán indica que, de facermos as cousas ben, outra realidade sociolingüística é posible… e mais se temos en conta a situación da que partían ámbalas linguas e as dificultades que tiveron que superar os seus respectivos procesos de normalización. E é que, por moi delirante que poida parecer, o galego tívoo moito máis doado. A diferenza do catalán, a nosa fala non sufriu a ameaza da forte inmigración, primeiro española e logo estranxeira, descoñecedora do idioma e sen ningún arraigamento cara el. De feito, segundo a última Enquisa de Usos Lingüísticos da Generalitat, o castelán (45,9% de falantes únicos) segue a ser a lingua maioritaria na autonomía -dato que moitos descoñecen-, mais é claramente minoritaria entre as persoas de orixe catalá (28,3%). A conclusión non pode ser máis clara: os cataláns apostaron pola súa lingua mentres nós lle viraramos as costas.

Os que falan de bilingüismo cordial deberían vivir un ano en Cataluña para aprender o verdadeiro significado deste concepto, que pouco ten que ver coa diglosia que padece Galicia, onde o idioma propio aínda se asocia ós vellos, ós nacionalistas, ó rural… e onde os que o falan correctamente son mirados con desprezo polos castrapeiros. Pero os que buscan culpables fóra tamén se equivocan: os cataláns sufriron moitos ataques á súa lingua -máis ca nós, se cadra-, e aínda así foron quen de normalizala. A diferenza entre o multitudinario Sant Jordi e a intranscendencia das Letras Galegas atópase dentro. E chámase indiferenza.