Europa tamén censura

“En 2012, só unha de cada seis persoas viviron nun país cunha prensa libre”. Con estas demoledoras palabras comeza o ruecente informe “Freedom of the Press 2013” que elabora cada ano a ONG Freedom House. Unha de cada seis. Isto significa que, en pleno século XXI, cando parece que a democracia se vai estendendo lentamente por tódolos países do mundo e o número de ditaduras é nidiamente inferior ás que poboaban o mundo durante a Guerra Fría, aínda cinco de cada seis persoas non poden recibir unha información plural e independente. E non hai que miralo só dende o lado do consumidor, senón tamén dende o oferente: a devastadora cifra que nos ofrece Freedom House ilústranos que, na maioría de países do mundo, os xornalistas están a ser, no mellor dos casos, censurados para non informar sobre todo o que quixeran e, no peor dos casos, ameazados ou ata atacados para que non exerzan o seu labor.

“Freedom of the Press” divide os países do mundo en catro categorías: os que gozan dunha prensa libre, os que teñen unha prensa relativamente libre, os que carecen de liberdade de prensa e, finalmente, unha categoría que denominan graficamente “o peor do peor”. Neste pouco honroso grupo atópanse “sospeitosos habituais” coma Corea do Norte, Cuba, Irán, un par de repúblicas centroasiáticas, unha Eritrea que, con 22 anos de vida recén feitos, ostenta o posto 178 de 178 no índice de liberdade de prensa de Reporteiros sen Fronteiras e, por último, Bielorrusia. Esta república exsoviética e aínda comunista, controlada con man de ferro por Alexandr Lukashenko, é a mostra máis evidente dunha crúa realidade: que a censura e o control dos medios de comunicación non é algo relegado a países afastados, a ditaduras bananeiras e a réximes totalitarios relixiosos, senón que queda moi cerca da casa, de Europa. Recordemos que a vergoñenta Bielorrusia fai fronteira con Lituania, Letonia e Polonia, tres membros de pleno dereito da Unión Europea.

Pero o asedio á liberdade de prensa non se queda nas estepas bielorrusas, senón que penetra ben fondo no corazón da vella Europa, para moitos baluarte das liberdades. A rimbombante “Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea” afirma o seguinte no seu artigo 11:

  1. Toda persoa ten dereito á liberdade de expresión. Este dereito comprende a liberdade de opinión e a liberdade de recibir ou de comunicar informacións ou ideas sen que poida haber inxerencia de autoridades públicas e sen consideración de fronteiras.

  2. Respéctanse a liberdade de los medios de comunicación e o seu pluralismo.

Por desgraza, estes principios non están moi acordes coa realidade. Freedom House considera só parcialmente libres catro países dentro das fronteiras da Unión Europea: Italia, Grecia, Rumanía e Bulgaria.

Fonte: The Telegraph

Fonte: The Telegraph

A ninguén sorprenderá o caso italiano. O cuasemonopolio que exerce sobre os medios de comunicación o veterano magnate e político Silvio Berlusconi é patente. Berlusconi, a través do seu holding Fininvest, posúe en Italia tres canles xeralistas dun total de seis (dúas delas públicas, é dicir, controladas por Il Cavaliere cando estaba no poder), unha decea de cadeas da televisión dixital terrestre, o xigante editorial Mondadori e a produtora Endemol. Amais, o seu irmán Paolo controla o rotativo Il Giornale. Neste contexto, é comprensible que a pluralidade mediática italiana sexa obxecto de crítica por parte de Freedom House. Aínda así, malia deixala cunha pouco honrosa puntuación de 33 (sendo a mellor 1), os analistas recoñecen “un descenso na influencia política sobre os medios trala saída de Silvio Berlusconi do posto de Primeiro Ministro”.

Contra a evolución favorable de Italia, o “Freedom of the Press 2013” non deixa de lembra-la decadencia da liberdade informativa en Grecia, parella ó desmoronamento do seu sistema económico. O informe fai caer en once puntos a valoración do país helénico, que achaca ó “peche ou recorte de moitos medios impresos, televisións e radios; acompañado dunha redución na diversidade mediática e na información efectiva sobre a situación política e económica do país, amais dun aumento no acoso legal e físico ós xornalistas”. Como máis vale unha imaxe ca mil palabras, o informe ven ilustrado coa imaxe da agresión dun antidisturbios á fotoxornalista Tatiana Bolari. Freedom House tamén recorda as agresións a xornalistas protagonizadas polo partido de estrema dereita Amencer Dourado (todos temos na mente o famoso vídeo no que un dos seus gardacostas obriga ós asistentes á sala de prensa a cadrarse ante a chegada do seu líder) ou o caso do xornalista Kostas Vaxevanis, arrestado por publicar unha lista de evasores fiscais (cuestión, aínda así, discutible dende o punto de vista da praxe xornalística e que foi debatida na clase). “A prensa xeralista xa non é quen de mante-lo seu rol de can gardián e informar sobre (…) os asuntos máis candentes”, sentencia o documento.

Tamén están en problemas algunhas das repúblicas da órbita soviética que entraron recentemente na Unión, nomeadamente Bulgaria. Este país, antano unha das máis furibundas ditaduras comunistas, adolece dunha versión esaxerada da corrupción e clientelismo que sofren moitos dos países do Pacto de Varsovia, comparable quizais ó caso ruso. “Os medios están adoito servindo ós partidos políticos e diversos grupos económicos”, denuncia a experta en medios Nelly Ognyanova ó semanario The Economist. A comisaria europea Neelie Kroes mesmo urxiu ó primeiro ministro búlgaro, Boyko Borisov, a tomar medidas urxentes para garanti-lo pluralismo informativo.

“Freedom of the Press”, aínda recoñecendo que “os medios expoñen unha variedade de visións políticas e públicas”, asegura que “os funcionarios restrinxen ocasionalmente a liberdade de prensa no que se refire a asuntos delicados da identidade nacional”. Actos de censura contra a minoría étnica macedonia, unha lei electoral que obriga ós medios a retransmitir grandes volumes de contidos elaborados directamente polos partidos políticos e episodios puntuais coma a bofetada que lle deu o antigo primeiro ministro Petar Stoyanov a un xornalista —e que lle valeu, posto que non todo é negro neste país, unha multa. Son, non obstante, mostras de que as intimidacións a xornalistas non son cousas que quedaran co finado réxime comunista. The Economist explica como un xornalista de investigación, Spas Spassov, tras unha serie de artigos críticos cunha potente empresa local, recibiu xentilmente na súa caixa de correo A arte da guerra de Sun Tzu cun fragmento destacado: “deberías evitar a aqueles cos que non te podes aliar nin podes derrotar”.

photo_verybig_138995

Máis graves son os problemas concernintes á opaca propiedade dos medios de comunicación. En Bulgaria é moi complicado saber quen é o dono do xornal que les, a televisión que ves ou a radio que escoitas, o que che sitúa en certo xeito nunha posición de debilidade: “quen me fai chegar esta mensaxe e por que?”. “A propiedade dos medios en Bulgaria é coma unha boneca rusa: sempre hai unha figura máis baixo a anterior”, apunta o profesor Orlin Spassov da Universidade de Sofía. Por exemplo, o conglomerado mediático New Bulgarian Media Group está amplamente financiado por un banco pequeno, o Corporate Commercial Bank, que, casualmente, xestiona grandes cantidades de cartos de empresas públicas de sectores estratéxicos coma a enerxía, o transporte ou a defensa. Algúns observadores aseguran que os medios deste grupo están sendo financiados sen rubor con cartos públicos.

Como vemos, mesmo o panorama mediático dentro de Unión Europea está en tea de xuízo. Esquemas de propiedade dos medios opaca, intimidacións a xornalistas, control político da información… e, neste exercicio de recoñecer que o “mal” non está so extramuros senón que tamén se atopa dentro da casa, non vén de máis rele-las verbas de Freedom House a propósito de España. A puntuación deste estado baixou en tres puntos debido á contracción do mercado publicitario, ó peche de medios e, especialmente, á situación do ente público: “varios xornalistas en RTVE foron eliminados despois de facer oí-las súas críticas sobre as polémicas políticas fiscais do goberno”. Así e todo, somos uns privilexiados, somos un deses cidadáns sobre seis que ten acceso a unha prensa libre. Fagámonos oír.