Cartos soltos no peto

Nótase no ambiente que a choiva nos deu unha tregua esta tempada. Compostela converteuse nunha cidade acolledora e con feitizo chea de transeúntes tolos sen dirección fixa. No noso pasear entre pedra atopámonos con varios artistas que conseguen que as rúas polas que paseamos se convertan noutro lugar.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

Podemos camiñar preto da sombreirería da rúa do Vilar e que a música dun acordeón nos transporte ó París dos anos vinte; sentirnos ebrios na década inglesa dos noventa despois de escoitar unha versión doente do “Creep” de Radiohead ó pasar polos soportais do Toural; mirar unha, dúas, tres veces ás nosas costas para comprobar que o que pregunta polo seu mes de abril non é Sabina intentando sacarse uns euros na praza de Cervantes.

Cando me vaia desta cidade non recordarei o gaiteiro disfrazado de gaiteiro que toca baixo o arco do Obradoiro. Lembrareime dunha guitarra ilegalmente situada no comezo da rúa do Franco e dun “Heart of Gold” de Neil Young que lle sentaba tan ben a este lugar de épocas douradas.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

Existe unha normativa municipal, a Ordenanza Xeral da Circulación e Uso da Vía Pública, que regula este tipo de actividades e obriga a músicos, mimos e debuxantes a solicitar mensualmente un permiso para poder actuar nas rúas da capital galega. A medida sinala entre outras cousas que os artistas son responsables de “manter en perfecto estado de salubridade e hixiene a zona autorizada, así como de repoñer o pavimento e os danos ocasionados”. Todo o mundo sabe que os artistas son seres famélicos que non dubidan en darse cabezadas contra as pedras para conseguir unha dose furiosa. E xa aprendemos co Santo dos Croques que esta práctica desgasta o material.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

As zonas están asignadas segundo a actividade que se realice. As actuacións de mimos, que como máximo poden ser dúas simultáneas, están autorizadas no Obradoiro, en Cervantes e na entrada da Alameda. Os pintores e ilustradores teñen reservados os soportais do edificio de Correos, onde non pode haber máis de oito persoas traballando ó mesmo tempo. O territorio dos músicos, que teñen a obriga de moverse cada media hora a unha distancia mínima de cincuenta metros e non poden empregar megafonía, abarca a rúa do Vilar, as prazas de Cervantes e da Inmaculada e a entrada da Alameda. Os gaiteiros teñen unhas condicións particulares polo son do instrumento e actúan sobre todo no arco do Palacio Arzobispal e na Alameda. Non obstante, durante as festas da Ascensión, non se pode ver ningún artista nesta zona. Iso si, Pignoise, Andy & Lucas e esta xente non causan ningunha molestia.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

Canto

© Sara Yáñez

O permiso para facer uso da vía pública é gratuíto pero ten que renovarse cada mes. Despois de solicitalo en Atención a la ciudadanía, pode presentarse en varias oficinas indicadas na solicitude para que o tramite Tráfico. A solicitude debe realizarse cunha antelación mínima de dez días hábiles e concédese seguindo o criterio de orde de entrada no Rexistro Xeral. Existe un número límite de permisos polo que moitos artistas teñen dificultades para tocar legalmente na rúa. Os axentes da Autoridade teñen o poder de dar por finalizada a actividade cando un artista non posúa un permiso ou o teña e se sitúe nunha zona non asignada e nun período de tempo non acordado. Fano si ou si, aínda que a arte non estea a interromper o tránsito ou incordiando ós viandantes.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez

Santiago corre o risco de converterse nun lugar demasiado turístico e limpo; unha cidade museo sen ningún carácter. Elixiremos a venda de experiencias vacuas, a comercialización do tempo de ocio, a “industria” cultural, a vida illada en fogares conectados á nada. Perderanse as cidades sen hostilidade e partícipes da cultura. Quedarán os artistas tocando en rúas nas que só pasa o tempo, que nunca leva solto no peto.

En fin, como diría o mestre Ángel González: “largo es el arte; la vida en cambio corta como un cuchillo”.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez