Cans, unha década de cine
En pleno Val da Louriña, no concello pontevedrés de O Porriño, atópase a parroquia de Santo Estevo de Cans. Esta modesta poboación, de apenas 500 habitantes, esquece durante uns días o seu repouso habitual para recibir a visita de milleiros de afeccionados ao cinema galego. Coa chegada do mes de maio, e mentres o panorama mediático internacional fixa a súa ollada no glamouroso paseo de La Croisette, os incansables veciños de Santo Estevo demostran que non fan falta grandes limusinas nin extensas alfombras vermellas para gozar do bo cine. Con menos prestixio e repercusión que o seu veciño galo, o Festival de Cans apodérase por completo das rúas desta pequena localidade, converténdose nun dos principais eventos culturais de todo o país. Trátase dunha alternativa singular, que ofrece aos profesionais do audiovisual galego unha oportunidade inigualable para presentar os seus traballos e darse a coñecer.
Este insólito certame de curtametraxes, que vía a luz no ano 2004, comezou case como unha orixinal parodia da man da Asociación Cultural Arela, inspirándose na evidente semellanza fonética coa localidade francesa de Cannes. A idea botaba a andar baixo a dirección de Alfonso Pato, creador audiovisual, guionista e veciño de Cans, que dende entón leva as rendas de toda a iniciativa. Co paso dos anos a repercusión do festival medrou de forma notable, pasando dos pouco más de cincocentos invitados da primeira edición aos case 10.000 asistentes do pasado ano. A este auxe inesperado contribuíron as visitas de importantes nomes da cinematografía galega: artistas da talla de Luis Tosar, Ernesto Chao ou Maria Castro deixáronse caer por Cans nas sucesivas edicións, formando parte do xurado ou mesmo para recibir algún galardón. Outros nomes ilustres do panorama nacional, como Isabel Coixet, José Sacristán, e ata o músico Javier Krahe, quedaron fascinados pola grandeza desta humilde mostra. Incluso a cadea de televisión CNN situou a parroquia porriñesa no mapa, aínda que tan só fose por equivocación. Nunha noticia sobre o cumio do G-20 no 2011, o presentador amosou un gráfico no que se identificaba a Francia con España, e a Cannes, con Cans.
Pero non só falamos de cine. Ademais da estrea e presentación de curtas, longametraxes e documentais, a entidade Arela organiza coloquios con reputados cineastas, un concurso de videoclips, concertos, pasarrúas, etc… “Todo comezou como unha broma e agora é algo moi serio. Pasamos de ser un proxecto orixinal, distinto, un tanto raro… para converternos nun auténtico referente do audiovisual”, así o explica Keka Losada, presidenta da asociación.
Sen nada que envexar a outras mostras de maior envergadura, en Cans trocan a elegancia e pomposidade da Costa Azul pola súa particular visión do agroglamour (concepto que xa forma parte do glosario oficial deste evento, e que se autodefine por simple oposición). Neste momento é o terceiro certame de España con máis seguidores na rede social Facebook, tan só superado por Sitges e San Sebastián, e a súa vocación é seguir medrando sen cambiar o seu espírito transgresor e arraigado. En palabras do propio director, Alfonso Pato, queren seguir sendo “cans de palleiro”. A igrexa da aldea e o torreiro da festa convértense nos principais puntos de reunión, onde se entregan os premios e se realizan algunhas actividades. Todos os veciños botan unha man na organización do evento, cedendo desinteresadamente os seus galpóns, bodegas e alpendres para transformalos en auténticas salas de proxección. A axuda dos parroquianos é fundamental, e así o expresan dende a dirección. “Cada ano colabora máis xente e a súa implicación é maior. Temos un xurado de veciños, algúns participan como actores e actrices nos videoclips, reciben premios… este ano Divina vai facer unha exposición dos seus cadro: Expodivina. Están completamente integrados no desenvolvemento do festival e sen eles non podería levarse a cabo, xa que son os que nos abren as súas casas para que podamos proxectar as curtametraxes”. Ata o párroco de Cans bota unha man cambiando os horarios das misas para que non coincidan con ningunha proxección ou actividade importante. Trátase de que todo un pobo se implique na posta en marcha deste peculiar acontecemento, que muda as limusinas e coches oficiais por vistosos chimpíns (pequenos tractores con remolque), sacándolle o máximo partido a cada recuncho, hórreo e galiñeiro da aldea.
Hoxe arranca a décima edición deste festival que terá lugar do 22 ao 25 de maio, unha cita que continúa sumando adeptos ano a ano. Máis de 160 traballos foron presentados para esta edición, e as expectativas de afluencia aspiran de novo a superar as 10.000 persoas. Polo momento as perspectivas son boas, pois case todas as entradas se venderon nun tempo récord, chegando a formarse colas de ata 3 horas e media diante da igrexa do pobo. “Este foi un dos anos nos que chegou máis material, o que significa que a crise non afecta á creatividade dos creadores galegos”. O orzamento aproximado co que contan os organizadores é de 90.000€, dos cales máis dun 60% provén da venta de entradas e merchandising. O resto dos cartos corresponden a subvencións públicas da Xunta, a Deputación provincial e o propio concello de O Porriño. “Sempre se botan en falta axudas e apoios. Gustaríanos facer unha décima edición máis grande ou con máis cousas, pero foinos imposible. Aínda que a programación deste ano é para votar a lingua fora”, expón Losada. De todos os traballos presentados, despois dun arduo e longo proceso de selección, chegaron á final do concurso 14 curtametraxes de ficción e sete de animación. O xurado desta edición estará composto por Juan Ibáñez (presentador, guionista e voz de “Trancas” en «El Hormiguero»), a gaiteira Cristina Pato, os actores Unax Ugalde, Mara Sánchez e Patricia Vázquez, o director de cine Xavier Villaverde e o xornalista Xabier Fontes. O artista galardoado este ano co Premio Pedigree 2013, máxima distinción do Festival de Cans, é Manuel Manquiña. O actor vigués tomará o relevo de Antonio Durán “Morris”, que obtivera na última edición o famoso “Can de Pedra” (obra do canteiro local, Paco Candán).
Ademais de contar con seguidores e veciños tan fieis como participativos, con grandes e orixinais iniciativas e moita ilusión por continuar, a maior proeza que esgrimen os organizadores de Cans é a de ter descuberto a talentosos creadores galegos. Un dos exemplos máis destacables é o de Alejandro Marzoa, que despois dunha exitosa carreira como realizador de curtametraxes (premiadas en varias ocasións no festival) estreará este ano a súa primeira longa, “Somos gente Honrada”. Segundo confesou a presidenta de Arela: “Gustaríanos ver que todos os profesionais que pasaron por aquí teñen un lugar no sector. Que sigan facendo cousas e demostrando que o audiovisual galego está vivo”.
A singularidade da mostra porriñesa deixou atónito a todo aquel que pasou por alí, e incluso aos que tan só chegou de oídas. Déixovos cunha colección de testemuñas extraídas da páxina oficial do festival, e o desexo de que vos animedes a visitalo nas vindeiras xornadas.
“No habrá alfombra roja, ni estrellas de Hollywood, ni directores taiwaneses, pero si cine, mucho cine… y en Cans van al cine con tractor”. La Luna de Metrópolis (El Mundo) (21/05/2004)
“En Europa hai centos de festivais de cine. E logo, está o Festival de Cans. E o único que eu coñezo no que o primeiro foi o nome e despois a idea de montar un festival”. Jorge Coira, Kalaikia (maio 2009)
“Choveu de día e de noite, pero no V Festival de Cans ao que tiven a sorte de asistir paseino mellor que en Hollywood e en Sundance”. Jesús Ordovás, Kalaikia (maio 2009)
“Velaí a clave de todo: Cans insinúa e chega, outros aparentan e quedan no camiño. Cans é auténtico, por iso gusta. Cans é a primeira triloxía de Star Wars e outros festivais con alfombras de cores e parafernalia varia son a segunda”. Rober Bodegas, Kalaikia (maio 2009)
“El Festival de Cans es mi idea perfecta de festival. Tiene el tamaño ideal y el equilibrio perfecto entre buenas ideas y descontrol. ¡Viva Cans!” Nacho Vigalondo, Galiciaé (decembro 2011)
“He cantado en sitios muy raros, como un gallinero. Fue en el Festival de Cans, y ahí se lo ponen muy difícil a la imaginación de los demás para hacer cosas raras”. Iván Ferreiro, La Opinión de A Coruña (xaneiro 2012)