Cando os soños se fan realidade
No século XXI é difícil vivir de soños e ilusións. Os cartos, as influencias e a posición social fan que nos atopemos de súpeto coa realidade. Porén, no noso día a día atopamos exemplos de superación que nos fan crer que ás veces as cousas poden ser diferentes. A loita, o amor propio, o traballo ben feito e o apoio incondicional poden facer que un soño imposible se quede nun simple soño improbable. E co tempo, que ese soño que parecía unha auténtica ficción termine sendo a realidade. Onte, e durante toda a tempada, o Obradoiro deunos unha marabillosa lección de vida e deporte que nunca deberíamos esquecer.
Tocaba mañá de radio e nervios en Sar. Tocaba morder as uñas ata acabar sen elas para sufrir durante preto de dúas horas, pero tamén chegaba á hora de soñar cun obxectivo que parecía impensable a comezos da tempada. O “Miudiño” e os cánticos da afección axudaban a Obradoiro a facer o seu traballo dominando a Uxue Bilbao Basket. Mentres, un murmurio percorría Sar, un murmurio que se converteu nunha explosión de ledicia cando se coñecía a noticia de que Unicaja claudicara no Palau Blaugrana. Todo dependía entón das tarefas propias, que remataron con sobresaínte cando Andrés Rodríguez sentenciou o encontro tras un ataque que parecía interminable. Por primeira vez na historia, Obradoiro conseguía meterse nos playoffs.
A historia do Obradoiro na máxima categoría é tan recente como sufrida. Un longo litixio nos despachos devolveu os santiagueses a praza de ACB que perderan no ano noventa en mans do Júver Murcia, que cometera unha clara aliñación indebida. O arxentino Javier Sánchez xogara cun documento de identidade falsificado. A xustiza en España é tan lenta, que os de Santiago tiveron que esperar case vinte anos para recibir unha compensación en forma de praza na ACB. O Obradoiro xurdiu da nada para aterrar na máxima categoría do baloncesto español, e Curro Segura fracasou no seu intento de que o equipo acadase a permanencia. A primeira volta foi espectacular, pero despois Obradoiro perdeu o rumbo ata rematar na LEB.
A LEB parecía un comezo máis realista para un equipo saído da nada, e alí Moncho Fernández comezaría unha aventura que chega ata o día de hoxe. Un ano no inferno e un duro playoff con Burgos, significaron á volta a liga ACB. Alí, Obradoiro e o Multiusos Fontes do Sar volveron a crer. Tras unha tempada de consolidación, que rematou cunha permanencia sufrida, o Obradoiro tirou dos seus escasos recursos para confeccionar un bloque de calidade. Cun dos presupostos máis baixos da liga, Moncho Fernández e a dirección deportiva fixeron un equipo que combina a partes iguais experiencia e xuventude. Pero tamén un equipo cargado de incógnitas que se foron despexando de forma moi positiva ao longo da tempada.
E con este equipo para o recordo, Obradoiro foi facendo historia a pasos axigantados. Caeron as catro prazas máis potentes da historia recente do baloncesto español: Málaga, Vitoria, Madrid e Barcelona. A Copa quedouse a un paso, Obradoiro conseguía o maior número de vitorias da súa historia e, por primeira vez, conseguía un balance positivo en ACB. Os eloxios eran constantes, pero a filosofía de traballo do equipo non cambiou un ápice. Defensa, intensidade e traballo combinadas con velocidade e calidade en ataque.
Dous momentos parecían apartar a Obradoiro do soño de poñer un broche de ouro a unha tempada histórica. O primeiro, a non clasificación para a Copa tras caer derrotados en Badalona con todo a favor. Meses despois, cando todo parecía favorable para entrar nos playoffs, unha derrota no Sar ante Unicaja complicaba o obxectivo soñado. Os santiagueses fixeron conxura e lograron vencer en Valladolid para chegar a última xornada con opcións. Alí, venceron con cabeza e corazón a Bilbao, mentres o Regal Barcelona desta vez si que cumpría a súa parte do trato. Obradoiro recibía así unha merecida recompensa polo seu traballo.
Din que o deporte non ten porque ser xusto, pero ao final dunha forma ou doutra acaba por devolverche todo o que ti lle dás. Obradoiro regalounos traballo, capacidade de sacrificio, baloncesto de calidade e ilusión durante esta tempada. Non puidemos vivir unha histórica clasificación para a Copa, pero hoxe todo o traballo viuse recompensado de forma marabillosa. Os soños fixéronse realidade en Sar, mentres os de Moncho Fernández recordaban que entre crer e crear só existe unha letra de diferenza. Agora, chega o momento de disfrutar en playoffs ante o Real Madrid. E tamén, chega o tempo de soñar en Santiago, xa que a vida observada dende os playoffs pode ser marabillosa.
*Foto de portada: Xoán A. Soler