Cambiando as regras do xogo
“Like the Sheriff of Nottingham, electoral systems are apt to steal from the poor and give to the rich”. (Rae, 1971: 86)
No ano 1985 o Partido Socialista de Francia, daquela presidido por Miterrand, atravesaba unha etapa de perspectivas negativas de cara a súa reelección e prevía unha clara e contundente derrota nas urnas. Ante a situación, na que as expectativas que non os acompañaban, e dado que contaban con maioría na cámara lexislativa, decidiron mudar o sistema electoral, tan característico francés, de maioría absoluta a dobre volta, que levaba operando xa 30 anos, e optar por un sistema proporcional, que os acercase, seguindo as súas esperanzas e visualizacións a saír de novo elixidos, ou sequera que a derrota fose o menos dolorosa posible. O cambio no marco institucional non conseguiu frear a vitoria da dereita francesa, que como se supuña eran o partido chamado a saír elixido, pero a lo menos a derrota foi honrosa, e as forzas de esquerda non levaron un duro golpe. O parlamento resultante non dubidou en voltar ao sistema de maioría absoluta a dobre volta. Máis de 10 anos despois deste feito, a situación mudou, un partido conservador gobernaba Francia, con maioría no parlamento, e de novo, a situación era negativa e as enquisas apostaban por uns resultados adversos. Desta volta, non se deu un cambio na lei electoral e a fórmula que aínda hoxe segue operando non foi modificada.
Unha situación igual, mais un resultado distinto. Polo tanto, e seguindo o exemplo, cabe preguntarse porque nun caso si se optou pola reforma e o cambio no marco institucional, e non foi así no segundo momento. É máis, o que cabe preguntarse é porque non son máis constantes e estendidos os cambios nas leis electorais, se como vemos os efectos poden ser positivos, e se como sabemos, os partidos políticos teñen a capacidade de visualizar os efectos das distintas reformas. En todo caso, e seguindo a literatura, resulta complicado que o partido que saíu elixido cunhas regras sexa o impulsor de as cambiar mais, como di o politólogo Katz, hai seis razóns polas cales o partido de goberno pode impulsar un cambio nas regras do xogo. Así fala, primeiro do intento de evitar unha derrota electoral; segundo, da relevancia adquirida por actores non partidistas, da posible concesión dos partidos maioritarios a outros para perpetuarse no poder, do descoñecemento do partido de goberno do resultado da reforma e mesmo da busca da consecución do cambio do sistema de partidos, un obxectivo xa a medio ou longo prazo. Incluso, do apoio doutras forzas políticas para levar a cabo reformas de calado noutros eidos da política.
En España estamos a vivir unha situación na que a crise económica está a ser vista e a xerar unha ventá de oportunidade para que distintas comunidades autónomas se paren a reformular as leis electorais territoriais, e se ben ata o de agora se sentiron cómodos cos marcos institucionais, dende 2008 non pararon de saír a palestra iniciativas e propostas de cambio. Debido ás recentes novas sobre a máis que presumible modificación, neste caso redución, do Parlamento galego a finais de maio, principios de xuño, así como o avance na cámara de representantes madrileños da reforma da súa lei electoral, cabe por un lado, facer unha breve aclaración das propostas de cambio, e por outro lado, afondar na raíz das motivacións para o cambio.
Á hora de xustificar ou de buscar explicacións que poidan ser capaces de afondar nos porqués dos cambios nas leis electorais destas comunidades, así como penetrar nas razón que subxacen estas medidas é preciso formularse hipóteses que vaian nunha liña que abranga varias dimensións indispensables de atender no estudo dos cambios das leis electorais. Así, será pertinente dentro dos partidos políticos ver se co cambio electoral o partido maioritario sae reforzado, atender a posibilidade de consenso parlamentario para levar a cabo a reforma, se este fose necesario. Nun segundo eixo, é preciso poñer o foco nas cuestión dos líderes políticos e centrase en se a reforma é algo planificado e xa presente no programa electoral, ou algo improvisado co que non conta a cidadanía e que sorprende, por exemplo no discurso de investidura. Por outra banda hai que contemplar o contido das propostas, fixándose no que se pode perseguir coa reforma, maior ou menor proporcionalidade, a posibilidade de elección de cargos directamente pola cidadanía, listas abertas, pechadas… E por último, e completando esas catro dimensións das que podemos partir para explicar os cambios electorais, é preciso afondar nas razóns externas que poden motivar a levar a cabo a reforma, xa sexa a opinión pública, ou outros partidos políticos. Estes catro eixes de partida, configurados por dúas condicións en cada eixe, ben nos poden valer para comprobar as posibles relacións que se poidan dar entre as distintas propostas que se están a facer a nivel autonómico, mais este é un obxectivo máis complexo e no que hai que profundizar con maior tino, tempo, dedicación; e que polo tanto será pertinente abordar en artigos posteriores.
En todo caso resaltar que ata o de agora, o Partido Popular mostrárase de acordo co funcionamento do actual sistema electoral, que pese a ser proporcional, introducía nesgos maioritarios e conservadores que potenciaban os seus resultados nas urnas. Comunidades como a valenciana, Castela e a Mancha, Estremadura, Madrid e Galicia, todas elas presididas polo Partido Popular, a partires do 2008 comezaron a ver que as ferramentas electorais non estaban a ser as axeitadas e decidiron aventurarse na modificación, o trasfondo do cambio o descoñecemos, pero si podemos debuxar os resultados que orixina. No caso galego, a reforma busca modificar a Lei electoral para establecer un Parlamento de 61 escanos fronte os 75 actuais. Isto ampárase na adecuación do Parlamento a situación de crise económica actual, un Parlamento que vaia consonte aos tempos que vivimos, e que pese a redución está capacitado para non menoscabar os principios de representación democrática. As forzas opositoras non opinan o mesmo. Así a reforma orixina que A Coruña pasase de 24 escanos a 18 escanos, Lugo de 15 a 13, Pontevedra de 22 a 17 e Ourense de 14 a 13; tendo en conta que o novo prorrateo electoral se fai con 21 escanos a repartir entre as catro provincias seguindo criterios poboacionais, xa que os restantes 40, seguindo a Lei 1/1985 se distribúen a razón de 10 por Provincia. Polo tanto, as urbes máis poboadas son as que máis infrarrepresentadas quedan, como é o exemplo de A Coruña, mentres que as menos poboadas, e con nesgo maioritario, apenas notan a modificación que imporía a nova lei electoral. As simulacións electorais con datos das pasadas eleccións, para os comicios de 2016 arroxan unha maior taxa de vantaxe para o Partido Popular que vería incrementada a súa forza, fronte ás forzas opositoras que verían menoscabados os seus xa escasos representantes. O PP pasaría de 41 a 33 deputados, o PSOE de 18 a 14 o BNG de 7 a 6 e AGE de 9 deputados a 8. Amparándose na adecuación das Institucións á situación económica os populares obteñen uns mellores resultados nas urnas.
Por outra banda, Madrid pretende a creación de 43 circunscricións uninominais, nas cales se elixe seguindo o modelo da maioría a un representante por circunscrición, os restantes 86 membros do Parlamento elíxense de xeito proporcional, e aplicando a fórmula D `Hont, en definitiva, un modelo mixto como o alemán, no que se pretende acercar ao deputado ao cidadán, e aumentar así a accountability ou rendición de contas, e unha parte proporcional, que sexa correctora dos posibles nesgos derivados, dado que por un lado si se pode potenciar a cercanía entre representante e representados, pero pódese do mesmo xeito xerar un clima de certo clientelismo electoral, como se ten comprobado empiricamnte no Reino Unido, onde certos distritos uninominais, rexistran unha estabilidade de voto tal vez preocupante. En todo caso, este semella ser o plan A, que conta co apoio de UPyD e que precisa o apoio dalgún deputado do PSOE, para poder saír adiante, unha posibilidade máis que probable, debido a querenza que polo sistema manifestaron, no ámbito estatal, os socialistas. Por outra banda, e é sorprendente, o PP conta con un plan B, na liña dos seus compañeiros galegos, que buscaría reducir a cámara nuns 100 deputados, fronte aos 129 actuais.
Como vemos, pese a ser do mesmo partido político, as reformas son distintas, e presumiblemente as motivacións para as levar a cabo, así como as previsións electorais tamén o son. O que en todo caso hai que destacar é a actualidade da temática, que está a ser constante duns anos para aquí nas distintas rexións españolas, e que sen dubida, deben chamar a poñer o foco de atención nas cuestións que están detrás da súa motivación. Ábrese un importante campo de estudo no eido dos cambios electorais, onde haberá que centrarse nos porqués, nos resultados inmediatos, e no longo prazo.
Xa a principios do século XIX, en Massachusetts, EEUU, o gobernador do Estado, Elbridge Gerry, decidira modificar as divisións territoriais do seu distrito vendo que os resultados non o favorecían, de tal xeito que as liñas formaban unha salamandra (salamander en inglés) debido a elo a este fenómeno, os xornalistas da época chamáronlle Gerrymandering, (para os politólogos españois, salamandreo), e grazas á medida, o gobernador aumentou a súa ventaxe. Hoxe, quizais non tan explicitamente, pero si con certas características observables, os nosos políticos fan o seu particular salamandreo, na busca de obxectivos políticos claros.