Brasilia, Capital da Esperanza
Washington D. C., Canberra, Nova Delhi, Abuya… Só unhas cantas capitais, non é certo? Pode que non saibades que todas teñen algo en común: son cidades planificadas. Todas elas foron creadas a partir dun terreo baleiro e sen urbanizar cun propósito determinado, polo cal o seu desenvolvemento depende dunha decisión política ou administrativa e non do movemento lóxico da poboación.
Brasilia é unha desas capitais de orixe antinatural, pero iso non significa que a súa historia deixe de ser interesante. Neste abril hai 53 anos dende a súa ‘invención’, de aí a insistencia de Agnelo Queiroz —o dirixente da cidade— por inaugurar o estadio Mané Garrincha para o mundial de fútbol nese día tan sinalado.
Localizada na parte central do país, a ‘novel’ capital atópase no Distrito Federal Brasileiro, rodeada polos estados de Goiás e de Minas Gerais. Actualmente ten unha poboación de máis de 2 millóns e medio de habitantes, convertíndoa na cuarta cidade máis habitada do gran país sudamericano. É a única gran urbe do mundo construida no século XX e, a maiores, a única das cidades planificadas que obtivo o rango de Patrimonio Histórico e Cultural da Humanidade.
No seu día realizouse un concurso de deseños da nova metrópoli. Lúcio Costa foi o gañador, quen con Oscar Niemeyer como principal arquitecto e Roberto Burle Marx como deseñador da paisaxe comezaría co proxecto vangardista o 23 de outubro de 1956. O resultado foi un exemplo claro da arquitectura modernista. O eixo central da cidade é coñecido como ‘Plano Piloto’ e parece estar deseñado como un avión cuxa cabina e ás marcan o territorio. Todo está minuciosamente delimitado, con grandes avenidas e lugares designados a diferentes fins, dando lugar a unha planificación totalmente perfecta. Unha urbe propiamente dita, deseñada máis para as rodas que para os peatóns e dun enorme tamaño.
Aínda que tardase uns cantos anos en facerse realidade, a idea de crear unha sede gubernamental no centro do país vén xa do século XVIII. O primeiro en suxerilo foi o Marqués de Pombal en 1716 e a idea do nome deuna José Bonifácio cen anos máis tarde.
A valorización do territorio interior de Brasil foi o principal motivo da súa ubicación. A colonización deixara o país poboado esencialmente no seu litoral, polo que os gobernos brasileiros decidiran crear a nova urbe lonxe da costa atlántica, non só polo que significaba para eles ubicarse no mesmo lugar que ocupara o pobo portugués, senón por tratarse de puntos débiles para posibles ataques bélicos. Antes da súa creación, case non había cidades importantes no centro do país, polo que axudou a crear unha distribución máis homoxénea da poboación.
Esta é a teoría, no entanto os brasileiros teñen as súas propias conxeturas. Razóns loxísticas entre as zonas de interior e as zonas costeiras, a realización do soño brasileiro de crear unha capital da nada, a integración das persoas que vivían máis lonxe dos núcleos urbanos costeiros… Ou como cren os da outra cara da moeda: unha maniobra política para evitar revoltas e manifestacións, alonxada da civilización para evitar que se queixen, para “non molestar”.
Volvendo á historia, a súa creación non sería posible se non chegase ao poder o presidente Juscelino Kubitschek momento no cal o soño comezou a facerse realidade. Gracias ao seu apoio político e financeiro o proxecto foi adiante e rematouse de construir nun prazo de 41 meses. O gobernador era de orientación socialista e a súa intención sempre fora crear unha cidade utópica onde se eliminaran as clases sociais, por iso Brasilia tamén foi coñecida como Capital da Esperanza. Esa idea non foi máis alá do período de construción, no que obreiros e empresarios convivían de maneira igualitaria. Logo converteuse nunha cidade máis do Brasil: repleta de grandes diferenzas sociais, cunha urbe rica e unha periferia terriblemente empobrecida. Como sempre, as opinións defiren tamén neste tema: mentres moitos din que a utopía de Kubitschek se fixo realidade, as estatísticas quítanlle a razón.
Con 53 anos ás súas costas, Brasilia segue inspirando sentimentos que bailan entre a fascinación e o desgusto, pero a perfección da súa arquitectura e o espírito vangardista que posee perduran no tempo.