AS Mónaco, a renovación dun histórico

Mónaco volve ser de Primeira. O equipo da cidade dos casinos, dos iates e de Grace Kelly, o AS Mónaco, acadou o pasado sábado 11 de maio o ascenso á máxima categoría de fútbol profesional francesa, a Ligue 1. Conseguíao a domicilio, no feudo do Olympique de Nîmes, e cun solitario gol de Ibrahima Touré nas postrimerías do encontro. Á falta de dúas xornadas para o remate da competición, o Mónaco atopábase matemáticamente ascendido. Case dous anos despois do seu dramático descenso, un dos grandes do fútbol francés regresaba ao seu lugar.

Mais para isto foi necesaria unha completa renovación dun equipo que soñaba con épocas de glorias pasadas ante un presente pouco esperanzador. Trece anos leva a entidade monegasca sen alzarse con ningún título, e xa van nove dende aquela fatídica final de Champions na que perderon por 3-0 ante o fantástico FC Porto de Deco e Mourinho. Polo camiño quedaran Lokomotiv de Moscú, Real Madrid e Chelsea, pero na final de Gelsenkirchen, o equipo do Principado non foi quen de vencer a un FC Porto que se corou campión de Europa con relativa facilidade despois de deixar atrás ao Manchester United, ao Olympique de Lyon e, como ben recordamos aquí en Galicia, ao Deportivo da Coruña.

Dado Prso, Ludovic Giuly e Jérôme Rothen. Foto: fifa.com

Dado Prso, Ludovic Giuly e Jérôme Rothen. Foto: fifa.com

O núcleo dese equipo dirixido por Didier Deschamps foise desintegrando pouco a pouco. Xogadores como Evra, Giuly, Adebayor, Plasil ou Morientes deixaron o equipo nos anos seguintes, e o propio Deschamps lle deixaría o seu posto a Jean Petit en 2005. O ano seguinte, o Mónaco caeu eliminado en octavos de final por un rival directo na liga francesa, o París Saint Germain. Esta é a última participación na máxima competición europea do equipo monegasco. Dende esa temporada, comezou unha etapa gris que rematou co descenso a Ligue 2 en 2010, despois dunha temporada desastrosa. Non foron poucos os xogadores de primeiro nivel que pasaron polo equipo neses anos, como Yayá Touré, Ménez ou Nené, os que aproveitaron o seu bo rendemento para conseguir unha praza en equipos de primeiro nivel europeo, algo que o Mónaco xa deixara de ser.

O primeiro ano na Ligue 2, correspondente á tempada 2011/2012, resultou ser pésimo. O equipo entrenado por Marco Simone non se adaptou á categoría e só conseguiu un oitavo posto ao final da liga. Nin a volta dunha das grandes figuras do equipo que chegara á final da Champions, Ludovic Giuly, fixo que o equipo respondese como era debido. Mais a revolución estaba preto. En decembro de 2011, mediada a tempada, o ruso Dmitry Rybolovlev adquiriu o 66% das accións do equipo, negociando incluso co príncipe Alberto de Mónaco, socio da entidade. Rybolovlev, unha das cen maiores fortunas do mundo segundo Forbes, forxou o seu imperio aproveitando as oportunidades de negocio xurdidas nos estertores finais da Unión Soviética e entre os seus haberes áchase o ser o accionista maioritario do Banco de Chipre. Así pois, este magnate con vocación filantrópica fixouse como obxectivo devolver o Mónaco á primeira liña de fútbol mundial.

De cara a campaña 2012/2013 produciuse unha renovación total do equipo. Marco Simone deixou de ser o responsable de dirixir ao conxunto e no seu  lugar chegou un vello coñecido do fútbol europeo, Claudio Ranieri. Armouse un bloque compacto conformado por xoves xogadores da canteira, aos que se sumaron futbolistas veteranos máis experimentados e algunha fichaxe a golpe de talonario, coma o arxentino de River Plate, Lucas Ocampos. Esta promesa de tan só 18 anos chegou a Montecarlo previo pago de catorce millóns de euros a River, convertíndose na fichaxe máis cara da historia da Ligue 2. Os resultados foron chegando paulatinamente e, de momento, o primeiro obxectivo xa se cumpliu, o ascenso a Ligue 1. Pero a historia promete non quedarse só niso.

A promes arxentina Lucas Ocampos. Foto: pasionmonumental.com

A promes arxentina Lucas Ocampos. Foto: pasionmonumental.com

Se o orzamento do equipo para competir en segunda división era de vinte millóns, o ano que vén o Mónaco disporá de 200 millóns de euros nas súas contas, un orzamento dos máis elevados de Europa. Para comparar, cómpre ter en conta que o actual finalista da Champions, o Borussia Dortmund, dispón de arredor de 100 millóns de euros para esta tempada. O mercado de fichaxes deste verán promete estar movido, pois parece que Rybolovlev non vai escatimar recursos á hora de reforzar a súa plantilla no asalto ao trono da Ligue 1. De momento, parece que a primeira fichaxe de renome está ao caer, e que será o dianteiro colombiano do Atlético de Madrid, Radamel Falcao. Onte mismo, Danijel Subasic, gardameta do equipo, asegurou en Twitter que “Falcao é noso ao 90%”. Á falta de confirmación, este sería o primeiro fichaxe dun club que soa como destino para un bo número de futbolistas coma son Higuaín, Víctor Valdés, Dani Alves, Carlos Tévez, Wayne Rooney, Isco, Alessandro Matri e, prácticamente, calquera xogador destacado que non teña confirmado onde xogará o próximo ano.

Seguindo o camiño percorrido por outros multimillonarios como Sulaiman Al-Fahim no Manchester City, Abramovich no Chelsea, ou Nasser al-Khelaïfi no rival París Saint Germain, Rybolovlev pretende devolver ao Mónaco e aos seus aficionados ás épocas douradas de Wenger nos oitenta e noventa e, posteriormente, Deschamps a comezos de século. Xogadores do calibre de George Weah, Youri Djorkaeff e Lillian Thuram, ademais duns inexpertos Thierry Henry e David Trezeguet, lideraron a este equipo durante eses anos. Queda por ver quen serán as estrelas deste proxecto, que a ben seguro traerá tardes de fútbol de primeiro nivel a un Stade Louis II orfo de espectáculo. Porque no fútbol, pode que o diñeiro non asegure a felicidade nin os éxitos, pero si que os achega, e moito.

Ibrahima Touré, autor do gol do ascenso á Ligue 1. Foto: AS Monaco

Ibrahima Touré, autor do gol do ascenso á Ligue 1. Foto: AS Monaco

Foto de portada: www.marca.com