As dez maiores remontadas da historia do deporte

Tras uns días onde a prensa deportiva tan só falou das fallidas remontadas históricas do Real Madrid e Barcelona nos seus partidos da Liga de Campións, en Compostimes animámonos a traérvos algunhas remontadas que si ocorreron de verdade. Estas son para nós as dez mellores:

10) Deportivo da Coruña 4-0 Milan (Fútbol, 2004)

O Deportivo viña de caer por catro goles a un en Milan no partido pertencente a ida dos cuartos de final da Liga de Campións da temporada 2003/2004. Os dous goles e gran partido de Kaká deixaba ós deportivistas practicamente sen opcións para o partido de volta. Javier Irureta dicía daquelas: “É unha tarefa difícil e desafiante. Pero no fútbol ás veces ocorren milagres, cousas que escapan á razón”.

No partido de volta o Deportivo xa vencía ó remate dos primeiros corenta e cinco minutos por 3 a 0. Os goles de Pandiani, Valerón e Luque puñan ó conxunto coruñés nas semifinais da Champions, refrendando Fran na segunda parte a clasificación co cuarto gol para o Deportivo. Irureta acabaría ese ano facendo o camiño de Santiago.

9) Portugal 5-3 Corea do Norte (Fútbol, 1966)

Cuartos de final do Mundial de Inglaterra no 1966. A sorpresa do torneo, Corea do Norte, enfróntase á Portugal do Eusebio. Ós 25 minutos de partido a selección norcoreana xa leva 3 goles no marcador ante a satisfacción do dictador Kim Il-sung nas gradas. Pero é o turno da “Panteira Negra”. Eusebio asume o mando e anota catro goles que levan á selección portuguesa a darlle a volta ó encontro. O quinto gol, anotado por Jose Augusto, sentenciaba un dos primeiros choques emitidos integramente en cor.

8) Philadelphia Flyers 4-3 Boston Bruins (Hockey sobre xeo, 2010)

Semifinais da conferencia Este dos Playoffs na NHL. Tras dar a sorpresa na primeira rolda vencendo a rivais a priori máis fortes, Philadelphia Flyers e Boston Bruins enfróntanse nunha serie ó mellor de 7 partidos. Os 3 primeiros partidos vénceos con comodidade Boston, mais cando a serie parece sentenciada no cuarto partido, Philadelphia consegue mandalo á prórroga e vence. Volven a vencer os dous seguintes partidos e os Flyers chegan ó 7º con empate a 3 na eliminatoria.

O derradeiro partido parecía gañado por Boston xa que conseguía poñerse por riba no marcador vencendo por 3 goles a 0. Philadelphia anotaba catro goles e remontaba o partido e a eliminatoria. Espectacular último partido. No seguinte vídeo podedes ver o sentimento da xente coa remontada.

7) Duke 98-Maryland 96 (Baloncesto, 2001)

A falta de 55 segundos para o remate Maryland vence por 10, cun resultado de 80 a 90. Duke, comandada por Shane Battier, Carlos Boozer e Mike Dunleavy parece que ten pouco que facer. Pero é o momento de Jay Williams. 8 puntos e 2 roubos, xunto con 2 tiros libres de Nate James conseguen o imposible e Duke logra forzar a prórroga.

No tempo extra, Duke logrou a proeza e venceu. Jay Williams sería escollido co nº2 do draft ese ano, mais un accidente cunha moto cortaría a súa progresión. Para o recordo, este vídeo onde el practicamente só manda un partido perdido á prórroga.

6) Milan 3-3 Liverpool (Fútbol, 2005)

Final da Liga de Campións do ano 2005. O Milan vence ó descanso por 3 a 0 grazas a dous goles de Hernán Crespo e un inicial obra de Paolo Maldini. Pero na segunda parte todo vai cambiar. En seis minutos máxicos o Liverpool empata o partido cos goles de Gerrard, Smicer e Xabi Alonso. O partido acabaría nos penaltis, onde o erro de Shevchenko levaba a Copa de Europa á cidade de Liverpool.

5) Lasse Viren nos 10.000 metros dos Xogos Olímpicos de Múnich (Atletismo, 1972)

Tras un discreto 17º posto no Europeo do ano 1971, Lasse Viren arrancaba os Xogos Olímpicos de 1972 contando nas quinielas de moi poucos. Aínda así, o prometedor finés vencía ós seus 23 anos nunha das probas máis complexas do atletismo, os 5.000 metros. Poucos días despois tiña a oportunidade de volver vencer e facer historia na outra proba na que ía participar, os 10.000. Viren partía aí xa como un dos favoritos, mais cando discorría pola duodécima volta, pasou o que ninguén esperaba. Un tropezón co corredor de adiante mandábao ó chan. A priori aí acababan as opcións de Lasse Viren do dobrete nas dúas probas de fondo no estadio. Pero o finés non dixera aínda a última palabra. Levantouse e correu como nunca superando rival tras rival. O último era o belga Emiel Puttemans. Viren pasaba a meta en primeira posición e lograba o récord do mundo nos 10.000 ante o estoupido do estadio olímpico.

4) Frank Reich (Fútbol Americano, 1984-1993)

1984. Partido universitario de fútbol americano. Miami vence por 31 a 0 a Maryland ó descanso. Na última xogada do encontro Frank Reich, o quarterback da universidade de Maryland, lanza un balón longo que Greg Hill converte en touchdown. O partido é de Maryland grazas ó 42 a 40 final. Este partido constitúe ata o día de hoxe a maior remontada nun partido de fútbol americano universitario.

1993. Houston vence a Buffalo por 35 a 3. Pero o quarterback de Buffalo é Frank Reich, o heroe daquel partido universitario de 1984. Pouco a pouco os seus comezan a remontar ata que o conseguen. O partido acaba cun resultado final de 38 a 41. Frank Reich volve conseguilo de novo, desta vez establecendo o récord da maior remontada nun partido da NFL.

Hoxe en día, Frank Reich traballa como motivador persoal. Co seu historial, como para ser outra cousa.

3) Indiana Pacers 107-105 New York Knicks (Baloncesto, 1995)

9 segundos xeralmente dan para pouco. A Reggie Miller déronlle para anotar 8 puntos e remontar o partido que enfrontaba ós seus Indiana Pacers fronte ós poderosos New York Knicks. Era o partido inaugural da segunda rolda dos Playoffs, un partido que resultaría decisivo para o devir da eliminatoria xa que os Pacers acabarían vencendo por 4 a 3 e pasando ás finais de conferencia.

Por favor, vexan isto. Non hai palabras para definilo. It’s Miller Time.

2) Charlton Athletic 7-6 Huddersfield Town (Fútbol, 1957)

Partido correspondente á segunda división inglesa na temporada 1956-1957. O Huddersfield estaba adestrado nese partido polo que logo se convertería en lenda do Liverpool Bill Shankly. O partido comezaba ben para eles xa que no minuto 63, a vintesete do final, o Huddersfield vencía por 1 a 5. Cando todo parecía sentenciado, un gol de Ryan e catro de Johnny Summers en cuestión de quince minutos dábanlle a volta o marcador e puñan o 6 a 5 no encontro.

Os xogadores do Huddersfield non crían o que pasaba, pero Shankly, un veterano do fútbol, recordoulles que quedaban dez minutos e había que ir a por todas. O Huddersfield volvía lograr o empate grazas a un gol de Howard, mais un derradeiro gol de Ryan para o Charlton co tempo cumprido daba lugar a unha das remontadas máis grandes na historia do fútbol.

O partido remataba cos afeccionados do Charlton manteando ós seus sobre o céspede do estadio mentres Shankly e os seus aínda non crían o que acababa de pasar.

1)Boston Red Sox 4-3 New York Yankees (Béisbol, 2004)

Os Red Sox e os Yankees enfrontábanse nas Series polo Campionato (o equivalente na NBA a unhas finais de conferencia) noutra oportunidade máis para desfrutar da maior rivalidade histórica existente nos Estados Unidos. As series comezaban ben para os de New York tras gañar os tres primeiros partidos nunha serie na que partían como favoritos. Todo parecía feito, máis cando no cuarto partido desde o principio mandaban no marcador. Achegábase o final do partido e Boston achegábase no marcador. Na xogada decisiva, na 12ª entrada, un home run histórico de David Ortiz lograba o imposible e Boston vencía o partido. Os tres seguintes foron un acto de crenza máxima para os de Boston. O 4 a 3 final convertíase en realidade.

Boston accedía ese ano de novo ás Series Mundiais (o equivalente á Final NBA) e vencía a St.Louis por 4 partidos a 0, logrando deste xeito un título que se lle resistía desde 1918.

BONUS TRACK) Houston Rockets 81-80 San Antonio Spurs (Baloncesto, 2004)

13 puntos en 33 segundos para gañar o partido. Tracy McGrady. Gústelles ou non o baloncesto, véxano. A exhibición máis espectacular sobre un parqué.

Recordades máis remontadas históricas? Algún partido digno de mención? É hora de que o compartades!

Foto de portada: pasedeldesprecio.blogspot.com