A delgada liña entre o desenvolvemento e a ruptura

Como estudante da Universidade de Santiago de Compostela, son un fiel cliente da Renfe. Nos meus percorridos polo interior galego, no medio das fragas que separan os meus destinos de Ourense ou Compostela, adoito pensar con frecuencia na estreita liña que separa o desenvolvemento económico como medio de modernización dun país e a ruptura cun mundo, o medio rural, que forma unha parte moi importante da realidade galega, como unha perspectiva máis dende a que concibimos un territorio coma Galicia. Agora bulen polo meu maxín unha serie de acontecementos recentes que fan que cavile máis neste tema: un traballo sobre as diferenzas na comunicación entre o rural e o urbano, moitas conversas diarias e unha imaxe por riba de todo. Unha imaxe que albisquei pola fiestra do tren o pasado domingo, unha desas instantáneas que un bo fotógrafo podería transformar nun World Press Photo. Vin unha señora que apoiaba a caluga sobre unha peta fendida na terra mentres ollaba ao tren Avant devorar a liña ferroviaria a douscentos quilómetros por hora.

 O outro día abrin o xornal e vin o informe da empresa INECO, un departamento de enxeñería do transporte dependente do Ministerio de Fomento, no que lle recomendaba á administración central pasar a tesoira por aquelas liñas de tren consideras como ineficientes. Como non, a palabra ineficiencia moitas veces ligada á infraestrutura galega, acompañaba a 49 frecuencias ferroviarias en Galicia.

renfe

laopinioncoruna.es

 Ourense-Monforte-Ponferrada, A Coruña-Lugo-Monforte, A Coruña-Ferrol, Ourense-Puebla de Sanabria e Vigo-Ourense son firmes candidatas á desaparición. Unha ocupación inferior ao 15% outórgalles un  billete sen volta a Recorteland. Dito informe afirma que, por exemplo, no caso de Vigo e Ourense existen amplas posibilidades de transporte en autobús por un prezo similar. Pero se falamos do traxecto Ourense-Sanabria, Ineco aposta porque a Xunta reforce ás liñas de autobuses. É dicir, a pelota ao teito das autonomías. Non queda aí o conto. Renfe dá a posibilidade ás Comunidades Autónomas de sufragar os servizos que presumiblemente van ser eliminados.

 Unha comisión parlamentaria no Congreso dos Deputados o 13 de marzo de 2013, presidida polo deputado popular ourensán Celso Delgado e coa comparecencia da secretaria xeral de Transportes Carmen Librero Pintado, puxo a debate todas estas resolucións, incluido un punto do día que puña énfase na situación particular de Galicia. A intervención da deputada do BNG, Rosana Pérez Fernández, tiña tintes pitonescos: No queda claro que se vayan a garantizar los servicios que ahora se contemplan en Galicia (…) Si no se invierte en las líneas, si no se mejoran los horarios y las frecuencias difícilmente se podrán mantener muchas en el futuro y se acabará concluyendo su supresión en el futuro.

Este é o novo debuxo ferroviario de Galicia. As consuecuencias destes recortes, independentemente da súa conveniencia ou viabilidade, é un illamento paulatino das pequenas poboacións galegas como As Neves, Ribadavia, Porriño, Betanzos, Pontedeume ou Sarria, que quedarán sen servizo de trens.

781_mg_5470

laregion.es

 Galicia ten unha serie de particularidades xeográficas á vista de todos. Estase a seguir un modelo no que as grandes urbes son as máis primadas. As inversións en desenvolvemento non chegan apenas a este tipo de territorios. Existe un polarización paulatina dos medios rural e urbano, en grande parte por accións coma esta de Fomento. A despoboación da Galicia rural é un feito e o recorte de servizos básicos non é un aliciente para a súa solución. Se o que se quere é a vertebración do territorio hai que elaborar un plan de reforma, viabilidade, fomento e desenvolvemento desa Galicia con frecuencia esquecida. As potencialidades dos núcleos rurais son moi grandes. A aposta pola modernización do sector agrario ten moitas complexidades, sobre todo a estrutura da propiedade (o minifundismo), pero é un desafío que podería reportar riqueza, postos de traballo autóctonos e desenvolvemento para todos en xeral, e para o rural en particular.