Willie Green, o xogador ó que o baloncesto lle roubou o sorriso

Cando o comisionado da NBA pronunciaba o nome de Willie Green escollido polos Seattle Supersonics no número 42 do draft do ano 2003 o soño doutra promesa estadounidense convertíase en realidade. Proveniente da pequena universidade de Detroit Mercy, onde outrora xogara o gran Dave Debusschere, Green era traspasado o mesmo día do draft ó que sería o seu equipo durante a maior parte da súa carreira NBA, os Philadelphia 76ers.

Tras uns primeiros anos onde Green asomaba como un dos xogadores referencia para o futuro dos Sixers xunto a Sammy Dalembert, pronto adecuou a súa carreira a ser un revulsivo desde o banco. Cun depurado lanzamento desde a esquina, desde os seus inicios Green destacou polo seu aspecto alegre e despreocupado, sempre cun sorriso para calquera compañeiro, rival ou afeccionado. Era a alma dos 76ers xunto a Dalembert, tanto nos seus primeiros anos con Iverson loitando por todo… como nos seus últimos con Iguodala loitando por algo menos.

Willie Green intenta taponar a Rodney Stuckey

Willie Green intenta taponar a Rodney Stuckey

Pero sete anos en Philadelphia foron suficientes para Green. Louis Williams ocupara o seu posto de revulsivo desde o banco e el debía saír do equipo. Tomouno como el sabía, con filosofía, e meses despois volvía ser a alegría doutro equipo, neste caso o comandado por aquelas por Chris Paul, os Hornets de New Orleans. Aí foi onde sucedería o desastre que lle cambiaría a vida ó bo de Green. O seu mellor amigo e á vez curmán Ben Green, quen comezara con Willie na universidade de Detroit Mercy o soño de chegar á NBA, acababa de morrer nun accidente de tráfico. Con el falecía tamén a irmá de Willie, Tamara Green. O accidente sucedía cando os dous membros da familia viaxaban a ver como cada ano o partido que Willie Green e seu equipo xogaban en Detroit fronte ós Pistons, un partido cerca de casa onde poder comer co profesional do baloncesto e desfrutar dun día en familia. Pero ese día non foi así. O baloncesto que tanto lle dera ó escolta norteamericano máis lle acababa de quitar. Desde ese momento Green pasou case un mes sen xogar. A seguinte vez que o puidemos ver na pista, Willie non era o mesmo. Cun rostro serio e desalentador, semellaba ter dez anos máis que tan só 25 días atrás.

“O seu mellor amigo acaba de morrer. Con el a súa irmá. O seu soño era xogar na NBA, non sei como estará agora nin que pensará do baloncesto…”. Estas eran as declaracións de Muhammad Abdur-Rahim, irmán do gran Shareef Abdur-Rahim e excompañeiro de Ben e Willie Green na Universidade de Detroit Mercy. O soño de Green de xogar na mellor liga do mundo pasara a ser tan só seu traballo. Acabou así a temporada en New Orleans e por evadirse de todo o sucedido, decidiu cambiar de aires. O seu destino atopouno en Atlanta. Alí estivo tamén tan só un ano. Moito máis sosegado, aportaba veteranía e puntos desde o banquiño. Pero ó rematar a temporada de novo Louis Williams cruzábase no seu camiño fichando polos Hawks e pecháballe as portas a continuar na capital do estado de Georgia.

Green é actualmente unha figura fundamental no vestiario dos Clippers

Green é actualmente unha figura fundamental no vestiario dos Clippers

Sen máis remedio que tomalo con resignación, Green tiña que de novo este pasado verán escoitar ofertas. Cara o final do verán Los Angeles Clippers interesouse por el. Sería tan só polo soldo mínimo de veterano, e xogaría tan só en canto Billups estivera lesionado. Green aceptou. Na actualidade é xunto a Hill e Billups o home que aporta experiencia, calma e madurez ó xove equipo dos Clippers. Sábese hogano un mentor e apoio no que Griffin, Jordan ou seu amigo desde New Orleans Chris Paul confían. Un veterano que traballa para un equipo con ansias de triunfo. Para isto ten un dos roles máis difíciles cos que pode lidar un profesional, xa que cando Billups falta é titular, mais se Billups está Green non xoga nin un minuto. É así porque Green é un “falso titular”, saíndo no quinteto inicial porque Jamal Crawford o prefire facer desde o banco. É un titular que cando xoga non o fai habitualmente máis de 15 minutos, e como estean Billups e Crawford, un xogador que ocupa un dos últimos postos do banco sen disputar nin un minuto. Aínda así, xogue ou non xogue, Green asúmeo con profesionalidade. Sabe que o baloncesto para el é agora mesmo algo secundario. A vida golpeouno forte no que a el máis lle gustaba. Desde aquí, o único que podemos dicirlle, e que ogallá o soño que un día tivo de neno se cumpra de maior. Ogallá Green acabe a súa carreira cun anel de campión.

Por último, aquí queda un pequeno vídeo do 12/12 sen erro que Willie Green conseguía hai pouco menos de dous anos para un total de 31 puntos fronte a Phoenix Suns, un exemplo do que o de Michigan era e é capaz de facer.

Foto de portada: www.philadunkia.com

Fotos do artigo: www.zimbio.com