Outro despropósito televisivo

Cando algo se torna en costume tendemos a prestarlle pouca atención, pero non por iso debemos deixar de denuncialo. A Liga Endesa e a súa cobertura televisiva son un claro exemplo disto. Cambios de horarios, falta de publicidade, dificultade para xerar interese ou erros coas retransmisións son algúns dos factores que inflúen nun produto televisivo en continua caída e desprestixio. A competencia do fútbol ou a falta de interese dalgúns partidos son a escusa perfecta para os operadores de televisión, pero episodios como o que vivimos onte durante o Real Madrid-Barcelona tamén axudan.

Chegaba o segundo clásico da tempada algo descafeinado, cos dous equipos cansos tralas eliminatorias de Euroliga e non querendo ensinar as cartas de cara á semifinal da Final Four en Londres. A situación na táboa tampouco era demasiado relevante, pero aínda así un partido deste calibre esixe outro tratamento. A publicidade foi escasa e a cobertura non foi nin sequera total, xa que foi retransmitido polas autonómicas. Unha cláusula do contrato televisivo non deixa ao operador principal, TVE, retransmitir o mesmo enfrontamento nas dúas voltas. Algo un tanto estraño, xa que TVE é o operador que máis cartos aporta e debería negociar estes dereitos doutro xeito.

Pero isto non foi máis que o principio. O mellor, se o tomamos con humor, aínda estaba por chegar. Na TVG2 (por onde un servidor seguiu o partido) a calidade de imaxe era bastante correcta, pero ao parecer noutras canles como Telemadrid ou TV3 a imaxe era de baixísima calidade e os xogadores aparecían a través dunha suposta néboa. A nitidez televisiva non tivo o seu punto álxido onte pola mañá, nun dos partidos que tiña que vender o produto da Liga Endesa con maior forza.

De tódolos xeitos, aínda queda por comentar o detalle máis triste da transmisión. Durante parte do encontro estivemos sen marcador, polo que a suma manual dos comentaristas era a que ía salvando a emoción. A aparición do marcador foi intermitente aparecendo por momentos o resultado, por outros o tempo e por outros directamente a incerteza de non aparecer nada. Co paso dos minutos solucionouse a incidencia e tivemos que deixar de sumar con lápis e papel no sofá das nosas casas.

Ao parecer, e polo que puidemos descubrir en Twitter aínda se produciron máis problemas como que os comentarios de TV3 se colaban na emisión de Telemadrid. A conclusión final é que onte vivimos un claro exemplo do que non debe ser unha retransmisión dun partido de baloncesto. Sen dúbida, esta non é a mellor imaxe para a Liga Endesa, que en teoría quere recuperar audiencia e non perder a pouca que ten. Con todo, e coñecendo como funcionan as cousas no panorama deportivo español e en España en xeral, non se depurarán responsabilidades de ningún tipo e continuaremos observando despropósitos deste tipo cada certo tempo. Ata que chegue un punto onde non teñan solución.

Foto de portada: El País