Oito deportes que se quedaron no camiño

Os Xogos Olímpicos paralizan o mundo cada catro anos. A súa fórmula engancha polo número de países participantes, pero sobre todo pola enorme variade de disciplinas deportivas. Con máis de cen anos de historia, os cambios no programa olímpico foron constantes. Nas próximas liñas repasaremos oito das máis curiosas, sorprendentes ou incluso extravagantes propostas deportivas que vivimos nunha cita olímpica e que na actualidade quedaron nun segundo plano.

1. Duelo con pistola

© Blog NY Times

© Blog NY Times

Aínda que moitos de vos xa imaxinedes un enfrontamento ó máis puro estilo western, non era para tanto. O duelo non era real, xa que os participantes en realidade disparaban a un boneco sobre o que había unha diana. As distancias de tiro podían ser de 20 ou 30 metros, nun deporte semellante ao tiro actual. Foi oficial en París 1900 e en Estocolmo 1912. Aínda que pareza mentira, foi dos deportes máis populares.

2. Tiro ao paxaro

tiro al pichón

@National Geographic

Só se practicou en París 1900, uns xogos olímpicos estraños xa que algunhas probas foron convocadas polo Comité Olímpico Internacional (COI) e outras polos organizadores. Fíxose famosa por ser a única disciplina onde se chegaron a matar animais, xa que desta vez si que se utilizaron paxaros vivos. As aves eran liberadas diante de cada participante e o gañador era o que derribaba maior número delas. Se deixabas escapar dous paxaros vivos eras eliminado. Ao redor de 300 aves foron sacrificadas. Un tiro ao prato bastante máis desagradable.

3. Balonmán sobre herba

20 minutos

@20 Minutos

O balonmán que todos coñecemos partiu desta disciplina. As regras eran exactamente as mesmas que as actuais, pero disputábase nun campo de herba de dimensións semellantes ás dun campo de fútbol. Foi un deporte moi popular pero só tivo unha aparición olímpica: Berlín 1936.

O tamaño da pelota era semellantes e o tempo de xogo era exactamente ó mesmo que o do balonmán indoor. Porén, aquí xogaban once e simplemente se podían realizar dous cambios. Pouco a pouco o deporte de pavillón foi gañando terreo e rematou substituíndo ó chamado balonmán sobre herba. Aínda así, o último mundial ao aire libre xogouse en 1966.

4. Subir pola corda

@Kelkoo.es

@Kelkoo.es

Ao máis puro estilo dunha proba física de oposición, os participantes tiñan que subir por unha corda utilizando as mans e os brazos no menor tempo posible. Catro aparicións no programa olímpico, entre 1896 e 1932, xa que este deporte era bastante popular por aquela época. A corda podía ter diferentes lonxitudes ou incluso diferentes diámetros. Hoxe en día, aínda se seguen disputando competicións deste tipo, pero de xeito moito máis illado.

5. O xogo da soga

@Getty Images

@Getty Images

Dous equipos formados por oito homes e unha corda da que tirar cara o teu lado. Era un dos deportes máis famosos dos Xogos Olímpicos orixinais da antiga Grecia, e tomouse prestado para os primeiros Xogos Olímpicos da era moderna. Dende París 1900 ata Amberes 1920 nunca abandonou o programa. Para decidir a contenda, un equipo debía facer avanzar ao outro seis metros. En caso de pasar cinco minutos sen que ninguén o lograra, o equipo que máis preto estivera delo era declarado gañador.

6. Salto de altura a cabalo / Salto de lonxitude a cabalo

@Getty Images

@Getty Images

Nos curiosos xogos de París 1900, as modalidades ecuestres tiveron unha importancia clara. O sistema era exactamente o mesmo que o do salto de altura actual ou o do salto de lonxitude, pero neste caso os atletas debían facelo subidos enriba dun cabalo. Foron unhas probas curiosas e incluso moi emocionantes. Os participantes das dúas probas, como era bastante evidente, foron practicamente os mesmos.

7. Tiro ao cervo

@Tic Sports

@Tic Sports

Neste caso, ningún animal sufriu danos innecesarios por esta proba. Para practicar este deporte, instalábanse unhas dianas móbiles con forma de animal que se movían para despistar aos tiradores. Mentres se producía ese movemento, o participante debía disparar unha ou dúas veces, dependendo da modalidade. O cervo tiña tres dianas e dependendo do lugar onde atinabas podías sumar máis ou menos puntos. Foi un deporte con éxito ao comezo do século XX, xa que se mantivo presente entre 1908 e 1924. Despois, foi recuperado en 1952 e 1956 para acabar desaparecendo do programa olímpico.

8. Pelota vasca

@El País

@El País

Debutou tamén en París 1900 e non volveu a aparecer polo programa olímpico. Aínda así, usouse como deporte de exhibición nos Xogos de 1924, 1968 e 1992. A pesar dos moitos problemas para recoñecer os resultados destes xogos, os españois Amezola e Villota foron os que se levaron o torneo. Polo tanto, son os primeiros campións olímpicos modernos para a historia nacional.

En conclusión, oito historias curiosas que serven para ilustrar unha competición moi grande e con moitas particularidades. A emoción, a loita e o espírito de superación tamén estaban presentes nestes deportes, que con máis ou menos sorte pasaron polo programa olímpico. Aínda que agora, moitos deles, simplemente nos axuden a esbozar un sorriso.

Fonte: Topendsports. Onde podedes atopar tódolos os deportes que deixaron de ser olímpicos. Buscade, que seguro que a vosa curiosidade vos leva a atopar cousas dignas de mención