O peso dun caravel

A revolución dos caraveis é o produto que todo publicista soñaría con vender. Os acontecementos que sacudiron a Portugal salazarista o 25 de abril do 1974 son esteticamente perfectos. A imaxe dos caraveis pendurando dos rifles paralizados dos soldados é a plasmación perfecta da revolución pacífica. Os dous himnos por excelencia daquel día, E depois do adeus e a inmortal Grândola Vila Morena de Zeca Afonso son dúas das cancións máis fermosas da música portuguesa, con permiso das fadistas e de Rui Veloso. O 25 de abril ten o seu heroe, o mítico capitán Salgueiro Maia, que cercou o pazo onde se refuxiaban os líderes da ditadura e se encarou cos xenerais salazaristas a risco de perde-la vida, para despois do triunfo da revolución volver humildemente á súa división. Tamén ten un inimigo ben identificado: o ditador Marcelo Caetano e os demais xerarcas do Estado Novo, unha ditadura corporativista con aires fascistas que levaba  intacta dende 1926.

Non obstante, este acontecemento ten, como todo, as súas sombras. A chuvia de caraveis que recibimos neste día polas rúas e polas redes sociais empapa certos aspectos do 25 de abril e os tumultuosos anos que o sucederon ata facelos irrecoñecibles e descoñecidos. Aínda que nos embriague a emocionada voz de Zeca Afonso, non convén esquecerse dos pétalos murchos que ten este caravel primaveral.

A revolución dos caraveis non foi un levantamento espontáneo do pobo portugués…

… senón máis ben un golpe de Estado militar. Un golpe de Estado que derrocou a un goberno ditatorial, corrupto e absolutamente anacrónico, pero unha asonada a fin de contas. Antes de que os portugueses saísen ás rúas caraveis en man, vendo que os cimentos do Estado Novo estaban a caer, foi un grupo de 300 oficiais de baixa graduación do Exército, o Movimento das Forças Armadas (MFA) quen ocupou os puntos estratéxicos da cidade de Lisboa e provocou a rendición do alto mando salazarista tralo asedio ós ministerios situados no lisboeta Terreiro do Paço.

Os motivos que levaron ó MFA a erguerse en armas eran moi variados, dado o estado de descomposición total da ditadura portuguesa. O máis evidente era o empeño de Caetano en mante-las guerras coloniais que estaban a desangra-lo pobo portugués e as súas arcas públicas, de cuxos fondos as loitas africanas extraían a metade. Apúntase tamén, en clave interna do exército, a unha polémica lei que pretendía pasa-lo ditador e que, grosso modo, igualaba as remuneracións das milicias e dos militares de carreira para indignación destes últimos.

800px-25_Abril_1983_Porto_by_Henrique_Matos_01

O substituto do ditador Caetano foi un militar dereitista

O ditador Marcelo Caetano, coma o pequenote ferrolán, tamén deixou todo atado y bien atado antes de marchar ó exilio brasileiro. Acordou co MFA que o seu substituto sería António de Spínola, o segundo militar de máis alta graduación que había en Portugal. A Spínola, como bo militar de alto rango, gustáballe a orde e desgustábanlle as revolucións. Porén, gañara certa fama de subversivo por intentar poñerlle certo sentidiño na cabeza a Caetano e convencelo de que as guerras de Angola e Mozambique eran tan ridículas e custosas como intentar apaga-lo Sol.

Spínola durou pouco como presidente da Junta de Salvaçao Nacional, máximo órgano de goberno da Portugal revolucionaria formada integramente por militares. Os seus conmilitóns no MFA eran esencialmente esquerdista e Spínola non tiña nada diso na cabeza. Así, en setembro do ano 1974 tentou convocar unha manifestación en Lisboa contra o crecente poder dos comunistas, apelando a unha maioría silenciosa que estaba en contra das políticas revolucionarias. O intento foi boicoteado pola esquerda, converteuse nun clamoroso fracaso e Spínola dimitiu. Mais por pouco tempo.

Tal e como conta o xornalista alemán Günter Wallraff en O xornalista indesexable, en marzo de 1975 o primeiro líder supremo da revolución dos caraveis atopábase pedindo a quen llo quixese suministrar “6.000 fusís e pistolas ametralladoras, 11 millóns de cartuchos, 10.000 granadas e 350 morteiros”, amais de dez millóns de marcos alemáns. O típico pedido que se fai por Amazon, va. Spínola presumía de ter “cen mil homes que non son ningúns principiantes” para dar un putsch que devolvese as cousas ó seu estado natural, enténdase de antes do 25 de abril. A tentativa, afortunadamente, fracasou, pero deixounos un amargo retrato do primeiro presidente da Junta de Salvaçao Nacional

Quen “mais ordenava” non tiña ningunha intención de convertir Portugal nunha democracia

Alomenos non nunha democracia parlamentaria ó estilo occidental. Fagamos unha panorámica da Portugal posrevolucionaria. Os partidos políticos, despois de case 50 anos de ditadura, estaban loxicamente desaparecidos en combate. Todos menos un: o Partido Comunista Portugués (PCP) que controlaba boa parte do MFA baixo a batuta do xeneral Vasco Gonçalves. Outra parte do MFA, a dirixida por Otelo Saraiva de Carvalho, tiraba máis cara o maoísmo ca cara o leninismo clásico. Con Portugal controlada por un grupo de militares filocomunistas, xurdiu o caos. Como relata a xornalista Oriana Fallaci, “o exército deixara de existir. Nin sequera existía xa o Estado. Os prófugos ocupaban os bancos, os curas organizaban motíns, os soldados negábanse a actuar de soldados”. Os obreiros que simpatizaban co PCP, convencidos que encarnaban aquel “povo que mais ordena”, pedían delirantes subidas de salarios a fin de afundi-las empresas e pavimentar o camiño cara a revolución comunista. Otelo deixara escapar da cadea ós revolucionarios máis violentos para estudar marxismo con eles.

Os marxistas atopaban na estrutura corporativista do Estado Novo un esquilete perfecto sobre o que construí-lo seu propio Estado Novo Socialista. A organización vertical xa a tiñan, agora só quedaba xira-lo sentido das ordes e facer que emanasen dende abaixo cara a arriba. Fallaci explica como “os mesmos militares que durante corenta anos respectaran a columna vertebral do fascismo enarbolaban, repentinamente, a bandeira do antifascismo, e constituíanse en titores da liberdade”. Portugal era a terra prometida do travestismo político.

Un bo xeito de entende-la política lusa daqueles tempos é coñecendo ó secretario xeral do PCP, Álvaro Cunhal. Cunhal era abertamente estalinista, un político cunhas ideas dos primeiros anos 50 que mantivera crioxenizadas ata estes anos 70. Unha das súas grandes virtudes, iso si, era a sinceridade. Cunhal ía sempre de cara. Apoiaba abertamente a invasión soviética de Checoslovaquia da primavera do 68 e situábase moito máis preto ideoloxicamente do albanés Enver Hoxha e do checoslovaco Gustáv Husák ca dos eurocomunistas de España, Italia e Francia, coma Santiago Carrillo, que buscaban integrarse na democracia burguesa. Álvaro Cunhal odiaba a democracia, pois para el perpetuaba a opresión da burguesía. Nunha entrevista á Fallaci en 1975 afirmou que “Portugal non será un país con liberdades democráticas” e prometeu que no seu país “non habería parlamento”.

PCP_nas_fabricas_Henrique_Matos

Ó secretario xeral do PCP non lle gustaba a democracia, como tampouco lles gustaba ós militares afíns do MFA nin, como xa vimos, ós dereitistas coma Spínola. A pesar deles, ó 25 de abril seguinte, o de 1975, celebráronse eleccións democráticas á Asemblea Constituínte. Os resultados son claros: un 38% dos votos para o Partido Socialista de Mário Soares, partidario dunha socialdemocracia ó estilo europeo occidental, un 27% para o conservador Partido Popular Democrático (PPD) e un escaso 12,5% para o PCP. Mais os seguidores de Cunhal non se arredaban por ese tipo de escollas burguesas. “O resultado das eleccións é incompatible coa revolución”, treboaba a voz do dirixente estalinista. Unha vez máis, Oriana Fallaci (pouco sospeitosa de dereitista) plasma maxistralmente como os comunistas dominaban a Portugal que seguiu á revolución dos caraveis.

(…) todo o mundo actuaba coma se o PPD non existise. (…) Era o Partido Comunista quen mandaba: mediante a prensa, a radio, a televisión, onde os xornalistas, fascistas a véspera, descubríranse, repentinamente, revolucionarios de estrema esquerda. Mandaba mediante un sindicato único, que non fora elixido polos obreiros e convertía o primeiro de maio nunha propiedade persoal súa. Mandaba mediante milicias armadas de contestatarios que non ousaran, baixo Caetano, permitirse ningún xesto de audacia. Mandaba mediante o exército, co cal estaba en segreda alianza. Se ós comunistas non lles gustaba un xornal, os militares pechaban o xornal. Se os comunistas non querían a Asemblea Constituínte, os militares declarábanse contrarios á apertura da Asemblea Constituínte. Unha a unha ían caendo, coma dun colar roto, as liberdades regaladas. Non subsistía máis ca a liberdade de palabra, mais a xente temía xa dici-lo que pensaba. As críticas facíanse polo baixo, paseando polo redor unha mirada recelosa e inqueda.

A liberdade de prensa estaba moi limitada

Desaparecera nominalmente a censura, si. Pero das últimas frases da anterior cita pódese deducir que a Portugal de 1975 non era, precisamente, o paraíso da liberdade de expresión. Un suceso concreto exemplifica claramente o que pasou. O xornal República, afín ó Partido Socialista, atrevíase a atacar (en palabras de Cunhal) ó Partido Comunista. Non podía, por tanto, durar moito. O 2 de maio de 1975, os tipógrafos do diario, adscritos na súa maioría ó PCP, secuestran na redacción ó director e ós redactores do xornal, esixindo que sexan substituídos por outros do seu gusto. República non era abondo comunista para a liberdade de expresión que había en Portugal.

A historia sobre como se saíu desta situación, chegando á conformación da República Portuguesa que agora coñecemos, abondaría para outro artigo. Mais hoxe, 25 de abril, non se celebra o alzamento do pobo, democraticamente concienciado, contra unha ditadura opresora. O Estado Novo salazarista era un enxendro doutra época que debía caer, mais os “bos” desta historia non están tan claramente perfilados. Miremos dúas veces ese caravel antes de colocalo na chaqueta.