O mellor partido da historia que ninguén nunca viu
Un martes calquera, o Barcelona xoga contra o Bayern de Munich un partido de Champions League. O Bayern vai gañando por 0-1 e domina o encontro sen apenas deixar respirar aos cataláns. TVE a falta de dous minutos decide deixar de emitir o partido debido a que parece que xa está todo decidido. A primeira tiña programada para as dez e media a estrea dunha gran produción cinematográfica e contaba con emitila puntualmente. O partido alóngase un pouco e por un erro TVE corta a emisión e dá comezo á película. De repente e sen ser emitido, o Barcelona neses dous minutos que quedaban remonta o partido e gaña por 2-1. Imaxínanse o que pasaría? A indignación da xente chegaría lonxe. Varios cargos de TVE terían que dimitir e as queixas cara a cadea pública serían portada dos medios deportivos.
Era o 17 de novembro do 68. Hai xa case 45 anos. Aquí é unha data que vemos lonxe, pero nos Estados Unidos xa estaban máis que acostumados a retransmitir deportes na televisión. A NBC emitía a media tarde o New York Jets – Oakland Raiders, un partido de fútbol americano. Ás sete da tarde (no tempo da costa atlántica) estaba programada a emisión da película Heidi. Os directivos ordenaran que a película tiña que empezar a tempo, e de feito moitos telespectadores chamaron aos estudios da cadea para preguntar pola programación, saturando os teléfonos da cadea.
A última hora os directivos rectificaron pero os encargados de pór no aire a programación da NBC non recibiran ningunha notificación polo colapso das liñas telefónicas, polo que seguiron adiante coa puntualidade prevista para Heidi. Restaba tan só un minuto para rematar o partido e o resultado era de 29-29 entre Jets e Raiders, o que facía presaxiar que o final sería de infarto se non había prórroga. Quedaba un minuto e cinco segundos e os Jets marcaron un field goal desde 26 iardas que presaxiaba que os de New York tiñan o partido xa practicamente decidido, 32-29. É xusto neste momento cando a NBC corta a emisión.
O partido parecía que xa non ía mudar, para alivio dunha televisión que senón tería que dar un feixe de escusas. A falta de 42 segundos, unha carreira dos Raiders de 43 iardas poñíaos por diante, 32 a 36 era o resultado agora. A remontada estaba feita. Pero a cousa non quedou aí, pois na xogada de saque de volta un fumble (caída do balón ao chan onde calquera xogador pode recuperalo) provocaba que os Raiders volvesen a anotar outro touchdown. O resultado final foi de 32-43.
Este partido cambiou o modelo de retransmisións da televisión americana, e desde aquela preferiuse esperar ata o final para cortar o sinal televisivo, anunciando os eventos vindeiros sen ningún horario fixo, tan só avisando que estes serían emitidos ao finalizar o partido. Aínda hoxe en día os Raiders teñen na súa páxina web titulado ese partido coma “Os Raiders venceron aos Jets no mellor partido que ti nunca viches”. Foi elixido tamén coma o mellor partido de temporada regular da historia da NFL. Para sempre será recordado coma o Heidi Game.