O día que o Anllóns dixo si á vida

Un fantasma percorre as terras de Pondal, os vales de Bergantiños, as revoltas do Anllóns, o monte Branco, Dombate. Ese fantasma ten alento de cianuro e chámase Edgewater”. Así comeza o manifesto, obra do escritor carballés Xurxo Borrazás, ao que se deu lectura o pasado domingo 7 de abril, pouco antes das 12, na praza do concello de Cabana de Bergantiños. Daban voz a este discurso, a xeito simbólico, tres veciños de Cereo e Corcoesto, parroquias máis afectadas polo proxecto; ante unha casa consistorial asediada por máis dun cento de vehículos. Acudían á chamada á tractorada mixta da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

IMG_9742

Automóbiles e tractores poñíanse en marcha pouco despois das 11 na vila de Ponteceso, alí por “onde o Anllóns con nobre maxestade / camiña ao seu destino derradeiro”, como Eduardo Pondal, o bardo de Bergantiños, definira con mestría moitos anos antes. Á beira destes últimos tramos do río Anllóns, en dirección ao lugar de A Carballa, onde se sitúa o concello de Cabana, transcorría esta caravana reivindicativa. Os vehículos, engalanados con lemas como “Por un futuro sen arsénico nin cianuro”, “A mina contamina” ou o “Ouro non se bebe”; rodaban sen présa, facendo soar as súas bucinas, baixo a chuvia miúda entre a que se coaban brancas raiolas de sol. Mais quen tamén se engalanaba para a ocasión era a desembocadura deste río bergantiñán que nace nos montes do Xalo e cuxa auga, tras pasar Corcoesto, aínda porta unha altísima concentración en arsénico -deposita no esteiro arredor de 850 kgs/ano, proporción moi superior á dos grandes ríos europeos- por mor da antiga mina aurífera, explotada polos británicos hai algo máis de 100 anos. Ao pasar Neaño, os participantes na marcha albiscaban unha sorpresa sobre o esteiro, tan rico en mexillón, berberecho ou ameixa. Máis aló da barra de area, desde a beira da Guieira até os pés do monte Branco, agardaba un arco da vella espectacular, maxestoso. Era un auténtico regalo deste paraíso natural, un “si á vida” berrado polo esteiro e reservado para os alí presentes, entre eles todos eses veciños que contra vento e marea levan meses encabezando a súa defensa.

O arco da vella, elevándose sobre a barra desde a Guieira aos pés do monte Branco

O arco da vella, elevándose sobre a barra desde a beira da Guieira aos pés do monte Branco

“Porque en Corcoesto non se pode estar con esa gran mina que queren armar”. A peza composta por Guillerme Ignacio Costa, frontman de Quempallou, sobre unha melodía recollida no lugar de Tufións (Vimianzo) comezaba a soar, a xeito de música ambiente. Mentres, a xente íase chegando á beira da casa consistorial para asistir ao acto programado pola plataforma. Escoitábanse os primeiros lemas contrarios á explotación mineira de Edgewater. Por alí deixábanse ver representantes dos dous grupos políticos que se están a amosar rotundamente en contra do proxecto. Era o caso do novo voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, e o secretario de organización, Bieito Lobeira; así como de Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez, membros de Anova e parlamentarios de AGE pola provincia da Coruña. Ademais de varios concelleiros da comarca, tamén facía acto de presenza o alcalde de Laxe polo PSdeG-PSOE, Antón Carracedo.

Os voceiros de BNG e Anova conversan nos intres previos ao acto

Os voceiros de BNG e Anova conversan durante os intres previos ao acto

Desde a plataforma quixeron destacar a súa oposición a unha “hipoteca ambiental” a cambio duns anos de “traballo precario”, e fixeron fincapé en que “non só é un problema local, dos veciños”, senón que se trata tamén dun “problema de todo o país, un problema global”; antes de dar lectura ao manifesto de Borrazás. Nel, por boca de tres veciños, a actividade mineira proxectada foi definida como “lexítima e antisocial”, xa que “non contribúe ao benestar da comunidade e só uns cantos se benefician en prexuízo da maioría”. Mediante o texto reclamouse “industria, pero industria produtiva”, así como “sostibilidade laboral e da terra”; e saíron á palestra desastres ambientais en explotacións similares, “como a do Danubio romaní no 2000, idéntica á proxectada en Corcoesto”. Por riba da crítica a Edgewater, o manifesto atacou a labor da “Xunta e os concellos afíns”, que “actúan como matóns a soldo que traizoan aos seus administrados” e definen “un roubo a cara descuberta” como “unha vitoria e un proxecto industrial estratéxico”.

DSC_0037 II

Tras o manifesto chegou unha intensa ovación e voltaron os cánticos de protesta. “Non á mina, si á vida”, tronaban decenas de voces á beira dun concello baleiro. Semellaba unha metáfora do silencio que a administración local de Cabana, segundo denunciaron os manifestantes, está a manter con respecto “aos seus administrados”, que non foron “nin escoitados nin informados debidamente”. Volvía chover miúdo e os presentes retirábanse, emprazándose para a manifestación que o próximo domingo ás 12 partirá do Haley de Carballo cara á casa consistorial da capital de Bergantiños. Desde a megafonía chegaban unhas últimas palabras animando á resistencia. “Non deixaremos a loita até parar este expolio, até deter a destrución da nosa terra”.

Os meus máis sinceros agradecementos a Uxía Estévez por tirar algunhas destas fotos e recoller os audios da vídeorreportaxe, así como a Antía Ameixeiras por auxiliarme coa edición de vídeo e audio.