Novidades que poderían ser mellores

Hai uns días regresou á escena unha das competicións máis importantes do panorama internacional: o Mundial de Motociclismo. A expectación foi brutal, e máis no noso país, xa que os nosos pilotos nos últimos anos son o maior expoñente desta competición. Proba diso, foi a audiencia colectada por Telecinco durante a transmisión. Tres vitorias patrias, a chegada de Márquez a Moto GP para competir con Pedrosa e Lorenzo, ou un horario de tarde seguro que foron os culpables delo, e non tanto a retransmisión da cadea buque insignia de Mediaset España que segue deixando moito que desexar.

O motociclismo está de moda no noso país e as carreiras están demostrando estar á altura das expectativas nos últimos tempos. Os mundiais están moi igualados e estamos vendo emoción ata os últimos grandes premios. Ante iso, o espectador medio non pode ter queixa, pero si que a pode ter doutros elementos como a clasificación, unha clasificación que sufriu novidades de cara a esta tempada. En Moto GP, a categoría raíña, os pilotos dispoñen de tres quendas de adestramentos libres. Facendo unha media de tempos, os dez mellores clasificados pasan á chamada QP2, onde se decidirá a grella de saída en 15 minutos. O resto, loitarán na QP1 polas dúas últimas prazas para a QP2. Uns cambios que parecen difíciles de entender, pero que en poucas semanas serán familiares. Este novo sistema tenta imitar, a súa maneira, as sesións actuais de clasificación na Fórmula 1.

Aínda que as categorías de Moto 2 e Moto 3 continúen co sistema anterior, parece que o novo sistema pronto imperará nelas, xa que algo máis de emoción si que aporta. De tódolos xeitos, os adestramentos en motociclismo son moi importantes para os pilotos, pero cada vez o son menos para o espectador. Preparar a configuración da moto é necesaria, pero a confección da grella de saída interesa pouco ou nada ó espectador, tendo en conta que partindo dunha posición razoable (clasificar entre os dez primeiros) conservas todas as opcións á vitoria. Ó contrario que sucede na fórmula 1, as posicións de saída en motos non son tan relevantes xa que adiantar é máis sinxelo.

Por iso, o novo sistema de adestramentos aporta ese aliciente de producirse en pouco tempo, pero a min gustaríame que se tentara levar un pouco máis alá. Por que non unha clasificación a unha soa volta como se realizaba antes na Fórmula 1? A posibilidade de erro estaría moi presente e a emoción garantida, xa que as motos irían saíndo de unha e unha e poderíamos ver como se van rebaixando os tempos progresivamente. Os fallos tampouco se penalizarían tanto como na Fórmula 1, xa que como dixemos antes en motociclismo adiantar é máis sinxelo. Ademais, eses adiantamentos e esas remontadas provocadas por un mal adestramento, sumarían épica ás carreiras. Para os pilotos esixiría un maior nivel de concentración e tamén nos permitiría ver como actuarían baixo presión, engadindo outro aliciente ós sábados, e converténdoos así nun día importante para a audiencia.

Polo tanto, considero que sería un sistema aínda mellor que o actual, e que axudaría a sacar rendemento do produto a nivel televisivo. O mundial comezou con forza, batendo marcas de audiencia nas carreiras, pero cunhas cifras normais nos adestramentos. O auxe do motociclismo está asegurado, sobre todo no noso país, e non pasaría nada por tentar ir un pouquiño máis alá. Facendo isto, seguro que o deporte, o que ó final máis importa, tamén sairía gañando.

Foto de portada: Club Moto