Nós, os inimigos
Nos anos máis duros da actividade da banda terrorista ETA en Euskadi, o Partido Popular Vasco, liderado entón por Mayor Oreja, comezou a tecer un discurso que foi rapidamente asumido polo partido a nivel nacional: o cerco do que constituía ETA comezou a medrar de xeito desproporcionado. Dende a banda en si, estendeuse aos partidos que a xustificaban, aos sindicatos vinculados, aos medios de comunicación que non a condenaban. E como unha espora expandiuse tamén a todo aquel que entrase en contacto con calquera deses axentes vinculados a ETA ou coincidise en calquera declaración ou postura con eles.
O diálogo político quedou en suspenso, pois a perversión do discurso impedía calquera debate. Todo aquel que non afrontase determinados temas dende o mesmo punto de vista que o Partido Popular ou ben era ETA, ou ben simpatizaba con ela, era un sucio colaboracionista dos seus actos, eran insensible ante eles, non percibía a realidade, ou, como mínimo, sufría dun noxento síndrome de Estocolmo. Calquera controversia política ou contraste de posturas quedaba condenada ao fracaso.
Afortunadamente, aquel “todo es ETA” foi indo a menos e chegou a converterse nunha chanza habitual de internet ata o seu desafortunado rescate fai poucos días.
Con todo, non deixa de ser inxenuo afirmar que foi Cristina Cifuentes a redescubridora do “todo é ETA”. Moito antes, outros xa nos tiveran instado a elixir entre poñernos de parte “dos asasinos ou das vítimas”, “dos criminais ou do pobo”, “dos de arriba ou dos de abaixo”, “do 1% ou do 99%”. “Ou con nós ou contra nós”. Díxoo claramente Bush á hora de referirse á orde mundial imperante ante o que denominaba “o eixo do mal”.
Non deixa de sorprender que sexan Bush e Mayor Oreja os maiores referentes discursivos de determinada esquerda hoxe en boga, ben sexa Alternativa Galega de Esquerda na nosa terra, ben a súa matriz Izquierda Unida ou a Plataforma de Afectados pola Hipoteca.
A nova ETA é “o sistema”. Temos aos partidos do sistema, aos intelectuais do sistema, aos medios do sistema e, por suposto, ás empresas do sistema. Hai que recoñecer, sen embargo, unha interesante amplitude estilística. “O sistema” admite variacións máis barrocas como “o pútrido sistema xurdido do réxime de segunda restauración borbónica de 1978”, “a plutocracia financeira” ou “a ditadura neoliberal dos mercados” . A definición deste “sistema”, sen embargo, carece de tanta sofisticación: “o sistema” vén sendo todo discurso oposto ao seu.
Xa nos avisaron sobre que máis de 600.000 galegos son cómplices dun asasino, sobre que a oposición ás súas propostas implica converterse en “responsable directo do sufrimento e da dor de milleiros de familias neste país” e sobre que calquera derrota electoral é relativa xa que (sic) “no hay democracia en este país cuando hay las cifras de paro y la pobreza que hay“. Se saímos ao exterior, parece mentira que dubiden, “Merkel é Hitler” e punto pelota.
Ilustrados estes extremos, xa só queda escoller entre poñerse de parte “do pobo” ou dos criminais. Dos bos ou dos malos. Estes son os marcos sobre os que construír o debate político para o que ten dado en chamarse, nunha indubidable ironía do destino, “pensamento crítico”.
Hoxe, os que condenaron “o dogma da austeridade” pola falsidade de presentalo como un camiño sen alternativas expoñen a súa folla de ruta como a única posible para evitar o desastre, como a única posible solución para “o pobo”, como a única alternativa decente. Toda política que non siga os seus ditados non é democrática e está, con toda seguridade, perfectamente planificada polo “sistema” co único obxectivo de facer o mal.
A dereita, obviamente, é “o sistema” con maiúsculas. Un calafrío recorreu unha mañá os corpos dun home lendo o ABC nunha cafetería, dunha señora saíndo de misa de 9, dun rapaz estudando a Hayek e dunha concelleira dun municipio de Burgos. Esa mañá todos pasaron a percibir que, dalgún xeito, todos eles eran cómplices de xenocidio, de asasinato e de crime institucionalizado. A vella ilusión de que eran simplemente persoas cunha ideoloxía e orientación política diferente desvaneceuse e souberon a verdade: eran “o inimigo”.
A socialdemocracia, por contaxio, é tamén “o sistema”. O pai de familia, socialista de Felipe, coa súa chaqueta de pana e o universitario co carné das Xuventudes levantáronse tamén un día, sen que ninguén tivese a decencia de avisar a tempo, sabedores de que eran “o inimigo”. Tan así foi, que á pobre Beatriz Talegón ninguén tivo tempo de advertila e tivo que pasar o trago de comprobar nas súas propias carnes que xa se convertera “no inimigo”.
Calquera outra manifestación que amose unha saída do discurso prefixado é, indefectiblemente, “o sistema”. Tanto podes dicirlles que a dación en pago pode ser especialmente prexudicial para as clases humildes que verán extraordinariamente encarecido o seu acceso á vivenda e a calquera outro crédito, como que falar de “epidemia de suicidios” pode ser tan falso como contraproducente ou incluso que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea non di que a regulación española dos desafiuzamentos sexa ilegal. Calquera destas afirmacións será rebatida como a sucia “propaganda pro-sistema” que é.
O espazo para o debate político queda, inevitablemente, achicado, cando a confrontación de ideas, o debate de propostas e o mutuo recoñecemento de lexitimidade queda obturado pola asunción de que os rivais políticos son un “inimigo”, criminal e asasino. Non temos posturas encontradas, nin visións diferentes sobre cómo afrontar os problemas. Calquera discrepancia implica “ir contra a maioría social”, polo menos mentres non vaiamos perfeccionando o modelo e poidamos descualificar directamente ao disidente como “contrarrevolucionario”.
Sempre houbo quen dixo que o Parlamento era unha casa de hipócritas porque despois de chamarse de todo, os deputados tomaban xuntos o café. “Menos mal”, pensabamos algúns, que temos nas nosas vidas encarnizadas discusións políticas con amigos cos que logo podemos compartir unha cervexa, convencidos de que cadaquén ten o seu xeito de enfocar os problemas e o dereito a confiar en solucións diverxentes.
O Parlamento que a moitos nos preocupa é no que iso non ocorra. No que realmente non exista esa asunción “do outro” (da alteridade da que curiosamente falaba Beiras hai uns días), e que quede substituída polo odio e xenreira contra “o inimigo” que non merece nin existir.
Esa alteridade da que carecen e que lles impide asumir que tamén hai xente para a que as súas políticas son “prexudiciais para a maioría social” ou “un camiño sen saída”. Que hai quen se opón simplemente porque escolleu outro camiño na mesma procura do “ben común”.
Sen embargo, esa incapacidade de asumir a oposición lexítima aos seus postulados ideolóxicos e políticos, leva o seu discurso ata a animalización do rival político que está a ser a bandeira da “guerra” que algúns queren librar. Cando un parte do fanatismo de que a súa postura é a inequívoca encarnación da bondade e do correcto, calquera oposición a ela ten que ser necesariamente refractaria ao “ben común”.Así, os rivais non poden ser discrepantes, serán nazi-necios, criminais, asasinos, brigadas de exterminio, porcos e desgraciados de toda clase e condición.
Á marxe de AGE, IU e a PAH só hai “barbarie” e “fascismo”. A existencia de alternativas ideolóxicas tan lexítimas como a propia é un unicornio tristemente caído en combate en medio da loita “do pobo” contra “o inimigo”.
Non, Ada Colau non é ETA. Nin o son Beiras, nin Yolanda Díaz nin Alberto Garzón. Son, simplemente persoas que, de boa fe, defenden unhas posicións políticas que eu non comparto. Non é moito, pero daríame cun canto nos dentes se eles pensasen o mesmo de min.