II Galegote Rock
Nove grupos que fan música en galego déronse cita en salas comerciais as dúas primeiras semanas de abril en Pontevedra. A que sorprende? Efectivamente, non foron concertos comúns, formaban parte do II Galegote Rock, festival de música organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. O festival contaba con 4 días de concertos, 1 dos cales era gratuíto. O prezo tampouco estivo mal: 12€ o abono de presentación + concertos, 8€ o abono para os dous días de concertos, 6€ para un só día e 5€ a entrada para a festa de presentación.
O primeiro que pensei cando vin o nome do festival foi “Galegote? En serio?”. E é que me parece un nome horrible: mira que non haberá nomes e xogos de palabras con “galego” que xusto van meterlle un sufixo aumentativo despectivo… pero en fin, como un ten certo nivel de intelixencia que lle asegura que o nome do festival non é o máis importante (pero o certo nivel tampouco dá para moito máis, non creades), comprobei os grupos que tocaban. A partir ese momento, non coller a entrada para todos non era unha opción.
Presentación e outras lerias:
O Neno Elliott, Os Amigos dos Músicos, Roger de Flor e O Marqués das Vinhas (home, rock, o que se di rock…)

O Neno Elliott
O Neno Elliott é un indie de pro, e xa o era dende moito antes de que as gafas de pasta fosen populares (lembrades? Mi má, onde vai iso!), mais parece que co tempo foi gañando en repouso. Comprenderedes isto último se vos digo que O Neno Elliott foi hai uns cantos anos a voz dos Blood Filloas, autores da mítica Superheroe, que seguro vos ten acompañado nalgunha merenda.

Os Amigos dos Músicos
Tras un par de cancións en solitario, foi o momento de chamar a Os Amigos dos Músicos, banda que adoitaba acompáñalo nos concertos pero que tivo a necesidade de independizarse cando O Neno deixou os escenarios por un tempo. Funcionaban e decidiron non frear a engrenaxe musical. O que máis me chamou a atención foi a impresionante habilidade de todos eles: case cantaba unha persoa distinta cada canción! Por non falar dos instrumentos… entre as cancións, alguén berraba “cambio!” e enriba do escenario había un bulir incansable no cal cada un buscaba o instrumento que lle correspondería no seguinte tema. Contaron coa colaboración de O Neno Elliott nalgunha canción, ao igual que eles o fixeron con el. Realmente, non estaba claro de quen era cada canción; a mestura funciona perfectamente e a orde dos factores non alterou o produto. Realmente foi un concerto bonito, moi reconfortante, con moito acorde menor nas cancións… é o que ten a música intimista. En palabras do propio Elliott, “entre isto e a crise, suicidámonos todos”.
O xoves 11 tivo lugar noutra sala, o Pequeño Karma, o concerto que reuniu a Roger de Flor e O Marqués das Vinhas unha vez máis nos escenarios. Foi ao único ao que non puiden ir, polo que non podo retratar o ambiente. Porén, estou seguro de que foi algo así, pero co dobre de rapaces e o triplo de adultos:
Honrando ao seu apelido, chega o Rock ao Galegote:
Martelo, Foxy Freire e Terbutalina.

Martelo
Os encargados de abrir a noite foron Martelo, un grupo dos que fan honra ao seu nome: son potencia e forza, como o instrumento que os representa. Riffs sinxelos en guitarras cun ritmo moi marcado. A metade de concerto calquera podería despistarse e pensar que aos Rage Against The Machine lles deu por cantar en galego, posto que é notable a influencia deste grupo ou doutros grandes como Jimi Hendrix. Estes tres rapaces foron os encargados do traballo sucio: prepararon ambiente con fortes doses de rock duro. Malia levar menos dun ano como formación, estiveron ao nivel do que esa noite o Galegote ofrecía.

Foxy Freire
O segundo pase foi cortesía de Foxy Freire. Músicos de pura cepa, é impresionante ver estes raposiños enriba dun escenario. Puro gozo é unha cualificación que quedaría moi curta se queremos describir o que esta xente sente cun instrumento entre as súas mans; ou esa é a impresión que daban. O virtuosismo nos dedos e nas mans de calquera deles permitiunos gozar dun son que bebe directamente do rock and roll dos sesenta e dos setenta. Temas tanto en galego coma en inglés foron a perfecta escusa para presenciar sobre o escenario unha escena explícita entre un humano e a súa guitarra. O orgasmo musical que deu fin ao concerto foi tan real que a noite podería ter rematado alí e merecer un 11 sobre 10.

Terbutalina
Por último foi a quenda da Terbutalina, que comezaron así unha fin de semana na que estarían cheos de traballo: ao día seguinte tiñan concerto en Vigo (esta vez, sen pasar por Padrón) e o domingo tocaríalles gravar o primeiro videoclip do seu último disco. Que dicir de Terbutalina que non dixeran xa eles ou que non lésemos aquí sobre a súa actual xira? Como ven sendo habitual con estes rapaces, contaron un público entregado que, para o xúbilo dos zapateiros, ghastou pista e brincou ata quedar sen folgos. Os de Muros puxeron fin a unha noite redonda na que o rock galego e feito en galego reivindicou unha vez máis a súa existencia. Hora de ir durmir, pero isto non remata ata mañá.
Noites de verán no 10º aniversario:
Ataque escampe e Fervellasverzas

Ataque Escampe
Para pór o broche ao ciclo de concertos chegan os (as) Ataque Escampe. O rock de Serie B e as súas variantes visitaron esa noite a capital das rías baixas cun EP moi digno (máis de 20 minutos) chamado Noites de Agosto con Ataque Escampe. Os excéntricos din que non, pero os románticos cremos que foi este concerto o que trouxo o tempo de verán á cidade. Enriba do escenario o grupo fixo unha escolma de temas entre a que se puido escoitar algunha versión, como a xa coñecida Festa Malandrómica ou unha versión dun tema de Paul á sombra (hai quen di que é un alter ego de Ataque Escampe para presentárense a concursos cutres, pero xa sabedes que a xente é moi amiga de falar). Sexa como sexa, a presenza de Johnny Guitar no escenario era patente.
E para rematar definitivamente coa noite, que mellor que celebrando un aniversario. 10 anos cumprían os Fervellasverzas, e por iso deron un concerto máis especial do normal. A pel quedou no escenario (a alguén lle soa iso de tocar en cada concerto como se fose o último?) e houbo sorpresas que fixeron as delicias dos seus maiores seguidores. O bo de datas tan sinaladas é que mesmo alguén desvinculado totalmente do grupo é quen de sentirse partícipe da festa. Sen dúbida uns dez anos moi ben levados e rock que sae directamente do corazón. O momento álxido foi, sen dúbida, cando un antigo membro do grupo subiu ao escenario a axudar a cantar un dos temas. E non só porque houbese un hostión polo medio, senón porque o motivo dese hostión foi a emoción latente na sala entre o público e a banda: Poida que non fose boa idea deixar as travesas do teito tan preto do escenario que permitan a alguén colgarse delas, pero agora xa foi. Iso si, a intensidade que alguén transmite cando canta co corazón mentres está no sentido contrario ao dos seus espectadores é brutal!

Fervellasverzas
E con isto considerouse finalizada a segunda edición do Galegote. Poida que o nome non fose acertado, pero a escolla das bandas si. A asistencia foi normal a case tódolos concertos, incluso algo baixa nalgúns deles. É sabido que o rock (e a música) en galego non moven masas por norma xeral, pero iniciativas como esta axudan moito á súa visibilidade e serven para descubrir grupos moi interesantes. Ademais, non existen demasiadas oportunidades de ver a algún destes grupos nunha sala con tan boas condicións acústicas como as da Sala Karma. Así que o dito, longa vida ao Galegote!
Texto e fotos: Miguel Grandío.
Nesta ligazón podedes atopar máis fotos dos concertos.